Posts

Altri Non

Onte varias esfeiras estivemos na manifestación en Palas de Rei, convocada pola Plataforma Ulloa Viva, contra a instalación dunha fábrica de celulosa por parte dunha empresa portuguesa, Altri, con outras socias. Case 20.000 persoas mobilizáronse nesta pequena vila de Lugo.

O lema da manifestación, #AltriNon, non era un simple rexeitamento a unha fábrica de celulosa. Viuse unha sociedade civil que quere ser informada con transparencia, non infantilizada, que está farta de que uns poucos decidan o modelo socioeconómico para beneficio duns poucos. Este proceso é o “anti ben común” e, por iso, unha asociación como a nosa non pode deixar de facerse eco.


O proceso non promoveu a participación das persoas afectadas, nin sequera ten claro como vai afectalas (a elas, nin ao medio, con moitas dúbidas en canto a impactos medioambientais). É un exemplo de extractivismo onde se externalizan os impactos negativos pero non as gañancias e, de feito, a empresa Altri non é nova en malas prácticas extractivistas, con diversas multas (en Portugal non a quixeron por estes e outras razóns…). Tamén se ve o modelo “macroindustrial” que tanto gusta nalgúns ámbitos. 10 veces máis superficie que ENCE. Certo que a celulosa é precisa, pero fai falta semellante monstro?

Con respecto a iso, un elemento importante, ademais da opacidade deste proceso e o risco ambiental, coa connivencia das administracións públicas e os dous partidos maioritarios, é o modelo productivo e, por ende, territorial que implica impulsar unha fábrica como esta en Galicia. O monocultivo de eucalipto (como calquera outro monocultivo, aínda que para que sexa rentable a nivel industrial soe ser intensivo en recursos, sexa agroquímicos, terra ou ambas), é un problema grande en Galicia. Con este proxecto agravaríase a dependencia deste monocultivo. Hai diferentes modelos productivos, hai que ter claro por cal se aposta. En ESF falamos de soberanía alimentaria, o pequeno e adaptado á nosa contorna, e participación co-responsable das persoas nos territorios, todo o contrario deste modelo que queren seguir impulsando. Estamos en contro do eucalipto e a industria? Non, pero parece que non sabemos medirnos cando atopamos unha materia prima aparentemente “rentable”. A acumulación de cartos pasa por riba de calquera outra consideración, non é?

Tamén queremos chamar a atención sobre a manipulación dos medios de comunicación e o seu aliñamento co poder. Non é nada que non soubésemos, pero cómpre sempre telo na mente se queremos unha cidadanía crítica para poder exercer, como din en Centroamérica, un ¨monitoreo social” forte, moi saudable para a democracia.

Para coñecer máis deste conflicto recomendamos este audiovisual, Altri: a sede insostible, de 25 minutiños, que quixemos apoiar dende Enxeñería Sen Fronteiras xunto con outras plataformas e organizacións e, sobre todo, o traballo de xornalismo activista das compas Elena e Pablo, de Xarda e O Salto.

Esperamos, dentro do proxecto Mulleres Bravas, apoiar á Plataforma (que conta con moita colaboración cidadá e moitas mulleres en primera liña, pero fai falta todo o apoio posible), con vindeiras formacións sobre Comunicación de Guerrilla.

Créase en ESF un grupo para facilitar asesoría técnica a plataformas de defensa do territorio de Galicia

A asociación Enxeñería Sen Fronteiras vén de aprobar na súa asemblea xeral a creación dun grupo de traballo para apoiar a plataformas de defensa do territorio de Galicia que precisen algún tipo de estudo técnico ou asesoramento.

Nos últimos anos incrementouse o número de comunidades que están inmersas en conflitos sociais relacionados co actual modelo de explotación dos recursos naturais (minaría, eólica, etc) e desenvolvemento territorial. Algunhas enfróntanse a ameazas e malas prácticas por parte de empresas extractivas, outras ao ninguneo por parte de representantes políticos, pero o que é común é que non adoitan contar con recursos para afrontar con garantías todos os procesos burocráticos de alegacións e reclamación de dereitos. Hai requisitos administrativos e técnicos que requiren tempo e coñecementos, e aí é onde Enxeñería Sen Fronteiras quere ter un papel de apoio a estes colectivos, sobre todo no que ten que ver coa parte máis técnica, para poñer a enxeñería ao servizo das persoas e colectivos máis vulnerabilizados.

