Posts

Crónica do faladoiro “Pensando no futuro”

O pasado 22 de novembro no noso ciberbar puxémonos en “modo ciencia-ficción”. Empezamos preguntándonos se, esencialmente, eramos pesimistas ou optimistas de cara ao futuro en, digamos, 150-200 anos. Houbo quen se preguntaba se pasaremos do 2050 sequera pero, apocalípticos aparte, hai que recoñecer que non se respiraba optimismo precisamente…

Falamos de ameazas de volta aos feudalismos ou modelos tipo ecofascismo. Polo menos agora temos referentes máis democráticos que no permite ter esperanzas doutro xeito de gobernarse (na Idade Media non había tantos).

Falouse de que as persoas e, por ende, a humanidade, ten como dúas almas, a cooperativa e a competitiva, que pode marcar a tendencia cara mundos moi distintos. O predominio dunha tendencia ou outra marcará o futuro nunha época onde a tecnoloxía cada vez máis impactante nos trae a unha época de posibles disrupcións nunca vistas.

Esa tecnoloxía que nos van metendo e nos imos afacendo a ela, agora mesmo, a vemos como preocupante, porque pertence a esa “alma” máis competitiva, do máis e máis, que deixa a moitas persoas atrás na carreira de acumular, e destrúe ao planeta.

Tal vez influídas pola proximidade do Black Friday, o consumo tivo moita protagonismo nese devir do mundo. Se hai un oco para a outra alma pode estar no aumento do consumo comunitario (compartir transporte, compartir lavadora, comunidades enerxéticas…). Aínda se ve como “algo de pobres”, pero pouco a pouco tal vez vaia cambiando. Por exemplo, algunhas empresas de coches xa dan por suposto que o vehículo privado familiar vai ter os días contados.

Tamén pode empezar a cambiar todo o que ten que ver coa reparación de bens (sobre todo obrigadas por un contexto de escaseza de materiais). Actualmente, demasiadas veces e máis caro reparar ca comprar un novo (se é que se atopa quen o repare, coas trabas que se poñen nos propios aparatos). Precisaríase unha lexislación que impulse tanto aparatos moito máis duradeiros, como máis reparables. Un Wall E que durase 700 anos hoxe parece algo improbable…

De todos os xeitos, hai certo pesimismo á hora de plantexar unha redución de uso de materiais e hiperconsumo. Quen toca comodidades, logo non quere soltalas. Aínda así, non se debe deixar todo nos ombreiros da clase baixa e media (e menos se nos referimos a países empobrecidos, cuxa poboación tamén busca unha vida mellor no material). A veces as opcións non son factibles por trabas lexislativas. Hai cousas que lexislativamente se deberían impulsar. Empezar por cousas máis simbólicas (redución do IVE a reparacións) para logo ir meténdose en máis ambiciosas (especificacións técnicas para obrigar a reparar). Pero cando as propias administracións prefiren a compra de aparellos novos que a reutilización…

Xurdiron, como non, recomendacións de libros, series, pelis, con paralelismos como Mad Max, ou O conto da criada (este perigosamente posible a non moi longo prazo, hai países como Irán ou Afganistán que xa pasaron ou están a pasar algo así). No que ten que ver coas clases sociais e ecofascismos nun contexto de escaseza falouse do cómic-película-serie Snowpiercer (que foi tema central nun dos ciberfaladoiros da pandemia). Tamén se falou de Colapso, polo seu impactante realismo. Aproveitamos, como bonus, deixarvos unhas recomendacións de novelas distópicas galegas: O Cervo na Torre (do recentemente finado Darío Xohán Cabana), Cobiza (de María Reimóndez) e Be Water (de Antía Yañez Rodríguez, compañeira hai anos en ESF). Por se acaso, non vendades as leiras e botade un ollo á Guía do Descenso Enerxético (que por riba está adaptada á realidade galega!).

Para rematar con algo de esperanza, que tamén nos da azos no noso activismo en ESF, un xeito de perseguir ese futuro mellor é facer de altofalante de alternativas que xa están funcionando, aínda que sexan pequenas e non perfectas, que naceran con esa alma cooperativa e de coidados. Por aí hai xente que di que non se poden cambiar cousas sen cambiar primeiro as mentes…, e que mellor xeito que experimentando pequenos anacos dese posible futuro mellor.

