Asinado convenio con Espazocoop, unión de cooperativas galegas
Hoxe temos o gusto de anunciarvos a sinatura dun convenio de colaboración con Espazocoop, asociación sen ánimo de lucro, de ámbito galego, integrada por cooperativas de distintas clases, inspirada nos principios cooperativos e os seus valores.
Para ESF, que levamos anos traballando o tema de Outra Economía Posible, con distintos estudos e tamén tratando de levar este concepto ao educativo e aos nosos proxectos de cooperación internacional (en Honduras é un dos piares básicos do noso Programa de Soberanía Alimentaria), é un paso moi importante para tender lazos co sector galego da economía social.
Espazocoop xa nos prestou apoio nunha das mesas redondas do proxecto Mulleres Bravas (na imaxe, a segunda pola dereita é Mar Pernas, de relacións institucionais de Espazocoop, xunto co resto de participantes na mesa redonde de Mulleres Bravas da Economía Social na Universidade de Vigo). A raíz de aí, xurdiu a idea de seguir colaborando con elas e coas súas cooperativas asociadas para dar a coñecer e potenciar ese outro xeito de facer economía, un que poña ás persoas no centro, tanto en Galicia coma nos nosos países de traballo. Así sexa!