ACTIVISMO TECNOLÓXICO NAS ORGANIZACIÓNS SOCIAIS. TECNOLOXÍA PARA HACKEAR O SISTEMA (I)

A tecnoloxía que se emprega nas organizacións que pretenden ser transformadoras é moito máis importante para a súa misión do que se soe pensar. Tanto, que se non é axeitada ou non se emprega ben pode neutralizar esa transformación que se estaban perseguindo (ou, no peor dos casos, facer de Cabalo de Troia de produtos e prácticas indesexables).

Non falamos só das tecnoloxías que se empregan en proxectos de cooperación ao desenvolvemento ou en proxectos ambientais ou de inclusión social na nosa contorna (endóxenas, apropiadas, participativas, culturalmente aceptables, que non xeren dependencia nin intensifiquen as fendas de poder, sesgos de xénero, etc.). Tamén hai que ter en conta as que empregamos como parte das campañas de sensibilización, as redes sociais ou o propio día a día das organizacións (incluíndo a comunicación interna e a loxística máis básica).

Hai que empezar a transversalizar o activismo tecnolóxico nas organizacións e deixar de alimentar ao monstro. Non se pode negar que é complicado ser coherentes en todo (sobre todo a nivel persoal, pero tamén a nivel organizacións) pero, como xa dixo algún esfeiro, usar ferramentas de software libre no noso día a día da organización pode ser tan político como empregar produtos de comercio xusto ou de proximidade.

Pode parecer que, se empregamos esas tecnoloxías, non imos ser tan “produtivas” e vai haber que facer un esforzo de adaptación na nosa base social. Pero a coherencia non debería ser o prezo a pagar ante o resultadismo, porque precisamente ese resultadismo forma parte do problema. Sería tan incoherente como facer unha mesa redonda para falar sobre o dereito á auga ofrecendo auga embotellada ás relatoras, ou unhas xornadas sobre comercio xusto ofrecendo café das grandes marcas nos descansos.

Explorar na nosa acción transformadora eidos como a bioconstrución, as ferramentas de baixo custo e abertas, as solucións tecnolóxicas minimalistas (o pequeno é fermoso) e pouco complicadas, que impliquen traballo colectivo e que nos deixen bailar xuntas, é hackear o sistema que queremos mudar. E iso é precisamente porque estas características son o contrario do que o sistema hiperconsumista nos está a vender (todo máis grande, máis complicado, con tecnoloxías cada vez máis lonxanas e inalcanzables no seu manexo e mantemento, ademais de moito individualismo e “dereitos reservados”).

A tecnoloxía xa hai moito que deixou de ser un simple medio, unha ferramenta, para converterse nun suxeito político que, cada vez máis, será clave para acadar (ou non) un mundo solidario, cooperativo e que non deixe a NINGUÉN atrás. Temos que ser consciente dela para hackear o sistema (creando novas tecnoloxías que retroalimenten ese mundo colaborativo) ou, do contraio, estaremos facendo o contrario. Non hai neutralidade posible. Aquí funciona o de “se é gratis, entón o produto es tí”.

Se queres saber máis ou tes ideas sobre como facer este activismo tecnolóxico, sexas organización ou sexas unha persoa con inquietudes neste tema, contáctanos. Nun vindeiro post falaremos de exemplos concretos, estades atentxs!

ESFRadio: Reciclar para reutilizar

Hoxe estreamos novo formato en ESFRadio: “Un tema de ESF Galicia”. Serán programas que esperamos sacar unha vez ao mes onde afondar nun tema que nos interese, dando a coñecer actividades que facemos en ESF Galicia relacionadas co mesmo.

Hoxe o tema é “Reciclar para reutilizar“. Nel tocamos temas de reparabilidade de aparatos e coñecemos os Bancos de Reciclaxe Electrónica con Software Libre de Galicia. Para iso falaremos con persoas de Enxeñería Sen Fronteiras, voluntarias dos distintos bancos, e tamén con persoas de Ecos do Sur e IEEE-Vigo. Mesmo podemos coñecer a unha das voluntarias do que pode ser o incipiente banco de Ourense!

Pódese escoitar en Spotify e tamén aquí:

Produción e montaxe: Jorge Lama

Participan: Marc Romero (narrador), Elena Salgado (narradora), Daniel Vila (voluntario “argalleiro” de ESF), Ana Rodríguez (unha das impulsoras do incipiente banco de Ourense), Sergio Alvariño (falando do Banco de Reciclaxe Electrónica da Coruña, do que é un dos impulsores), Sergio Fernández (técnico de proxectos de ESF), Jose González (un dos impulsores do Banco en Vigo e membro de ESF e IEEE) e Natalia Monje (de Ecos do Sur). Grazas a todas por facer posible este novo episodio de ESFRadio!

