Bancos de Reciclaxe Electrónica. Software Libre contra a fenda dixital

Cando se está cumplindo un ano do primeiro tele-obradoiro sobre darlle nova vida a vellos ordenadores, que logo desembocou na conformación do Grupo de Apoio Mútuo Dixital, queremos contarvos que a cousa seguiu rodando até conseguirmos montar un Banco de Reciclaxe Electrónica.

O Banco de Reciclaxe Electrónica ESFeiro botou andar no noso local na Escola de Enxeñería de Camiños no campus de Elviña (A Coruña) durante o mes de abril. Esperamos facer algúns obradoiros chulos de cacharreo nel, ademais de colaborar coa ONG Ecos do Sur para pechar a fenda dixital con familias que precisen máquinas e que ademais queiran aprender a cacharrear con GNU-Linux. De momento, contamos co apoio financeiro dunha subvención do IRPF da Xunta de Galicia, e o espazo que podedes ver na foto nunha esquiniña da nosa oficina. Se tes algún material informático que queiras doar e estar pola zona da Coruña (tamén recollemos puntualmente en Ourense), escrebe a

bancoreciclaxecoruna@galicia.isf.es

Ademais, se queres colaborar botando unha man revivindo equipos e aprendendo os fundamentos do “cacharreo”, tamén podes escreber!!

Outra boa nova é que tamén estaremos tamén apoiando un banco similar que se estivo formando en Vigo, na Escola de Telecomunicación, con persoas da asociación IEEE colaborando con ACCEM. Así que, se estás na zona de Vigo, podes contactar neste formulario.

Non nos esquecemos do decano destes bancos de reciclaxe con software libre, o que xestiona a asociación Aberteo, se estás na zona de Santiago de Compostela.

Se sabedes dalgún banco máis en Galicia deste estilo, onde o uso de software libre sexa innegociable, avisade!

FORA FENDA DIXITAL!!!!

Inaugurado el Centro de acopio de mariscos de 4 empresas de servicios múltiples de mujeres marisqueras de Amapala

El pasado 20 de abril se logró un gran hito para 4 grupos de mujeres marisqueras de Amapala. Fue la culminación del trabajo que se comenzó ya en 2015 con los proyectos de fortalecimiento de la actividad marisquera de estos grupos de mujeres, con financiación de la Cooperación Galega da Xunta de Galicia. Durante este tiempo, nuestra organización socia CODDEFFAGOLF consiguió movilizar más fondos de otros financiadores, como la cooperación Alemana. Este centro de acopio es parte de las acciones en sostenibilidad económica, ambiental y social de nuestro programa de Soberanía Alimentaria en el Golfo de Fonseca de Honduras, apostando por un fuerte empoderamiento de las mujeres y la profesionalización de la actividad marisquera, en la que ellas son mayoría.

Momento de la inauguración


El centro de acopio está en el mercado municipal de Amapala. Reúne condiciones higiénicas de manejo del marisco. Tiene congelador, nevera, lugar de trabajo para limpieza y despiezado, así como envasadora al vacío. Lo usarán 4 grupos de mujeres marisqueras (dos de las cuales visitaron hace un tiempo Galicia y a muchas de las cuales las pudimos conocer con esta campaña). Conformaron un equipo de 8 mujeres para su gestión, con 2 representantes de cada grupo. Ya tienen producto en venta. Ayer se firmaba convenio con la alcaldía para manejo general (limpiez, seguridad, etc) porque el mercado es municipal.

Detalle do interior do centro


Todo fruto de un trabajo incansable de estas mujeres, que tienen que afrontar una brutal brecha de género, desprotección por parte de las administraciones públicas (al dedicarse a un sector muy desregulado como el de la pesca y marisqueo artesanal), así como problemas ambientales que las han llevado al límite en varios momentos, como a principios de 2020 (y encima después llegó la COVID). Estaremos a su lado!

Boletín Sonoro ESFeiro en ESFRadio: abril 2021

Aínda que sexa con algo de retraso, xa está aquí o Boletín Sonoro ESFeiro en ESFRadio, a versión podcast do noso Boletín Oficial ESFeiro. Terceiro episodio xa, estámonos enganchando a isto do podcasting informativo!

