Posts

Visita a Galicia de delegación da Administraçao Regional da Águas do Centro, Mozambique

Responsables da xestión de auga de Mozambique visitarón Galicia entre os días 16 e 20 de xuño, dentro de AquaMoz, un proxecto de cooperación internacional liderado por Augas de Galicia, a ONGD Enxeñería Sen Fronteiras Galicia e Cooperación Galega (DXRREE e UE), para mellorar a xestión dos recursos hídricos no país africano.

Francisco Macaringue, xefe do departamento de Recursos Hídricos da Administración Rexional de Augas do Centro de Mozambique (ARA Centro), con máis de 15 anos de experiencia na xestión de recursos hídricos desde a administración publica mozambicana e Moises Macambaco, enxeñeiro especialista en hidroloxía, con máis de 10 anos de experiencia no monitoria e xestión de bacías, coñeceron de primeira man as principais claves da xestión pública da auga en Galicia, visitando infraestruturas e compartindo espazos con técnicos e responsables da administración galega.

A Xunta de Galicia ven cooperando desde o ano 2012 co goberno mozambicano, co obxectivo de fortalecer a xestión dos recursos hídricos que realizan as Administracións Rexionais das Augas de Mozambique (ARAs). As ARAs son organismos homólogos a Augas de Galicia, con competencias similares en relación á planificación e á xestión dos recursos hídricos. Os paralelismos existentes entre ambas as estruturas facilitan notablemente o intercambio de experiencias e de coñecementos, o que constitúe un factor chave para o éxito do proxecto.

Nun contexto de cambio climático no que Mozambique presenta grandes vulnerabilidades fronte os eventos hidrolóxicos extremos (secas e inundacións), as accións desenvolvidas no proxecto AquaMoz céntranse no fortalecemento das capacidades técnicas e operativas para a mellora da xestión das inundacións e das secas. Para tal fin, son desenvolvidas 3 liñas de traballo:

  • Deseño e implementación de metodoloxías para a monitoria da seca.
  • Mellora do coñecemento en relación os eventos de precipitación extrema/inundacións.
  • Sensibilización da sociedade civil en Galicia.

Desenvolvemento da visita

Entre os días 16 e 20 de xuño, tiveron lugar diferentes sesións e visitas técnicas centradas no traballo de Augas de Galicia na xestión de inundacións, secas e encoros. A estancia tamén incluíu encontros con Enxeñería Sen Fronteiras e visitas ó Grupo de Enxeñería da Auga da UdC (GEAMA) e a Confederación Hidrográfica Miño Sil.

A primeira xornada tivo un carácter institucional e comezou en Santiago de Compostela cunha reunión coa dirección e a xerencia de Augas de Galicia na que se puxo en común a problemática relacionada coa xestión dos recursos en Galicia e en Mozambique. A xornada continuou cun encontro na Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE, nas que a Subdirectora Xeral de Cooperación Galega puido coñecer de primeira man o enfoque e os avances e resultados do proxecto.

Despois destas primeiras reunións a vista centrouse en sesións técnicas de traballo orientadas ao coñecemento e intercambio de experiencias vinculadas a planificación hidrolóxica e a xestión de inundacións e secas en Augas de Galicia. De acordo con isto, a primeira xornada continuou cunha reunión de intercambio de experiencias centrada nos traballos de planificación co responsable do servizo e con técnicos de AdG.

O segundo día estivo centrado na xestión de encoros en Galicia e Mozambique cunha sesión de traballo enfocada no intercambio de experiencias e coñecementos sobre de supervisión e a xestión de embalses, que continuou cunha visita técnica o encoro de Caldas onde os responsables e técnicos de xestión do encoro puideron compartir cos colegas de Mozambique as ferramentas e os sistemas para a vixilancia e xestión.

O mércores realizouse unha visita á Escola de Enxeñería de Camiños da Universidade de Coruña, na que despois de visitar o Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñería Civil (CITEEC), acompañados polo Vicerreitor de Innovación, tivo lugar sesión técnica na o que se avanzou no caso do estudo das inundacións nunha bacía piloto na que se está a traballar en Mozambique cunha metodoloxía desenvolvida en conxunto co Grupo de Enxeñería da Auga e do Medio Ambiente da UDC (GEAMA) que esta a colaborar co proxecto e que serve como exemplo de utilización basees de datos e ferramentas libres, como o IBER, para a mellora da xestión dos recursos hídricos nunha administración da auga mozambicana. Durante a visita tamén houbo espazo para que os visitantes puideran coñecer as oficinas e o persoal da sede de Enxeñería Sen Fronteiras na UdC.

O xoves visitouse a Confederación hidrográfica do Miño-Sil (CHMS) en Ourense co fin de coñecer in situ a utilidade do sistema de automático de información hidrolóxica e de calidade das augas, así como os principais desafíos relacionados coa súa posta en marcha e operación. A xornada completouse cunha visita a unha estación de control no río Miño na o que se destacaron as leccións aprendidas da operación e mantemento deste tipo de sistemas.

O último día centrouse nas ferramentas de planificación de inundacións e secas e tamén na rede de control de bacías, destacando a relevancia da desenvolver e contar este tipo de instrumentos de xestión e planificación. Durante os intercambios, e a pesar das diferenzas entre as “realidades” galega e mozambicana en canto a medios e necesidades de xestión (alí o territorio, as bacías, os encoros, os eventos extremos e a vulnerabilidade da poboación son moito maiores), púidose comprobar como en moitos casos os casos os enfoques para afrontar os diferentes desafíos por parte da ARA Centro e de AdG son comúns.

