Un dos dereitos humanos a prol do que traballamos en ESF Galicia é o Dereito Humano á Alimentación. Pero non nos conformamos con que as persoas teñan comida suficiente, de calidade e variedade axeitadas. Tamén queremos que as persoas poidan decidir sobre que producir, e teñan acceso libre ás tecnoloxías de produción, almacenaxe, elaboración ou comercialización, sempre dende unha perspectiva de desenvolvemento endóxeno das comunidades. E, todo iso, de xeito sustentable e inclusivo (sen deixar a ninguén fora). O enfoque de xénero é tamén unha parte clave deste enfoque do Dereito á Alimentación, que se coñece como Soberanía Alimentaria. Aquí pódese saber algo máis do posicionamento de ESF Galicia neste tema.

Para promover o Dereito Humano á Alimentación con enfoque de soberanía alimentaria existe na asociación un grupo de traballo multidisciplinar de persoas voluntarias. Nel hai dende persoas que veñen da enxeñería agrónoma ou de montes, a periodistas, politólogas…Todo o mundo é benvido!!! Tamén contamos con persoas asesoras (onde hai dende persoas de sindicatos agrarios, a investigadoras e docentes de universidades galegas ou centros de investigación). Organizamos tanto campañas de sensibilización máis ou menos puntuais en redes sociais, como xornadas e faladoiros sobre diversos temas vencellados coa soberanía alimentaria, e promovemos investigación nestas temáticas, traballando case sempre en rede con outras organizacións. A parte de incidencia política a canalizamos a través da nosa participación na Coordinadora Galega de ONGD, onde soemos facer aportes para programas dos partidos políticos neste eido (e tamén dende as redes sociais propias). Por outra banda, o enfoque global da problemática da soberanía alimentaria no mundo o acadamos grazas ás alianzas no noso traballo en programas internacionais, na actualidade centrado en Honduras. Non podemos esquecernos da nosa participación en eventos en rede, onde aprendemos, tecemos alianzas e nos renovamos.

ACCIÓNS EN GALICIA

En Galicia traballamos este enfoque en faladoiros, cursos ou xornadas con temas que tocan directa ou indirectamente a soberanía alimentaria como a sensibilización ambiental (colaborando con organizacións como a Asociación TrezeCatorze de Salceda de Caselas), agricultura ecolóxica e, dende 2016, a bioconstrución (colaborando coa Asociación ESPIGA). En investigación, colaboramos con persoas da Misión Biolóxica de Galicia do CSIC en mellora participativa de sementes, que nos asesoran tamén nas nosas accións internacionais.

Tamén facemos diversas campañas, como a da promoción da pesca e marisqueo artesanal en “A Verdadeira Historia de Rodolfo“, ou tender pontes entre mulleres activistas pola defensa da terra e a economía social de Galicia e Honduras en “Mulleres Bravas”.

ACCIÓNS INTERNACIONAIS

A nivel internacional empezamos traballando o Dereito Humano á Alimentación en Nicaragua, sobre todo dende un punto de vista do desenvolvemento rural con enfoque de cunca hidrográfica. Alí traballamos en 2006-2007 na cabeceira da cunca do Río Viejo, no departamento de Jinotega, coa nosa socia La Cuculmeca. No mesmo departamento, entre 2008 e 2010, traballamos na cunca do Río Sasle, que desemboca no lago de Apanás, con FIDER. Toda a nosa experiencia no país a fomos relatando aquí.

En 2010 introduxemos este eixo de traballo no sur de Honduras, onde levabamos xa dende o 2007 traballando o Dereito Humano á Auga. Empezamos o traballo en Honduras na microcunca do Río Laure (municipio de San Lorenzo) con familias campesinas de la zona en diversificación productiva, soberanía alimentaria e Ordenación Territorial con apoio de Sistemas de Información Xeográfica (baseados en software libre), coa organización hondureña CODDEFFAGOLF, Amigos de la Tierra e CartoLab da Universidade da Coruña como socios. Este proxecto veu a fortalecer as capacidades de familias e institucións da zona na xestión das explotaciones familiares, aproveitando a experiencia que ESF fora acumulando en Nicaragua. Aquí está a avaliación externa deste primeiro proxecto de soberanía alimentaria de ESF Galicia en Honduras. De 2011 a 2014 o traballo centrouse na microcunca da Quebrada Gallardo, municipio de Namasigüe. Iniciouse o traballo co levantamento participativo dos plans de manexo de finca que deron as pautas de traballo en cada explotación familiar. Houbo tamén unha compoñente importante de investigación cun estudo multitemporal do avance das camaroneiras (piscinas de engorde de langostino) industriais sobre as zonas de manglar a partir de imaxe satélite, en colaboración con el Laboratorio do Territorio da Universidade de Santiago de Compostela. Iniciouse tamán a formación dun técnico de CODDEFFAGOLF na Misión Biológica de Galicia-CSIC, que posteriormente desenvolveu un programa de mellora participativa de sementes criollas de millo na zona do Golfo de Fonseca. Algunhas leccións aprendidas deste programa en Gallardo pódense ver aquí.
En 2014 afianzouse o que se fixera na cunca do Río Laure e iniciouse, sempre con CODDEFFAGOLF como socio estratéxico, un programa cunha carga importante de denuncia e fortalecemento das comunidades para a defensa dos dereitos sobre o territorio e ambiente, dados os perigos que no sur de Honduras se enfrentan coa irrupción da minaría e as ZEDE (Zonas de Empleo y Desarrollo Económico) e outras ameazas ambientais (usando tanto mobilización social como ferramentas tecnolóxicas como a cartografía participativa baseada en software libre (como Openstreetmap, onde colaboramos de novo co CartoLab da Universidade da Coruña). Isto, sen perder de vista a parte de desenvolvemento rural e pesqueiro coas familias e, cada vez máis, cos grupos organizados de emprendedoras locais (cun enfoque de xénero cada vez máis asentado tanto nas accións en si como de formación e interiorización nas propias organizacións impulsoras dos programas). En 2017 acadouse financiamento da Xunta de Galicia de 200.000 euros, e da Axencia Española de Cooperación (AECID) de 80000 euros, para continuar estes procesos, xunto co programa no que se colabora dende 2015 con Amigos de la Tierra y VSF Justicia Alimentaria Global no país, financiado tamén por AECID (e que rematarou en 2018 e do que houbo unha continuación por 4 anos máis até 2023). Xa en 2018 comezamos un novo proxecto neste programa, financiado pola Cooperación Galega da Xunta de Galicia, onde a compoñente de xénero adquire o protagonismo por primeira vez nun proxecto de Enxeñería Sen Fronteiras. 
En 2019-2020, con financiación da Xunta de Galicia, traballouse no fortalecemento de grupos de mulleres marisqueiras, pero coa chegada da pandemia da COVID19 e tamén unha gravísima mortandade de peixes e moluscos no Golfo de Fonseca, houbo que reenfocar o programa, e en 2022 empezou a fase 1 do programa Mellora da sostibilidade da actividade marisqueira como fonte de ingresos de grupos de mulleres nos municipios de Amapala, Alianza, San Lorenzo e Marcovia, Honduras. Este programa está en execución actualmente, até finais de 2023, cun orzamento de 280.000 euros, financiados en gran parte por Cooperación Galega da Xunta de Galicia, e tamén pola Deputación da Coruña.
Aquí se poden ver os proxectos en marcha en Honduras na actualidade, incluindo os do programa de Soberanía Alimentaria,