En 5 minutiños podes coñecer o que fixemos en marzo en Galicia e Honduras, novas sobre tecnoloxía e dereitos humanos, axenda de eventos vindeiros, ESFrase do mes e até unha recomendación artística.

Se che gustan os podcasts, apúntate a ESFRadio!

Ciberfaladoiro: é ESF feminista?

O pasado 23 de marzo adicamos un dos nosos ciberfaladoiros ao tema da igualdade de xénero na asociación. Quixemos titulalo “É ESF feminista”?

En realidade non vemos posible determinar unha liña vermella para saber se ESF (ou calquera outra organización) é feminista. No caso de ESF, nin sequera sabemos de que criterios partir para saber en que medida estamos a avanzar (ou non) cara a ser unha organización máis feminista, como temos recollido na nosa visión de ESF para 2024 que figura na nosa planificación estratéxica. Eses criterios terían que vir determinados, ademais, por unha visión compartida de que feminismo queremos impulsar en e dende a organización. O primeiro paso para iso coidamos que é conformar un grupo que queira impulsar o proceso de diagnose interna e reflexión cara acadar un Plan de Igualdade. Posiblemente “o documento” do plan non teña tanta importancia como o proceso para acadalo, pero aínda así seguro que tamén pode ser útil para quen veña despois, así como para ter algúns instrumentos (protocolos, por exemplo) e posicións claras con respecto a posibles actitudes machistas dentro da organización.

Plantexouse a dúbida de en que medida era posible formar unha organización feminista se hai persoas que non o son, e como compatibilizar esa vocación de ESF de ser un espazo aberto e educativo para compartir reflexións e dúbidas (cunha vocación de construir un mundo xusto e solidario), cunha posición máis intolerante contra calquera tipo de actitudes machistas.

Tamén se compartiron experiencias das participantes sobre o que se atoparan noutros espazos vitais, tanto persoais como de activismo, sobre como as organizacións e persoas activistas (sobre todo homes) afrontan a inclusión do enfoque de xénero e o feminismo nos debates. Pode ser rexeitamento, ou a idea de que está superado, ou unha pretendida neutralidade que, probablemente, neste tema é case imposible xa que xera moita polarización. En realidade a neutralidade pode negar/invisibilizar a existencia de privilexios/opresións/xerarquías/prexuízos individuais, colectivos e estruturais, entorpecendo así o traballo pola igualdade. Por iso dicimos que neste tema a neutralidade en realidade non existe…

Aínda nos queda moito camiño, pero xa empezamos a camiñalo!

Boletín Oficial ESFeiro. Abril 2021


CONTIDOS

  • Vida Asociativa
  • Honduras
  • Enlaces de interese
  • A recomendación artística do mes
  • E no próximo mes …
  • A ESFrase do mes

VIDA ASOCIATIVA

    Este mes de marzo a reflexión sobre xénero e feminismo tivo un espazo moi importante nas actividades de ESF, xa que tivemos unha formación sobre auga e xénero, e un Ciberfaladoiro sobre se “É ESF feminista?” (pronto teremos un resumiño das conclusións). Estase a conformar un grupiño para traballar nunha diagnose de xénero da asociación e, oxalá, chegar a ter un plan de igualdade.

