Que é Hackers Sen Fronteiras?

Hackers Sen Fronteiras é un programa no que traballamos o enfoque de Tecnoloxía para o Ben Común no ensino secundario e de formación profesional de base tecnolóxica no territorio galego. Levamos a cabo unha primeira fase durante os anos 2022 e 2023, da que adquirimos aprendizaxes, fortalezas e novas iniciativas, e atopámonos agora nunha segunda fase, financiada pola Convocatoria de Accións de Educación para o Desenvolvemento 2024 da Xunta de Galicia, que durará até finais do 2025.

A Tecnoloxía para o Ben Común, para os Dereitos Humanos (DDHH) ou a Tecnoloxía Emancipadora, aborda a tecnoloxía dende un enfoque crítico, sostible e participativo, co obxectivo de acadar a equidade e a xustiza social. Plantexa a tecnoloxía non coma un fin en si mesmo, senón coma un medio, dentro dun contexto ecosocial, económico e cultural.

Para potenciar este enfoque nas aulas queremos abordalo dende o alumnado, con actividades que van dende a escoita ata o baile, pasando por manchar as mans, como tamén dende o profesorado, creando colectivamente recursos didácticos que transversalicen a Tecnoloxía para o Ben Común nas súas aulas.

Faladoiros e obradoiros

Para abordar co alumnado un concepto tan amplo como o é este, creamos un catálogo de faladoiros e obradoiros cos que achegarnos ás distintas pezas que forman a Tecnoloxía para o Ben Común: seguridade, apropiación, inclusión, sostibilidade, feminismo, soberanía, ecoloxía, creatividade, comunidade…

Dende ESF plantexamos 25 actividades dende as que traballar e crear espazos de reflexión arredor das problemáticas medioambientais e sociais que hai no mundo xunto coas posibles solucións; dar a coñecer diversos xeitos de habitar, consumir e construir nun lugar; tamén para cacharrear co software e hardware libres; dende os que visibilizar a fenda de xénero e a falta de inclusión en moitos ámbitos, e até explorar a expresión dende a arte.

A meirando parte das actividades son impartidas pola base social de Enxeñería Sen Fronteiras, é dicir, por persoas voluntarias. Outras actividades implican servizos externos, os cales podemos financiar dentro deste proxecto.

O proceso para solicitar faladoiros e obradoiros é sinxelo. A través do correo-e info@galicia.isf.es podedes enviarnos o listado de actividades que vos interesaría levar a cabo e logo concertariamos unha reunión online para falar de horarios, dispoñibilidade e perfilar conxuntamente as actividades. A partir de aí o equipo técnico buscaría ás persoas poñentes e levaríanse a cabo os encontros, correndo os gastos que poidese haber a cargo de ESF.

A maiores dos faladoiros e obradoiros, nesta segunda fase queremos potenciar traballos cun pouco máis de recorrido, que involucren alumnado e profesorado. Os grupos que leven a cabo este tipo de proxectos levarán o nome de Comando Hackers. No catálogo de actividades recóllense algunhas propostas e damos liberdade a novas iniciativas relacionadas coa Tecnoloxía para o Ben Común e os Dereitos Humanos.

Aquí o catálogo.

Recursos didácticos para docentes relacionados coa Tecnoloxía para os DDHH

O profesorado xoga un papel clave como axente multiplicador de coñecementos, habilidades e actitudes que é. Por elo, dentro do programa, xeramos un espazo onde co-crear e compartir material didáctico para as aulas, e para unhas mesmas, con enfoque de Tecnoloxía para o Ben Común. O grupo fórmano profesorado de secundaria e de formación profesional do eido tecnolóxico sensibilizado co proxecto. Nesta segunda fase agardamos potenciar esta rede de docentes facilitando encontros, acompañamento e formación. Tamén esperamos deixar aquí un repositorio de materiais didácticos.

