Enxeñería Sen Fronteiras Galicia é unha asociación. Como tal, o seu órgano máximo de toma de decisións é a Asemblea Xeral de Persoas Socias. Convócase unha asemblea ordinaria cada ano para a aprobación das contas, e outras dúas extraordinarias para outras decisións, encontro da base social e autoformación, unha en primavera e outra en outono (ás que chamamos «Xuntanzas»). Cada 2 anos se elixe unha Xunta Directiva, que toma as decisións do día a día en base á planificación estratéxica que estea vixente.

Ademais, existen distintos grupos de traballo que son o verdadeiro motor da asociación, e que se poden ver no organigrama da asociación. Están formados por persoas voluntarias que poden estar apoiadas polo persoal liberado (con contrato laboral). Actualmente (abril 2024) a asociación conta con 6 persoas con contrato laboral: unha administradora xeral en Galicia a xornada completa (8h/día), Paola, un técnico de proxectos en Galicia a tempo parcial (6h/día), Sergio, unha técnica representante país-Honduras a tempo completo (Raquel), unha técnica expatriada de proxectos en Honduras a tempo completo (Sandra), unha administradora en Honduras (Rina) e un técnico responsable-país Mozambique a tempo completo (Víctor).

A continuación podes coñecer á Xunta Directiva e ao noso equipo técnico

A Xunta Directiva de Enxeñería Sen Fronteiras

PRESIDENCIA

Marc Romero Estonllo

Son voluntario de ESF dende o 2020. O que máis me interesa é todo o relacionado coa electrónica ética e a soberanía dixital. Agora mesmo atópome facendo a miña tese doutoral no campo da enxeñería biomédica. Encántame o cicloturismo de longa distancia.

VICEPRESIDENCIA

María Jesús (Chus) Sousa Martínez

Voluntaria de ESF Galicia dende 2020.
Estudei agrónomos en Lugo e a miña primeira experiencia profesional foi como xoven cooperante no Salvador, nun proxecto de rega. Despois tiven diversas experiencias na investigación e na docencia e agora traballo na Xunta en temas relacionados coas denominacións de orixe.
Encántame senderear a pé ou en bici.

SECRETARÍA

Víctor Echavarría Bastos (Chevi)

Son un apaixonado da medio natural. Emporiso, alén de focar a miña vida profesional ao coidado e xestión do
medio natural, tamén me acheguei á participación social. Sobre todo, a nivel parroquial, sendo un dos socios fundadores do
Movemento Veciñal Bembrive en Pé, asociación criada logo de recollermos sinaturas en contra do proxecto de construción da A-52 (PXOM Vigo). Uninme Enxeñaría Sen Fronteiras no 2023.

TESOURARÍA

Ana Rodríguez Rodríguez

Recolectora por vocación. Nos meus hobbies abunda a reparación e reutilización de case calquera cousa, polo que non podo estar máis feliz de colaborar nun espazo para compartir inquedanzas, consellos e información.

VOGALÍA

Alba Lestón Casais

Voluntaria de ESF dende 2012. Xa formou parte da Xunta Directiva hai anos como vogal de voluntariado. Tamén formou parte da Xunta Directiva da Federación Española de Ingeniería Sin Fronteras.

VOGALÍA

Thais Pousada García

Voluntaria de ESF desde 2020, cunha vocación de traballo no eido das tecnoloxías para o ben común.
Son doutora en Ciencias da Saúde, Terapeuta Ocupacional e Enfermeira e o meu traballo sempre estivo ligado ás persoas con diversidade funcional.
O deseño de baixo custo aplicado aos produtos e tecnoloxías de apoio é a miña paixón profesional e persoal.
Encántame viaxar, descubrir e coñecer pobos e culturas, e tamén facer un pouquiño de manualidades nos ratos libres.

VOGALÍA

Celia Lorenzo Muñiz

Licenciada en ciencias do mar, son voluntaria en ESF dende 2023, cando participei no Programa de Voluntariado Internacional de Coñecemento doutras Realidades en Honduras. Encántanme os cans.

O Equipo Técnico de Enxeñería Sen Fronteiras

ADMINISTRADORA XERAL

Paola Mondaca González

Bióloga de formación, foi a primeira persoa contratada en Enxeñería Sen Fronteiras, en 2007. Os rexistros non teñen segredos para ela. Tamén encárgase de apoiar o control contable, xestión laboral, gastos e cartos en xeral, e aínda lle queda tempo para facilitar os grupos de Mulleres Tecnólogas para o Ben Común e o Programa de Coñecemento da Realidade.

TÉCNICO DE PROXECTOS EN GALICIA

Sergio Fernández Alonso

Enxeñeiro de Montes de formación, aínda que tamén me formei en facilitación de grupos, cooperación internacional, educación para o desenvolvemento e comunicación para o cambio social. Fun voluntario dende 1998, e empecei xa como técnico de proxectos contratado en 2008.

Trato de dar apoio aos grupos de voluntariado para desenvolver proxectos de educación/sensibilización/cooperación internacional dende Galicia, e tamén de facilitar a comunicación externa e interna da asociación. Ademais, participo por ESF na Comisión de Incidencia Política da CGONGD e na Comisión de Educación para o Desenvolvemento.

Encántanme os xogos de mesa, ler e a música, tanto escoitala como (mal)facela. Ah, e teño un blogue para desfogar.

REPRESENTANTE PAÍS-HONDURAS

Raquel Zolle Fernández

Enxeñeira de Montes, que traballou durante 9 anos en temas de desenvolvemento rural na montaña lucense. Foi voluntaria de ESF, formando parte hai anos da xunta directiva (presidenta). Máis adiante, participou no Programa de Coñecemento da Realidade en Honduras, e posteriormente volveu ao país 6 meses nunha visita técnica de apoio a unha das asociacións hondureñas coas que traballamos. Xa en 2016 entrou como persoa contratada no posto de representante país Honduras. Agora xa case ten a dupla nacionalidade, tras máis de 7 anos no país.

ADMINISTRACIÓN EN HONDURAS

Rina Guevara

Nova fichaxe en 2023 para dar apoio de seguimento de gastos de proxectos na nosa sede de Honduras.

TÉCNICA DE PROXECTOS EN HONDURAS

Sandra Fernández de la Cruz

Enxeñeira industrial pola Universidade de Vigo, aínda que pouco despois de rematar a carreira, xa me decatei de que o sector privado da industria non era cousa miña e que quería aproveitar esos coñecementos para seguir un camiño diferente do “establecido” . Por iso mesmo, decidín facer un Posgrado de Experta en Auga e Saneamento para a Cooperación Internacional. Estou en ESF dende 2023 apoiando en Honduras nos proxectos do país.

Encántame viaxar e a natureza, acostumo combinar estas duas cousas con actividades deportivas. As miñas fieis compañeiras a todas as miñas viaxes son as miñas botas de montaña e a miña mochila de trekking azul. Para despexar a mente o que máis aprecio é falar ca miña xente e de vez en cando, uns bailes ata deshoras tamén caen.

COORDINADOR DE CONVENIO MOZAMBIQUE

Víctor Penas López

Son Enxeñeiro de Montes especializado en cooperación internacional e recursos hídricos.

Con experiencia de traballo en Latinoamérica e África, dende 2013 coordino o programa de cooperación de Augas de Galicia coas administracións rexionais da auga de Mozambique, no que dende 2022 se integrou Enxeñería Sen Fronteiras.