    Compartimos o Boletín Sonoro do mes de marzo (pouco máis de 5 minutos de podcast ESFRadio resumindo o máis importante do BOE de marzo), ademais dun resumo das Xornadas “Educar con emoción, aprender con paixón” organizadas polo Concello de Tomiño, ás que asistiu xente da base social de ESF e nos compartiu as aprendizaxes que sacaron.
    O Banco de Reciclaxe Electrónica ESFeirobotou andar no noso local na Escola de Enxeñería de Camiños no campus de Elviña (A Coruña). Esperamos facer algúns obradoiros chulos de cacharreo nel, ademais de empezar a colaborar con Ecos do Sur para pechar a fenda dixital con familias que precisen máquinas e queran aprender a cacharrear con GNU-Linux. En Vigo están tamén arrancando un banco deste tipo, neste caso en colaboración coas asociacións IEEE e ACCEM. Con IEEE ademais se colaborou organizando a charla “Visión y experiencias en ingenieria con software libre” nas xornadas para a súa base social a nivel estatal, que se pode ver aquí. Estes Bancos de reciclaxe están dentro das actividades do noso Grupo de Apoio Mútuo Dixital, que segue a formarse, desta volta aprendendo da experiencia do Banco de REciclaxe Electrónica de Teo organizada por AberTeo, e se pode ver aquí.
    Tivemos tempo, por outra banda, de atoparnos con compañeiras de outras asociacións de ISF do resto do Estado Español na Asamblea Federal, de momento con pantalla polo medio. Que gañas de vernos en persoa!

    Por último, queremos compartir un artigo científico recén publicado (estará en aberto até o 18 de maio) por parte de colaboradoras de ESF, sobre calidade e cantidade de auga nos Campamentos de refuxiados saharauis en Alxeria con datos extraídos, entre outras fontes, dos proxectos que tivemos aló, en colaboración coa Universidade da Coruña. É de valorar o esforzo das investigadoras en ámbitos tan importantes como este, que moitas veces non se fai polas trabas dentro do propio sistema de investigación.


HONDURAS

    En Honduras, co motivo do 8M, participamos nunha campaña impulsada por AECID-Honduras visibilizando mulleres bravas.

    No programa de soberanía alimentaria e defensa do territorio, presentouse a ferramenta SIROS mellorada, unha app para a localización participativa de lugares de alto valor ambiental, ou lugares con agresións ao medio, desenvolvida coa participación de CODDEFFAGOLF e o Cartolab da UDC. Neste mesmo programa, impulsado por CODDEFFAGOLF, tivo lugar o Conversatorio sobre a gobernanza no subsistema marino costeiro no Golfo de Fonseca, coa participación de FULSALPRODESE (El Salvador), DIGEPESCA, unidades municipales de medioambiente e representantes dos grupos de mulleres marisqueiras de Amapala, Marcovia e San Lorenzo, coas que colaboramos.

    Durante o mes de marzo tivemos en Honduras a todo un equipazo humano: Miriam, Edwin, Irene, Elmer e Raquel. Aquí o podes coñecer!


ENLACES DE INTERESE

Auga

Comunicación para o (como) desenvolvemento

Consumo responsable

Cooperación e ONGD

Educación para o desenvolvemento

Enerxía e cambio climático

Iniciativas

Investigación para o desenvolvemento 

Mundo

Políticas e modelos de desenvolvemento

Sensibilización

Soberanía alimentaria e desenvolvemento rural

Tecnoloxías da Información e Comunicacións (TIC)

Tecnoloxía para o desenvolvemento humano

Voluntariado e Persoas


A RECOMENDACIÓN ARTÍSTICA DO MES

    Esta é unha sección do BOE de recente creación, onde recomendaremos algunha obra artística que nos pareza especialmente inspiradora. Cancións, libros, películas, obras de teatro, banda deseñada…, calquera peza de arte pode ter cabida!

    Este mes queremos compartir convosco a obra da pintora de Viveiro, Maruxa Mallo. Foi unha das maiores expoñentes do surrealismo en España, considerada como artista da xeración do 1927 e formaba parte do grupo de mulleres artistas coñecido como Las Sinsombrero. Mentres participaba en accións das Misións Pedagóxicas en Galicia durante a Segunda República, sorpréndea a Guerra Civil e vese obrigada a fuxir a Portugal onde a agarda Gabriela Mistral, que era por aquel tempo embaixadora de Chile en Portugal. Será Mistral quen leve a Maruja a Bos Aires, onde finalmente se quedaría durante todo o seu exilio, que durou nada máis e nada menos que 25 anos.