De momento, temos da Fase 1 un par de materiais que poden resultar de interese:

Rede de alumnas tecnólogas

A fenda de xénero no eido tecnolóxico é unha realidade que comeza xa a percibirse no ensino secundario, por non decir antes. A presenza da muller en todos os ámbitos é clave para unha cidadanía xusta, por elo, dende a primeira fase do programa apostamos por visibilizar a desigualdade de xénero no sector e dar voz nas aulas a mulleres tecnólogas relacionadas coa Tecnoloxía para o Ben Común, e comezamos a crear unha rede de alumnas.

Nesta segunda fase queremos potenciar máis este grupo de alumnas da ESO con interese polo mundo tecnolóxico, promocionadas polo profesorado da materia. Realizar con elas 3 encontros antes de finais de 2025, dos cales polo menos dous presenciais. Serán espazos de reflexión e participación, tanto de xeito individual como colectivo, sobre: as súas motivacións dentro da rede, a percepción que teñen da fenda de xénero e a identificación das barreiras que xa teñen presentes. E sobre todo será un ambiente para compartir e crear vínculos.

Outra proposta que trae esta segunda fase é a de crear un programa piloto de mentorías entre mulleres tecnólogas da base social de ESF e alumnas, seleccionadas polo equipo docente vinculado coa tecnoloxía e orientación nos centros. Consistirían en encontros curtos e persoais, presenciais no centro, para coñecerse e escoitar as motivacións e inquedanzas, falar das barreiras ou dúbidas que teña para seguir estudando no eido da tecnoloxía, tratando de buscar unha conexión máis persoal e de certa confianza.

Concurso Hakers Sen Fronteiras

Lanzamos un concurso para o financiamento dun proxecto didáctico relacionado coa Tecnoloxía para o Ben Común onde pode participar calquera centro público de ensino secundario ou FP de Galicia. Aquí as bases.

O obxectivo é implicar aos centros en proxectos que sensibilicen ao alumnado cos Dereitos Humanos, dentro ou fóra das aulas, facilitando os fondos que poidan precisar.

Nesta segunda fase, a convocatoria péchase o 4 de decembro do 2024. Bulide, que inda estades a tempo de presentar as vosas propostas!

Programa de Coñecemento doutras Realidades (PCR)

Co obxectivo de promover unha cidadanía global, crítica e solidaria, potenciando o proceso de aprendizaxe a través do coñecemento de primeira man das desigualdades entre países, ESF organiza todos os anos o Programa de Coñecemento doutras Realidades.

Este programa leva a Honduras, país onde traballamos no eido da cooperación internacional e temos dúas persoas técnicas expatriadas, a un pequeno grupo de persoas, formándoas no coñecemento da realidade concreta e das temáticas nas que traballamos no lugar,. Quérese con isto que as persoas participantes adquiran conceptos, procedementos e actitudes como parte do proceso de afondamento nas causas das desigualdades no mundo e que interioricen nas súas vidas e no seu entorno actitudes de cambio social para superar a inxustiza social.

Dentro do proxecto Hackers Sen Fronteiras resérvase unha plaza para docentes de secundaria ou FP, coa que se cubrirían os principais gastos da viaxe e estadía no país, nun intervalo de 1,5 a 3 meses de duración no verán do 2025.

Estadística recollida de xaneiro 2022 (fase 1) a outubro 2024 (fase 2)

– 25 persoas dinamizaron ou impartiro faladoiros e obradoiros, das cais, 23 voluntarias de ESF, 11 delas mulleres

máis de 50 actividades en aula

– 13 temáticas distintas relacionadas con tecnoloxía para o ben común e a transición ecosocial

15 centros de ensino (en 2 dos cais se fixeron actividades tanto en FP como en secundaria)

Máis de 20 docentes colaboradoras

Máis de 1500 alumnos e alumnas participantes

E… por que o nome de Hackers Sen Fronteiras?

Porque queremos reivindicar a curiosidade, o empoderamento tecnolóxico e o cuestionamento á propia tecnoloxía sen renunciar a ela, e iso é o que impulsa a este movemento (e que fixo que se vira cuestionado e perseguido, como se conta neste artigo).