Posts

Ponte sobre o río Zambeze en Tete

Crónicas mozambicanas. Visita técnica de novembro e decembro

Nos meses de novembro e decembro tivo lugar unha visita técnica a Mozambique cunha duración de 4 semanas nas que o traballo se centrou principalmente no fortalecemento da ARA Sur (Administración Rexional da Auga do Sur de Mozambique) organismo homologo a Augas de Galicia no sur país. Durante a estancia tamén se realizou una visita a sede da ARA Centro na provincia de Tete na que se abordou a concreción dos traballos en inundacións con esta ARA para o ano 2025.

Nun contexto de cambio climático no cal os ciclóns e as anomalías nas precipitacións son cada vez mais frecuentes en Mozambique, o obxectivo principal da visita foi o de continuar coa formación teórico práctica para a análise de inundacións co fin de que a ARA Sur poida dispoñer de estudos hidrolóxico-hidráulicos que lle axuden na toma de decisións no caso de precipitacións elevadas. Nun contexto de cambio climático no cal os ciclóns e as anomalías nas precipitacións son cada vez mais frecuentes en Mozambique.

Para iso traballouse na sede da ARA Sur en Maputo co técnico encargado da análise de eventos extremos. O traballou consistiu nunha nova fase de formación práctica para a realización de estudos de inundacións en bacías de pequena entidade co fin de facilitar a aprendizaxe e o manexo e procesado da análise e dos seus resultados. De modo paralelo, traballouse no peche da modelización da bacía piloto do Inhanombe e na delimitación de zonas inundables para diferentes períodos de retorno.

Os avances realizados, tanto nesta visita como na anterior do mes de outubro, foron satisfactorios e supuxeron unha notable mellora nas capacidades da técnico de referencia da ARA Sur para o estudo de inundacións.  Este técnico xa realizara o ano anterior -grazas ao apoio do Grupo de Enxeñería da Auga e do Medio Ambiente (GEAMA) da Universidade da Coruña-, un curso en liña de iniciación a Iber+ a través de Iberaula, algo que sen dúbida supuxo un moi bo punto de partida para a actividade.

Os traballos desenvólvense sobre o modelo hidrolóxico-hidráulico integrado de alta resolución Iber+, baseado na resolución das ecuacións 2D de augas pouco profundas. A análise dos procesos hidrolóxicos e hidráulicos que teñen que ver esencialmente con estudos de avenidas e a delimitación de zonas inundables require de diferentes fontes de información relacionadas fundamentalmente coa topografía e o relevo da bacía, os tipos e usos de chans predominantes, así como da distribución espacial e temporal das precipitacións asociadas a períodos de retorno extremos, entre outros.

Tendo isto en conta, a dispoñibilidade da información local existente na bacía ou rexión a estudar xoga un papel importante. No caso de Mozambique, do mesmo xeito que noutros países de África ou outras rexións do mundo, non se dispón con frecuencia de datos locais fiables e actualizados, polo que é necesario recorrer ao uso de fontes globais que resultan de gran utilidade á hora de paliar a carencia de información existente. Para o estudo da bacía do río Inhanombe, coa excepción dos datos precipitacións, foron utilizadas fontes de datos globais de distribución libre.

Durante a visita púidose rematar o estudo piloto da bacía do Inhanombe con base no cal foi realizada unha presentación entre o persoal técnico do departamento de recursos hídricos da ARA Sul. Na xornada interna foron presentados os resultados do estudo hidrolóxico: caudais máximos obtidos para diferentes períodos de retorno xunto cos correspondentes hidrogramas de avenidas e os seus respetivos volumes, e tamén os resultados da análise hidráulica: delimitación de todas as zonas inundables existentes dentro da bacía do río Inhanombe para períodos de retorno de 500, 100, 50 e 10 anos.