E NO PRÓXIMO MES …

  • 7 de abril: Día Mundial da Saúde
  • 9 de abril: cúmplese un ano do noso primeiro ciberfaladoiro no confinamento. Pensamos que se converteu nun espazo de apoio mútuo e compartir que nos axudou como organización a seguir impulsando o pensamento crítico nestes tempos de pandemia.
  • 13 de abril: Ciberfaladoiro “Como será a ESF do futuro”. 19h nesta sala. Como será o activismo post-pandémico?
  • 17 de abril: Día Internacional da Loita Campesiña
  • 22 de abril: Día da Terra
  • 24 de abril: Asemblea Xeral de primavera de Enxeñería Sen Fronteiras Galicia.
  • 28 de abril: Día Mundial da Seguridade e Saúde no Traballo
  • 28 de abril: faladoiro de libre acceso dentro da materia de Cooperación para o Desenvolvemento na Enxeñería Civil, coa que ESF colabora e axudou a crear no seu día. 12:45h. Aula 2 – Escola de Camiños, Campus de Elviña, A Coruña. n’UNDO. Deshacer – Rehacer – No hacer. Colectivo n’UNDO.

   Para máis info sobre cursos e eventos en Galicia  consulta a Axenda Solidaria e as formacións da Coordinadora Galega de ONGD (ou subscríbe ao seu boletín quincenal, que conta con ofertas de emprego; formacións e actividades; novidades do sector; convocatorias de bolsas e subvencións; propostas de voluntariado, etc.). Tamén nas nosas redes sociais twitter, instagram e na nosa canle de telegram,difundimos eventos de interese externos a ESFGalicia de temas vinculados ao noso traballo.


A ESF-RASE DO MES

    A min preocúpanme tres ou catro cousas das tecnoloxías actuais. […] A primeira, obtención dos materiais. Segunda, a man de obra explotada. A terceira, os transportes desas tecnoloxías. E a cuarta, que son produtos que non invitan á intelixencia.
Arcadi Oliveres (do que onte tivemos que lamentar o seu pasamento)

Música para novos homes

Co gallo da participación da nosa base social nas xornadas “Educar con emoción, aprender con paixón” organizadas polo Concello de Tomiño, realizamos unha actividade no grupo de traballo non mixto sobre novas masculinidades.

A idea concreta parte da segunda conferencia das xornadas “Educar a través da emoción musical: beneficios dende unha perspectiva neurocientífica” impartida por Almudena González Prito, referencia en investigación da relación da música e o cerebro.

O obxectivo da actividade foi empregar a música como ferramenta de introspección é autocoñecemento. A proposta concreta foi xerar un contido nese grupo: unha lista de reprodución musical. Cada persoa propuxo tres cancións que tiveran algún significado vital en canto á configuración da súa masculinidade. Despois fíxose unha reunión online na que se xerou un debate guiado pola propia lista musical.

A música axudounos a identificar problemáticas asociadas ó machismo cultural, moitas delas superables cunha simple descrición e comprensión. Ademais, axudou a agrupar temáticas asociadas e identificar outras como a homofobia, transfobia ou a xenofobia.

Neste enlace da nosa canle de YouTube podedes atopar a lista que chamamos “Música para novos homes e na descrición da mesma a explicación detallada de cada canción. Animámosvos a desfrutala tanto coma nós porque, ao final, diso se trata, de desfrutar da música e, se pode ser facendo un exercizo de aprendizaxe e autocoñecemento, mellor.

Boletín Sonoro ESFeiro en ESFRadio: marzo 2021

Xa chegou o segundo Boletín Sonoro ESFeiro en ESFRadio, a versión podcast do noso Boletín Oficial ESFeiro. En pouco máis de 5 minutiños podes coñecer o que fixemos en xaneiro en Galicia e #Honduras, novas sobre tecnoloxía e dereitos humanos, recomendación de publicación en físico (que prestamos á nosa base social), axenda de eventos vindeiros e ESFrase do mes.

Se che gustan os podcasts, apúntate a ESFRadio!

Tamén en spotify

O que aprendemos nas Xornadas “Educar con emoción, aprender con paixón”

A semana do 8 ó 11 de Febreiro de 2021 tivo lugar A Semana da Educación “Educar con Emoción, aprender con Paixón” organizado polo Concello de Tomiño.