Ciberfaladoiro: Comercio local e as compras vía Internet

Durante a pasada edición do “Ciberfaladoiro Esfeiro” tivemos a oportunidade de partillar impresións sobre un tema de actualidade coa achega do Nadal: o comercio local e as compras online.

Compañeiras e compañeiros de Reino Unido, Catalunya ou Galicia compartimos as problemáticas entre estes dous termos “comercio local” e merca “online” que, tal como fomos desenvolvendo, non teñen por que ser contrapostos. Así de primeiras xa detectamos a distinción entre comercio local vs grandes superficies e comercio online vs presencial.

Primeiramente xurdiron diferentes opinións ao respecto das compras online. En concreto, falouse do seu impacto medioambiental respecto á compra presencial.

Comentouse un estudo (podedes atopalo, xunto con outras referencia do falado, nos enlaces de abaixo) de Greenpeace que asegura que, postos a facer compras vía online, pode mellorarse ese impacto pedindo que o envío se faga a un punto de recollida, en lugar de ao domicilio. Deste xeito, evítase ese “último quilómetro”. Nesta liña, comentouse o impacto do embalaxe no caso de mercar por esta vía.

Tamén se resaltou, en base a un exemplo dunha pequena tenda local, a dificultade para adaptarse ao comercio online. O tempo de recepción de pedido, preparación, seguimento e confirmación de recepción supón un tempo e esforzo que moitas veces o pequeno comercio non pode asumir. Ademais, coméntanse as problemáticas debidas ás comisión asociadas ao pago vía tarxeta e vía Internet.

Aínda así xurdiron tamén achegas sobre o feito de que moitas pequenas empresas teñen que mellorar a nivel tecnolóxico/venda online. Do mesmo xeito, a carencia de servizos como as devolucións supoñen unha barreira fronte ás grandes superficies.

Un punto importante da conversa foi a identificación coa compra online e en grandes superficies co “quero isto sen máis historias”, ademais de evitar cola. Apréciase una forte relación entre unha cultura do “aceleracionismo”, ir rápido, ser produtivos, etc., que bate coa filosofía do comercio de proximidade. A loita por ou contra a inmediatez.

No medio de toda esta problemática, coméntase como están a desaparecer as pequenas tendas de barrio, o que tamén leva a unha falta de acceso a determinados produtos no rural, relacionando isto cunha concentración non sostible de agrupacións urbanas. Se este proceso está a producirse amodo nos pobos e cidades, cada vez máis invadidos pola grandes superficies; no comercio online, o feito de ter máis medios, fixo que sexan estas grandes superficies as primeiras en “chegar” e cubrir este baleiro, sendo agora moi difícil a entrada do comercio local nesta vía.

Por último, gustaríanos achegarvos algunhas ideas que se comentaron para loitar contra estas desigualdades comerciais existentes

– Empregar páxinas coma Amazon coma buscador de opinións de produtos e unha vez tes unha idea clara do que queres mercar buscalo en tenda física.

– Prestar atención ás tendas que venden os artigos que estás a mercar en páxinas coma Amazon, buscar a súa páxina web e mercala a través desta (ou, se está preto, en persoa).

Tamén vos achegamos as seguintes iniciativas e páxinas de interese sobre o tema deste ciberfaladoiro:

Alternativas:

https://dbarrio.com/

http://www.mercadodeabastosdesantiago.com/

https://amtega.xunta.gal/es/aplicaciones/mercados-y-plazas-de-galicia

exemplo de pequeno negocio rural tradicional con venta en liña: https://carabunhas.com/

https://benmercado.gal/market/gl/

https://www.todostuslibros.com/

https://www.mercadosocial.net/galicia

En Barcelona:

https://www.mensakas.com/es/

Contra a filosofía da inmediatez:

O artigo de Greenpeace comentado:

https://es.greenpeace.org/es/noticias/ecommerce-comercioelectronico/

Black Friday:

https://www.elsaltodiario.com/consumismo/greenpeace-graves-impactos-ambientales-comercio-electronico-online-black-friday

Prácticas chunguillas de Amazon:

https://www.businessinsider.es/amazon-vigila-empleados-impedir-creen-sindicatos-732069

https://www.eldiario.es/economia/amazon-infiltra-espias-almacenes-europeos-vigilar-trabajadores-grupos-sindicales_1_6458286.html