Boletín Oficial ESFeiro: xaneiro 2022

CONTIDOS

  • Vida Asociativa
  • Honduras
  • Enlaces de interese
  • A recomendación artística do mes
  • E no próximo mes …
  • A ESFrase do mes

VIDA ASOCIATIVA

    O pasado decembro foi tempo de presentacións, encontros e faladoiros esfeiros con alumnado e profesorado en diversos campus galegos. Foi para dar a coñecer a asociación, así como as posibilidades de facer TFM-TFG connosco, ou colaborar doutros xeitos (como co Banco de Reciclaxe Electrónico, tecnoloxía inclusiva ou os grupos temáticos de auga, enerxía, TIC, xénero ou soberanía alimentaria). Estivemos en Vigo (Telecomunicacións e Industriais-CUVI), Lugo (EPS), Ferrol (Esteiro e Serantes) e Ourense (Escola de Enxeñería Informática). Todo isto fixémolo dentro dun proxecto de educación nas escolas técnicas apoiado pola Xunta de Galicia e o Concello de Lugo.

    Dende o 16 de decembro, quedou na Praza Maior de Lugo a exposición ‘De Oficio, Defensoras’, que da a coñecer a vida de distintas mulleres defensoras de dereitos humanos en diversos países, entre eles Honduras. Aínda podedes vela!

    En Coruña tivemos un novo obradoiro na sede de Ecos do Sur para familias que levaron un equipo do Banco de Reciclaxe Electrónico con Software Libre. E, como no, desexamos un novo ano cheo de ilusión para afrontar desafíos en todas as estacións.

    Mencionar que, como sempre que nos acercamos a datas de Nadal, deixamos algunha pílula en redes sociais sobre consumir con cabeciña, tanto a electrónica como o de comer


HONDURAS

    En Honduras continúa o proxecto de apoio a grupos de mulleres produtoras e orzamentos municipais etiquetados en xénero, apoiado pola Xunta de Galicia. En decembro lanzouse a segunda convocatoria de fondos para emprendementos na rexión Golfo de Fonseca, liderados por mulleres ou mozxs a nivel individual ou colectivas.  

    Por outra banda, dentro do proxecto de apoio ao programa de técnicas comunitarias de auga realizado con AHJASA e apoiado pola Deputación da Coruña que acaba de rematar, realizouse un encontro en liña entre persoas de AHJASA e da asociación galega COXAPO. Nel, puidemos coñecer como foi a realidade da xestión veciñal da auga en Galicia e Honduras durante a pandemia de COVID, e manter o vínculo entre as dúas asociacións que iniciamos en 2019.


ENLACES DE INTERESE

Auga

Comunicación para o (como) desenvolvemento

Consumo responsable

Cooperación e ONGD

Educación para o desenvolvemento

Enerxía e cambio climático

Iniciativas

Investigación para o desenvolvemento 

Mundo

Pobreza e exclusión

Políticas e modelos de desenvolvemento

Soberanía alimentaria e desenvolvemento rural

Tecnoloxías da Información e Comunicacións (TIC)

Tecnoloxía para o desenvolvemento humano

Voluntariado e Persoas


A RECOMENDACIÓN ARTÍSTICA DO MES

    O 18 de decembro celebrouse o Día Internacional da Persoa Migrante. Rebeca Lane, artista e activista guatemalteca, ofreceunos a canción Si yo pudiera quedarme.


E NO PRÓXIMO MES …

   Para máis info sobre cursos e eventos en Galicia  consulta a Axenda Solidaria e as formacións da Coordinadora Galega de ONGD (ou subscríbe ao seu boletín quincenal, que conta con ofertas de emprego; formacións e actividades; novidades do sector; convocatorias de bolsas e subvencións; propostas de voluntariado, etc.). Tamén nas nosas redes sociais twitter, instagram e na nosa canle de telegram,difundimos eventos de interese externos a ESFGalicia de temas vinculados ao noso traballo.


A ESF-RASE DO MES

“𝑆𝑒 𝑒𝑠 𝑛𝑒𝑢𝑡𝑟𝑎𝑙 𝑒𝑛 𝑠𝑖𝑡𝑢𝑎𝑐𝑖𝑜́𝑛𝑠 𝑑𝑒 𝑖𝑛𝑥𝑢𝑠𝑡𝑖𝑧𝑎 𝑒́ 𝑞𝑢𝑒 𝑒𝑠𝑐𝑜𝑙𝑙𝑖𝑐ℎ𝑒𝑠 𝑜 𝑙𝑎𝑑𝑜 𝑜𝑝𝑟𝑒𝑠𝑜𝑟.”
𝐃𝐞𝐬𝐦𝐨𝐧𝐝 𝐓𝐮𝐭𝐮. Premio Nóbel que finou o pasado mes de decembro