Según o propio Concello, as xornadas organizaronse para que docentes, persoas educadoras en xeral e pais e nais en particular acudiran a informarse e formarse en diferentes temáticas relacionadas coa educación. Participaron conferenciantes que son grandes profesionais con experiencia na temática, nesta edición tivemos con nós a Octavio Salazar, Almudena González, Marta Peirano e Alberto Soler.

A primeira conferencia “Educación, feminismo e masculinidades.” a cargo de Octavio Salazar abordouse como a educación debería incorporar a perspectiva feminista, o que supón ir máis aló da mera coeducación; habería que desenvolver programas específicos de intervención coa mocidade. O obxectivo non sería outro que dar resposta paritaria ao modelo educativo que marca o artigo 27.2 da Constitución Española e vinculalo co reto de como redefinimos as condicións da vida en común.

Na sesión do martes titulada “Educar a través da emoción musical: beneficios desde a perspectiva neurocientífica.” , Almudena Gonzalez falou sobre como a música é unha arte capaz de provocarnos diferentes emocións e no contexto educativo son importantes as súas implicacións e beneficios. Os estudos de neurociencia analizaron estas cuestións en profundidade e esta conferencia tivo como obxectivo esclarecer os alicerces da emoción musical na educación. Almudena abordou a literatura científica coa música como eixo vertebrador, analizando os diferentes estilos musicais académicos e populares, calidades e aspectos relacionados coa emoción e cognición musical. Afondou na interrelación dos coñecementos neurocientíficos cos musicais, xa que a unión entre estes dous campos proxecta novos camiños tanto dentro da aula como no ámbito familiar.

Nesta sesión unha persoa da nosa base social interviu plantexando un proxecto musical persoal e sobre como a música configura a masculinidade. Este feito deu lugar a unha actividade concreta no grupo de traballo non mixto sobre masculidadades de Enxeñería, pero disto falaremos noutra ocasión.

O xoves, Marta Peirano, xornalista e investigadora desenvolveu a poñencia en torno ó título “Como combater a desinformación con campañas de inoculación efectivas”. Sobre como as Redes Sociais convertéronse no vehículo de transmisión perfecta da desinformación. Non é só un problema técnico, que se poida resolver con algoritmos e Intelixencia Artificial. Plantexou a pregunta Que ferramentas temos para combatela? Dando como resposta o desenvolvemento do noso espíritu crítico.

Houbo duas preguntas da nosa base social.

A primeira foi que opinaba da Deep Web como ferramenta xeradora de desinformación. Marta comentou que foi dende sempre algo demonizado pero que o impacto que ten sobre a xeración da desinformación lle parecía mínimo.

A segunda foi sobre que accións directas poderiamos levar a cabo dende xa mesmo, ao día seguinte da charla. Unha resposta concreta foi xogar nós, coa familia, ou nas aulas, a un xogo onde o obxectivo e “facer desinformación”, porque logo é máis sinxelo identificar as técnicas que empregan as fake news para influirnos. O xogo, da Universidade de Cambridge, chámase Bad News, e está pendente de traducir do inglés, pero é moi sinxelo.

No último relatorio o psicólogo Alberto Soler falounos sobre “Normas, límites, premios e castigos”. Sobre algo que parece tan razoable como que a maioría estamos de acordo en que queremos educar aos nosos fillos e fillas con grandes doses de amor, agarimo e respecto. Pero sempre hai situacións nas que é necesario establecer algúns límites que os protexan ou para ensinarlles cal é a forma axeitada de comportarse. Entón é cando a moitas familias e docentes asáltanlles as dúbidas: de verdade fan falta as normas e os límites?, cales?, a partir de que idade?, como podemos establecelos de forma clara e respectuosa coas súas emocións? E todo isto lévanos aos premios e os castigos. Xa sabemos, porque o falamos moitas veces, que non son nin a única nin a mellor ferramenta para educar a fillos, fillas ou alumnado pero, si non premiamos nin castigamos, que facemos cando superan eses límites ou incumpren as normas que puxemos?

En torno a estes temas, Alberto plantexou un interesantísimo relatorio sobre diferentes métodos, opinións concretas e accións directas para levar a cabo a educación das criaturas con un impacto emocional negativo mínimo na súa evolución vital.

