Posts

Visor dos sistemas municipais de abastecemento de auga en Galicia

Este visor cartográfico, en permanente actualización e corrección, vén suplir a falta de información pública e accesible en Galicia sobre os sistemas de abastecemento municipais de auga potable. Foi feito en colaboración de Enxeñería Sen Fronteiras Galicia, Ecoloxistas en Acción e o Laboratorio de Enxeñería Cartográfica da Universidade da Coruña.

Nel pódese consultar en formato de Sistema de Información Xeográfica o número de sistemas de abastecemento municipais que existen en cada concello e cómo se xestionan actualmente (público ou privado a través de concesión a empresa). Fornécese ademáis información sobre o volume de auga suministrado, que se contrasta co volume facturado polo Concello para obter un ratio de perdas no sistema, e tamén sobre os custos económicos para o Concello e consumidores. Toda a información para a realización do visor foi obtida con datos proporcionados polos concellos galegos.

Metodoloxía

Os concellos nos que non aparecen datos son dos que non se obtivo información a pesares de solicitala, xa que a partir de traballo de persoas voluntarias de Enxeñería Sen Fronteiras Galicia e Ecoloxistas en Acción se fixeron solicitudes en cada un dos rexistros telemáticos dos concellos galegos, un por un. Foise levando un rexistro das solicitudes realizadas, con número de expediente e data de presentación.

Nunha primeira etapa, tras esa solicitude directa en cada rexistro telemático municipal, só uns 20 concellos contestaron enviando os datos solicitados. Entón se realizou unha queixa á Valedoría do Pobo indicando os concellos que non contestaron pasados 4 meses. A partir dese momento foi cando se empezaron a obter máis respostas. Estas respostas os concellos as enviaban tanto vía email, como a través da Valedoría do Pobo ou no Notifica.gal. Nalgúns casos (en torno aos 20) indicaban que non lles constaba a solicitude, obrigándonos a enviarlles datos do expediente e data de presentación (o cal fainos resaltar como moitos concellos non teñen ben estruturada o subministro de información pública, sexa por falta de persoal, de protocolos axeitados ou simplemente por desidia). Nalgúns casos aínda se están enviando estes datos por non dar abasto, xa que se trata de traballo voluntario, non se contou con financiación para este traballo excepto un pequeno monto para desenvolver o Visor.

Aquí se pode coñecer máis sobre obstáculos atopados, ferramentas e aplicacións empregadas ou máis detalles de xestión dos datos.

Se se desexan os datos en bruto, pódense solicitar ao correo-e de contacto

Propostas de futuro

  • Realización de estudos e comparativas (empregando tamén a variable xeográfica)
  • Proposta de mantemento e actualización do sistema de información a nivel técnico e de gobernanza (como e quen manterá os datos e o sistema actualizado?). Opción de sistema online participativo empregando ferramentas como EMAPIC ou similares.
  • Ampliación do proxecto para incluir en cada concello o resto de sistemas de abastecemento existentes (probablemente traballando por número de persoas atendidas ou por % da poboación, que pode ser maior do 100% ao ser bastante habitual aldeas que conten con máis dun sistema de abastecemento, por exemplo veciñal e municipal). Para isto, a intención sería difundir o proxecto no territorio, para por unha banda crear incidencia social e por outra que a plataforma sexa un sistema vivo que permita achegas de todo o mundo, con validación posterior dos datos.
  • Afondamento en indicadores de aseguramento do Dereito Humano á Auga, tanto en concellos ou grupos de concellos, como a nivel de toda Galicia (en particular os que teñen que ver con acceso a información pública, a pobreza hídrica e a gobernanza).