Temos visita! Delegación da Mancomunidade NASMAR Honduras
No marco do proxecto de fortalecemento de capacidades técnicas para a xestión pública da auga nos sete municipios hondureños conforman a NASMAR, financiado por Cooperación Galega da Xunta de Galicia e o Fondo Galego de Cooperación, unha delegación composta de seis alcaldes e unha alcaldesa dos sete municipios que compoñen a Mancomunidade de Municipios do Sur de Honduras (NASMAR), así como a súa coordinadora técnica, estarán en Galicia a vindeira semana coa idea de compartir experiencias na xestión pública da auga con municipios galegos, desde a visión do Dereito Humano á Auga.
O contexto dos municipios da NASMAR, situados nunha área do trópico seco, moi vulnerables ás secas e aos efectos do cambio climático, fan que a xestión da auga sexa un dos seus principais desafíos. En Galicia a xestión da auga empezou a poñerse en primeiro plano o ano pasado, coas alertas de seca, pero xa viña sendo obxecto de preocupación por falta de transparencia na tramitación de concesións, cortes de auga a persoas que non poden pagar o servizo, problemas graves de saneamento, etc.
A xestión municipal da auga é unha cuestión que afecta a todos os países, e moitas das problemáticas e solucións que se presentan son comúns a todos os territorios. A experiencia desta delegación servirá para compartir as experiencias duns e doutros municipios, as solucións adoptadas e os atrancos aínda existentes na xestión municipal da auga desde o enfoque do Dereito Humano á Auga.
AXENDA