BOE

Boletín Oficial ESFeiro. Xuño 2025


CONTIDOS

  • Vida Asociativa
  • Honduras
  • Mozambique
  • Enlaces de interese
  • Recomendación artística
  • E no próximo mes …
  • A ESFrase do mes

VIDA ASOCIATIVA

     En maio tivemos ciberfaladoiro sobre Fediverso e redes sociais descentralizadas. 

    No programa de Esf na Universidade, estivemos na Escola de Informática de Ourense falando de electrónica ética, cun repair café e tamén deixamos alí a exposición Coñeces o teu Móbil? e a nosa campaña Todo pasa e todo queda sobre machismos en personaxes históricos. Ese día ademais acompañáronnos 2 profes e 3 alumnos do IES Cosme López Rodríguez (A Rúa). Tamén estivemos na Escola de Camiños da Coruña nas materias de cartografía e de representación gráfica, falando de Tecnoloxía para o ben común.

    No programa de Hackers Sen Fronteiras (en secundaria), fíxose unha actividade ben chula con alumnado do IES San Rosendo de Mondoñedo, cunha formación en xornalismo e gravación de podcast de radio, así como un encontro en liña co profesorado colaborador no programa.

    No programa de ESF no eido profesional, tivemos un encontro en liña con Colexios Profesionais de Enxeñería, para reflexionar sobre boas prácticas ecosociais no eido técnico. Tamén houbo un faladoiro sobre xestión de eventos hídricos extremos co Colexio de Enxeñería Forestal, unha reunión con membros da xunta directiva do Colexio de Enxeñería Agrícola de Ourense, e participamos nunha mesa redonda con outras entidades de economía social sobre traballo digno.

    O de Ourense non foi o único repair café do mes, tamén en Vigo fíxose un, no local da cooperativa Árbore, e no Casino de Carballo. Ademais, fíxose a entrega de ferramentas do novo Banco Reciclaxe Electrónica con Software Libre na ETSE de Santiago de Compostela.

    No Programa de Voluntariado Internacional de Coñecemento doutras Realidades, tivemos formación en liña coas compañeiras de Honduras.

    Ademais, distintas persoas da base social asistiron a eventos interesantes, como en Santiago ás xornadas da Unión Profesional de Galicia, as mesas redondes de Sostenibilidade e outra de Intelixencia Artificial, en Ourense ás xornadas  “Non somos terra de sacrificio”: comunidades en loita pola defensa do territorio e da vida, ou en Carballo e Santiago aos encontros con Turiel sobre decrecemento.

    Puidemos desfrutar dun novo programa de ESFRadio, desta volta falando de Por que e como facer unha transición enerxética.


HONDURAS

    No eixo de traballo de soberanía alimentaria e defensa do territorio, houbo moito traballo no programa de Restauración das Lagoas de Inverno, que financian AECID e Xunta de Galicia. Dende avistamento de aves para coñecer a biodiversidade da zona, a xornadas de monitoreo comunitario e limpeza de canles das lagoas. Dentro do programa de apoio a grupos de marisqueiras que financia a Xunta de Galicia, entregouse material para monitoreo de biodiversidade á Universidade Nacional Autónoma de Honduras. Tamén houbo formación con mulleres marisqueiras. No programa de diversificación alimentaria que financia AECID, vimos como as experiencias de mellora participativa de sementes criollas están máis activas que nunca. Tamén houbo intercambio de experiencia coa Escola Agrícola Luis Landa, e un taller de productos lácteos.

    No outro eixo de traballo en Honduras, o de dereito humano á auga, 8 obras de captación de auga foron melloradas ou contruidas en 5 comunidades do concello de Nacaome. Tamén houbo varias formacións, como coa Mancomunidade NASMAR de capacitación técnica en xestión da auga a municipalidades, ou en hidroxeoloxía con Acacia Naves, experta da Universidade da Coruña que estivo uns días en Honduras, e de mapeos participativos de recursos hídricos.

    Ademais, no noso equipazo de traballo en Honduras tiveron un encontro convivencia no lago Yojoa, onde ademais estiveron traballando sobre ideas para estratexias futuras no país.

    Tamén houbo unha visita a Galicia de dous investigadores da UNAH, Facultade de Ciencias Espaciais, onde se formaron no manexo dunha ferramenta de visores cartográficos desenvolta polo Laboratorio do Territorio da USC, coas que temos en marcha un proxecto. Ademais impartiron o relatorio Aplicaciones de la cartografía participativa para la defensa de la tierra y territorio en Honduras: Experiencias en cartografía del Departamento de Ciencia y Tecnología de la Información Geográfica- UNAH.


MOZAMBIQUE

No mes de maio tivo lugar unha visita técnica a Mozambique na que se traballou coa Administración Rexional de Augas do Sur de Mozambique nas súas oficinas de Maputo. O traballo estivo relacionado coas inundacións, pero nesta ocasión focalizouse, principalmente, na planificación e na xestión. Aquí se pode saber algún detalle máis da visita.

    A mediados de xuño terá lugar unha visita a Galicia de representantes da ARA Centro co obxectivo de que poidan coñecer in situ o traballo que se realiza en Galicia en relacións as inundacións. No mes de maio tamén tivo lugar unha webinar co Colexio Oficial de Técnicos Forestais de Galicia sobre o proxecto e a xestión de eventos extremos en Mozambique.


ENLACES DE INTERESE

Activismo e persoas

Auga

Consumo responsable

Cooperación e ONGD

Educación para o desenvolvemento

Enerxía e cambio climático

Iniciativas

Investigación para o desenvolvemento 

Mundo

Pobreza e exclusión

Políticas e modelos de desenvolvemento

Soberanía alimentaria e defensa do territorio

Tecnoloxías da Información e Comunicacións (TIC)

Tecnoloxía para o desenvolvemento humano


RECOMENDACIÓN ARTÍSTICA

    Este mes, coa triste nova do pasamento do fotógrafo Sebastião Salgado, aproveitamos para chamar a atención sobre a súa obra, comprometida coas persoas máis oprimidas e co planeta, que nos quedará para sempre.


E NO PRÓXIMO MES …

    Temos un novo apartado na nosa páxina web, onde se pode ver a axenda de próximos eventos ESFeiros ou que nos parecen interesantes pola temática. Ademais:

   Para máis info sobre cursos e eventos en Galicia  consulta a Axenda Solidaria e as formacións da Coordinadora Galega de ONGD


A ESF-RASE DO MES

    Cuando se é nova precísase dun pouco de utopía, crer en algo. O mundo de hoxe non motiva ás persoas novas. Pérdense no consumismo atroz ou frecuentemente pérdense na soidade.José Mujica. Ex-presidente de Uruguai, floricultor e guerrilleiro, que faleceu o pasado 13 de maio.