O grupo empezará a funcionar apoiándose nos contactos da asociación, tanto de persoas voluntarias como profesionais que poidan cobrar polos seus servizos, creando unha rede de expertas técnicas de confianza. Inicialmente empezarase con un ou dous proxectos piloto de colaboración para calibrar ben as actividades a realizar e os recursos que implican.

As plataformas que teñan algunha demanda, ou as persoas que queran colaborar no grupo, poden contactar a asociación polos medios que se atopan na web https://galicia.isf.es/

Novo proxecto. Fase 2 de Mulleres Bravas, tendendo pontes entre defensoras da vida de Honduras e Galicia

Mulleres Bravas é un programa que ten como meta visibilizar as problemáticas globais relacionadas coa sobreexplotación de recursos naturais en todo o mundo e que afectan especialmente aos países empobrecidos (extracción de materias primas, produción de enerxía, e explotación da terra, entre outras). A través da conexión das realidades de Honduras e Galicia, abórdase cos públicos obxectivos do proxecto, a reflexión sobre os impactos ambientais e sociais do noso actual modelo de consumo e desenvolvemento, así como alternativas sostibles de xestión dos recursos que exemplifiquen que outro modo de producir, consumir e vivir, é posible.

Trátase dun programa cuxo xermolo foio desenvolto en 2019 por ESF Galicia e a continuidade dunha primeira fase realizada durante os anos 2021 e 2022 xa en consorcio con Amigas da Terra Galicia, a cal pretendemos dar continuidade debido a boa acollida e valoración do mesmo.

O obxectivo do proxecto é, polo tanto, “visibilizar os impactos sobre as persoas e o medio ambiente dos proxectos industriais e extractivos en Honduras e Galicia, así como alternativas sustentables, con especial atención ás mulleres”. Para conseguilo, o proxecto artéllase ao redor de dúas liñas de acción:

  • 1. Crear pontes entre organizacións e movementos da sociedade civil de Honduras e Galicia para a protección da vida e/ou que impulsan alternativas sustentables, con especial protagonismo das mulleres
  • 2. Visibilizar o enfoque de cidadanía global das resistencias ao extractivismo e das alternativas sustentables nos públicos meta ás que mellor poden acceder ESF e Amigas da Terra: escolas universitarias e colectivos cidadáns de defensa do territorio)

Esto materialízase máis concretamente na viaxe de 3 mulleres hondureñas a Galicia (en dous momentos diferentes do 2024), para participar en espazos de encontro con plataformas e colectivos activistas de defensa do territorio e a economía social, e charlas en universidades. Como novidade desta fase, unha das activistas hondureñas realizará unha estadía de longa duración, de máximo un mes, convivindo con diferentes mulleres labregas galegas, coa colaboración do Sindicato Labrego Galego.

Tamén se explorarán novas formas de achegarse á comunidade universitaria destacando a presentación dun proxecto de innovación educativa en aprendizaxe-servizo (ApS) na Universidade de Vigo.


Como parte da estratexia para visibilizar o enfoque da cidadanía global nestas plataformas de resistencia realizarase unha campaña de comunicación que poñerá a disposición das plataformas de defensa do territorio de Galicia participantes, formación presencial en comunicación de guerrilla, así como un espazo de encontro para xeración de sinerxías. O eixo principal da comunicación será a reivindicación da acción colectiva e comunitaria, coas redes de coidados que iso posibilita (e do que se pode aprender moito dos saberes de Honduras).

Un elemento engadido con respecto á primeira fase é unha investigación sobre conexións do extractivismo España-Honduras.


Hai dous feitos diferenciais e transversais a todas as actuacións do proxecto:

  • por un lado a loita pola xustiza de xénero, a cal empeza co recoñecemento do papel relevante que xogan as mulleres no sustento e protección da vida (non só no eido familiar, se non tamén na protección e defensa do territorio, xogando un papel central no activismo e defensa da comunidade). Tamén sendo conscientes dos perigos e abusos que enfrontan no seu activismo polo feito de ser mulleres.
  • or outro, o traballo en rede que non só se concreta na conexión de colectivos de Honduras e de Galicia, reforzándose polo apoio con máis entidades colaboradoras, ao igual que na cooperación coas universidades galegas, nas redes de traballo no sur de Honduras así como na rede nacional e internacional da Federación de Amigos de la Tierra e na Federación Española de Ingeniería Sin Fronteras.