Nesta ocasión tamén houbo unha visita a cidade de Tete, na provincia do mesmo nome na zona centro-oeste de Mozambique, coa idea de poñer en marcha os traballos sobre inundacións coa ARA Centro no ano 2025. A visita centrouse na realización de reunións coas equipas técnicas e directivas e no debate e concreción dos traballos a realizar que, nun principio, irán na mesma liña que os xa avanzados coa ARA Sul. A ARA centro (unha das tres ARA de Mozambique) é a responsable da xestión da bacía do río Zambeze, un dos grandes ríos de Africa no cal augas arriba da cidade de Tete está o embalse de Cahora Bassa que conta cunha capacidade de almacenamento de 63.000 hm3 (o 12o do mundo).

Durante a visita tamén se traballou no inicio da análise do ano hidrolóxico 2024/2025 e no apoio ao traballo de fin de mestrado en hidroloxía dun técnico do departamento de recursos hídricos da ARA Sur. Tamén houbo tempo para facer reunións coa Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento e co Director da Facultade de Enxeñería da Universidade Eduardo Mondlane, coa cal se colabora realizando palestras baseadas nos traballos realizados coas ARA.

Visita técnica en Mozambique

Durante o mes de outubro tivo lugar unha visita técnica a Mozambique cunha duración de 30 días nos que o traballo se centrou no fortalecemento do persoal da Administración Rexional da Auga do Sur de Mozambique (ARA Sur), organismo homologo a Augas de Galicia no sur país.

O obxectivo da visita foi o de realizar in situ formación teórico práctica para a análise de inundacións de xeito que a ARA Sur poida dispoñer de estudos que lle axuden na toma de decisións, e coa formación do persoal para a realización dos devanditos estudos como elemento fundamental.

Para iso traballouse de modo intensivo nas oficinas da ARA Sur en Maputo co técnico de referencia da ARA Sur para estas cuestións. O traballou inicial consistiu na realización de estudos de inundacións en bacías de tamaño pequeno que permitiron un fácil manexo da análise e dos seus resultados. De modo paralelo avanzouse, co acompañamento do ARA Sur, na modelización da bacía piloto do Inhanombe para a delimitación de zonas inundables con diferentes períodos de retorno. O obxectivo de traballar a este dobre nivel foi o de facilitar a asimilación do proceso de análise -co fin de que a ARA Sur poida realizar estudos deste tipo- nun proceso de aprendizaxe baseada en aprender-facendo que se prevé lento pero que se verá facilitado co desenvolvemento deste tipo de estudo de interese para a administración das augas do sur de Mozambique.

Ademais, neste caso, o técnico do ARA Sur referencia para esas accións tivo a oportunidade de realizar fai máis dun ano un curso en liña de iniciación a Iber+ (programa libre de modelización hidráulica) a través de Iberaula, grazas ao apoio do Grupo de Enxeñería dá Auga e do Medio Ambiente (GEAMA) da Universidade da Coruña, o que sen dúbida supuxo un notable avance para a actividade.

A base metodolóxica para o estudo de inundacións desenvólvese sobre o modelo hidrolóxico-hidráulico integrado de alta resolución Iber+, baseado na resolución das ecuacións 2D de augas pouco profundas. Para a análise dos procesos hidrolóxicos en Iber+ (p ex. estudos de inundacións) requírense esencialmente de datos de tipo:

(a) hidrolóxico (precipitacións e os seus correspondentes hietogramas, así como a definición do método para empregar para considerar as perdas por infiltración)

(b) datos relacionados coas características físicas da bacía de estudo (definición espacial dos respectivos coeficientes de rugosidade en función da cobertura vexetal existente, e definición do propio Modelo Dixital do Terreo MDT que serve de base para asignar as elevacións aos nodos dos elementos de malla non estruturada que se define para todo o dominio da conca).

Todas estas bases de datos empleadas no proxecto, do mesmo xeito que o propio modelo Iber+, son de libre acceso, como parte da aposta que temos polos datos abertos e a tecnoloxía libre.

Durante a visita tamén se traballou na análise do ano hidrolóxico 2023/2024 e no apoio ao traballo de fin de mestrado en hidroloxía dun técnico do departamento de recursos hídricos da ARA Sur. Nos meses de novembro e decembro está previsto realizar novas visitas técnicas para avanzar con estas liñas de traballo que terán continuidade no 2025.

Foto portada: equipo da ARA Sul