Durante toda a visita destacaron as similitudes nos retos e desafíos que deben afrontar Augas de Galicia e a ARA Centro en relación á xestión integral de recursos hídricos, os cales, a pesar das xa mencionadas diferenzas, son abordados partindo de principios de xestión comúns e de marcos legais e institucionais similares.

Ponte sobre o río Zambeze en Tete

Crónicas mozambicanas. Visita técnica de novembro e decembro

Nos meses de novembro e decembro tivo lugar unha visita técnica a Mozambique cunha duración de 4 semanas nas que o traballo se centrou principalmente no fortalecemento da ARA Sur (Administración Rexional da Auga do Sur de Mozambique) organismo homologo a Augas de Galicia no sur país. Durante a estancia tamén se realizou una visita a sede da ARA Centro na provincia de Tete na que se abordou a concreción dos traballos en inundacións con esta ARA para o ano 2025.

Nun contexto de cambio climático no cal os ciclóns e as anomalías nas precipitacións son cada vez mais frecuentes en Mozambique, o obxectivo principal da visita foi o de continuar coa formación teórico práctica para a análise de inundacións co fin de que a ARA Sur poida dispoñer de estudos hidrolóxico-hidráulicos que lle axuden na toma de decisións no caso de precipitacións elevadas. Nun contexto de cambio climático no cal os ciclóns e as anomalías nas precipitacións son cada vez mais frecuentes en Mozambique.

Para iso traballouse na sede da ARA Sur en Maputo co técnico encargado da análise de eventos extremos. O traballou consistiu nunha nova fase de formación práctica para a realización de estudos de inundacións en bacías de pequena entidade co fin de facilitar a aprendizaxe e o manexo e procesado da análise e dos seus resultados. De modo paralelo, traballouse no peche da modelización da bacía piloto do Inhanombe e na delimitación de zonas inundables para diferentes períodos de retorno.

Os avances realizados, tanto nesta visita como na anterior do mes de outubro, foron satisfactorios e supuxeron unha notable mellora nas capacidades da técnico de referencia da ARA Sur para o estudo de inundacións.  Este técnico xa realizara o ano anterior -grazas ao apoio do Grupo de Enxeñería da Auga e do Medio Ambiente (GEAMA) da Universidade da Coruña-, un curso en liña de iniciación a Iber+ a través de Iberaula, algo que sen dúbida supuxo un moi bo punto de partida para a actividade.

Os traballos desenvólvense sobre o modelo hidrolóxico-hidráulico integrado de alta resolución Iber+, baseado na resolución das ecuacións 2D de augas pouco profundas. A análise dos procesos hidrolóxicos e hidráulicos que teñen que ver esencialmente con estudos de avenidas e a delimitación de zonas inundables require de diferentes fontes de información relacionadas fundamentalmente coa topografía e o relevo da bacía, os tipos e usos de chans predominantes, así como da distribución espacial e temporal das precipitacións asociadas a períodos de retorno extremos, entre outros.

Tendo isto en conta, a dispoñibilidade da información local existente na bacía ou rexión a estudar xoga un papel importante. No caso de Mozambique, do mesmo xeito que noutros países de África ou outras rexións do mundo, non se dispón con frecuencia de datos locais fiables e actualizados, polo que é necesario recorrer ao uso de fontes globais que resultan de gran utilidade á hora de paliar a carencia de información existente. Para o estudo da bacía do río Inhanombe, coa excepción dos datos precipitacións, foron utilizadas fontes de datos globais de distribución libre.

Durante a visita púidose rematar o estudo piloto da bacía do Inhanombe con base no cal foi realizada unha presentación entre o persoal técnico do departamento de recursos hídricos da ARA Sul. Na xornada interna foron presentados os resultados do estudo hidrolóxico: caudais máximos obtidos para diferentes períodos de retorno xunto cos correspondentes hidrogramas de avenidas e os seus respetivos volumes, e tamén os resultados da análise hidráulica: delimitación de todas as zonas inundables existentes dentro da bacía do río Inhanombe para períodos de retorno de 500, 100, 50 e 10 anos.

Nesta ocasión tamén houbo unha visita a cidade de Tete, na provincia do mesmo nome na zona centro-oeste de Mozambique, coa idea de poñer en marcha os traballos sobre inundacións coa ARA Centro no ano 2025. A visita centrouse na realización de reunións coas equipas técnicas e directivas e no debate e concreción dos traballos a realizar que, nun principio, irán na mesma liña que os xa avanzados coa ARA Sul. A ARA centro (unha das tres ARA de Mozambique) é a responsable da xestión da bacía do río Zambeze, un dos grandes ríos de Africa no cal augas arriba da cidade de Tete está o embalse de Cahora Bassa que conta cunha capacidade de almacenamento de 63.000 hm3 (o 12o do mundo).

Durante a visita tamén se traballou no inicio da análise do ano hidrolóxico 2024/2025 e no apoio ao traballo de fin de mestrado en hidroloxía dun técnico do departamento de recursos hídricos da ARA Sur. Tamén houbo tempo para facer reunións coa Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento e co Director da Facultade de Enxeñería da Universidade Eduardo Mondlane, coa cal se colabora realizando palestras baseadas nos traballos realizados coas ARA.