Finalmente, dar os parabéns ao Concello de Tomiño a organización destas xornadas, as cales desfrutamos e nas cales aprendemos moitas cousas de utilidade. Estas iniciativas dende e eido local son moi de agradecer.

8M. Visibilizando a mulleres bravas de Honduras!

Nunha preciosa campaña impulsada dende AECID-Honduras, presentáronse distintas mulleres traballadoras e lideresas das que colaboran coas distintas ONGD españolas presentes en Honduras. Queremos presentarvos ás que temos a sorte de coñecer e coas que compartimos esforzos nos programas que Enxeñería Sen Fronteiras impulsa no sur de Honduras, neste caso en colaboración con CODDEFFAGOLF e financiación da Cooperación Galega da Xunta de Galicia.

Neste enlace pódense ver as imaxes de catro delas:

  • Lorena Núñez, presidenta do grupo de mulleres marisqueiras de San Lorenzo
  • Nelly Villagra, do grupo de mulleres marisqueiras de San Lorenzo
  • María Teresa Flores, emprendedora do grupo de mulleres marisqueiras Estrellas del Mar de Marcovia
  • Mariela Burgos, presidenta do grupo de mulleres marisqueiras Estrellas del Mar de Marcovia

Neste outro pódese coñecer ao resto:

  • Dania Brugos, comercializadora de alimentos (marisco e tortillas)
  • Grupo de mulleres marisqueras emprendedoras

Aproveitamos para lembrar a visita doutras 6 mulleres bravas a Galicia hai xa ano e medio. A de cousas que pasaron dende aquela…

Boletín Oficial ESFeiro: marzo 2021


CONTIDOS

  • Vida Asociativa
  • Honduras
  • Enlaces de interese
  • Publicacións en físico
  • A recomendación artística do mes
  • E no próximo mes …
  • A ESFrase do mes

VIDA ASOCIATIVA

  Este mes, ademais de celebrar que o BOE xa ten un irmán sonoro en forma de podcast, engadimos duas novas seccións: a “Recomendación artística do mes” e, dentro da sección Enlaces de interese, unha subsección para o tema de enerxía e cambio climático (que ademais vén fortísima na súa estrea).  

Tivemos a boa nova da creación dun incipiente grupo de enerxía e cambio climático de ESF, que foi o detoante de que adiquemos ese apartado específico a novas neste eido. Empezaron forte, impulsando un dos ciberfaladoiros realizados no mes, o de “alternativas para unha transición enerxética: que podo facer eu?“, do que se fixo un resumo por se non puideches asistir. O outro ciberfaladoiro foi sobre Outras realidades: Mozambique (é posible que pronto empecemos a facer algunha cousiña sobre este país).

    Tivemos tempo de asistir á presentación da nova Estratexia Dixital da Xunta de Galicia, e nos suscitou dúbidas que queremos compartir aquí.

    Tamén houbo reunións do grupo de Dereito Humano á Auga para seguir traballando no mapeo do estado da xestión do abascemento nos concellos de Galicia en colaboración con Ecoloxistas en Acción e a Universidade da Coruña, así como do grupo de Soberanía Alimentaria e Defensa do Territorio, que estivo definindo accións para este 2021. O 13 de febreiro houbo o III Ciber-vermú do grupo de homes esfeiros (ao que chamamos agarimosamente “micromachiños”), onde compartimos inquietudes sobre masculinidades alternativas.

    O Grupo de Apoio Mútuo Dixital tivo o primeiro encontro con membros de Ecos do Sur, para arrincar a proxecto de redución de Fenda Dixital en familias vulnerables coa reutilización de equipos vellos “voltos á vida” con software libre, apoiado por fondos IRPF da Xunta de Galicia.


HONDURAS

    En Honduras tivemos a boa nova da reincorporación da nosa representante país Raquel (apertas!!), e a viaxe de Irene para dar apoio nos meses de febreiro e marzo no país no peche de proxectos que toca nestes dous meses.

    Dentro do programa de soberanía alimentaria e defensa do territorio, en febreiro rematouse o proxecto, financiado pola Xunta de Galicia, de apoio á actividade marisqueira na súa fase 1 (nos vindeiros meses estaremos buscando a financiación para continuar). Presentouse a versión mellorada da ferramenta de mapeo participativo de áreas de alto valor ambiental e de agresións ambientais, SIROS, desenvolta co apoio do cartoLAB da Universidade da Coruña. Ademais, mulleres marisqueiras tiveron unhas xornadas de sementeira de marisco.

    Tamén nese programa, pero noutro proxecto, financiado pola Axencia Española de Cooperación, a organización hondureña socia de ESF, CODDEFFAGOLF, participou na mesa de Seguridad Alimentaria y Nutricional de la municipalidad de Nacaome.

    No último dos proxectos que temos en marcha dentro deste programa, tamén financiado pola Xunta de Galicia,  estamos a colaborar co CEXEF apoiando a grupos de mulleres con  CODDEFFAGOLF e ás oficinas municipales de la mujer de los 7 municipios da Mancomunidad NASMAR. En febreiro tivo lugar o primeiro foro de sanación grupal, “Tejiendo ternura en colectividad “, como un espazo reflexivo para as compañeiras que defenden a vida xunto ao mar.


    Xa no outro programa que temos en Honduras, o de promoción do dereito humano á auga, quixemos chamar a atención sobre a nosa aposta por ir introducindo no programa a hidroxeoloxía como sustento científico para fortalecer as accións das nosas socias na xestión da auga en Honduras. O estamos a facer coa Universidade da Coruña. Ademais, estivemos a preparar unha proposta para obter financiación da Deputación da Coruña para apoiar o programa de Formación de Técnicas Comunitarias de Auga.

A mala nova foi ter que lamentar o pasamento da alcaldesa de El Triunfo Gina Bonilla, coa que colaboramos estreitamente na defensa do dereito á auga na zona e que tivo a ocasión de visitar Galicia en 2018. Con ela, vaise unha loitadora e un exemplo para a clase política de Honduras. Foi pracer ter compartido esforzos con ela.


ENLACES DE INTERESE

Auga

Comunicación para o (como) desenvolvemento

Consumo responsable

Cooperación e ONGD

Educación para o desenvolvemento

Enerxía e cambio climático

Iniciativas

Investigación para o desenvolvemento 

Mundo

Políticas e modelos de desenvolvemento

Sensibilización

Soberanía alimentaria e defensa do territorio

Tecnoloxías da Información e Comunicacións (TIC)

Tecnoloxía para o desenvolvemento humano

Voluntariado e Persoas


PUBLICACIÓNS EN FÍSICO

(se che interesan, están no local de A Coruña ou fácilmente accesibles, e as persoas da base social de ESF poden solicitalas para préstamo).

Aquí podes ver moitas das publicacións que temos disponibles para préstamo á base social xa catalogadas.

Este mes:

  • Atlas Ecosocial de Galicia. Editorial Catroventos

A RECOMENDACIÓN ARTÍSTICA DO MES

    Esta é unha nova sección de BOE, onde recomendaremos algunha obra artística que nos pareza especialmente inspiradora. Cancións, libros, películas, obras de teatro, banda deseñada…, calquera peza de arte pode ter cabida!

Queremos estrear a sección con Manu Chao e o seu Clandestino, case un himno. Aquí podes escoitalo!


E NO PRÓXIMO MES …

   Para máis info sobre cursos e eventos en Galicia  consulta a Axenda Solidaria e as formacións da Coordinadora Galega de ONGD (ou subscríbe ao seu boletín quincenal, que conta con ofertas de emprego; formacións e actividades; novidades do sector; convocatorias de bolsas e subvencións; propostas de voluntariado, etc.). Tamén nas nosas redes sociais FacebookinstagramTwitter difundimos eventos de interese externos a ESFGalicia de temas vinculados ao noso traballo. 


A ESF-RASE DO MES

A ciencia non é senón unha perversión de si mesma, a menos que teña como obxectivo final o melloramento da humanidade
Nikola Tesla