Posts

CURSO. Escola de sustentabilidade e cidadanía global. Mulleres bravas defensoras da terra. Edición Universidade de Santiago de Compostela

Este curso desenvólvese no marco dunha acción de Enxeñería Sen Fronteiras Galicia (ESF) e Amigos da Terra (AdT), apoiada polo Servizo de Participación e Integración Universitaria da Universidade de Santiago e financiada pola Dirección Xeral de Relacións Exteriores e a UE da Xunta de Galicia. Busca crear ligazóns entre a universidade e o tecido de acción social e ambiental de defensa da terra e xeración de alternativas produtivas sustentables, cun enfoque de cidadanía global.

ESF e AdT, ademais de desenvolver accións de defensa do dereito ao ambiente en Galicia, teñen proxectos de cooperación ao desenvolvemento no sur de Honduras (un área especialmente sensible aos efectos do cambio climático, que se está a enfrontar a ameazas importantes nos seus recursos naturais a cargo de accións empresariais extractivas e pouco éticas). Tanto en Galicia como en Honduras é tradicional que as mulleres sosteñan a loita pola defensa dos medios de vida (que ten moito vínculo coa terra e o ambiente), e o impulso de sistemas alternativos e máis sustentables de produción e de organización comunitaria. Tamén é habitual a súa invisibilización como axentes transformadores e de liderado social.

Con esta acción formativa preténdese traballar o pensamento crítico, as capacidades de análise, a creatividade e a aplicación de coñecementos disciplinares ao deseño de accións de sensibilización e comunicación cun enfoque de cidadanía global. Todo iso, poñendo no centro o papel das mulleres na defensa da terra e a promoción da economía social, así como levar experiencias en primeira persoa ao alumnado sobre os efectos do extractivismo no seu entorno (Galicia) e noutras realidades, como as de países empobrecidos. Deste xeito, espérase traballar na educación para a cidadanía global e a solidariedade no alumnado que se matricule no curso.


O CURSO

Prazas: 25, en orde de solicitude

Custo: 10 euros, reembolsables a todas as persoas que completen o curso con éxito. Non se asignará praza definitiva até non ter realizado o pago

Prazo de matrícula: até o 8 de marzo ou até esgotar as prazas

Proceso de matrícula: envío de solicitude de participación no curso a info{arroba}galicia.isf.es incluíndo o número de teléfono. Unha vez que se reciba a contestación onde confirmemos a pre-selección, realizarase nas seguintes 48 horas o pago dos 10 euros de sinal na conta de Enxeñería Sen Fronteiras ES92 2080-0012-31-3040031586 co concepto: Sinal curso Mulleres Bravas +[Nome Apelidos alumnx]. Se non se realiza o pago e comunicación nese prazo, perderase a praza e pasarase a asignar a quen estea en lista de espera

Datas e sesións: o curso comezará o 10 de marzo de 2022 (cunha sesión presencial) e rematará o 15 de xuño de 2022 (cunha sesión en liña de peche e avaliación). O curso realizarase como un itinerario formativo composto dunha serie de sesións con facilitación en directo (unha en liña e o resto presenciais, por un total de 22 horas), e un traballo persoal a partir de material facilitado (8 horas), para un total de 30 horas. As sesións presenciais terán lugar en Santiago de Compostela, na aula 3 da Escola Técnica Superior de Enxeñería (ETSE) do Campus Vida, excepto o encontro de fin de semana. Pódese ver o programa detallado máis abaixo.

Recoñecemento de créditos: as persoas que o desexen, poden obter o recoñecemento do crédito ECTS completando o 90% das horas de clase e o traballo persoal.

Bolsas de mobilidade: Hai posibilidade de solicitar 2 bolsas de mobilidade para persoas que se despracen dende o Campus de Lugo (financiándose até un 50% dos desprazamentos). Pódese facer a solicitude da bolsa simultaneamente coa solicitude de matrícula.


PROGRAMA

SESIÓNDATALUGAR
Presentación do curso
Enxeñería Sen Fronteiras, Amigos da Terra e SEPIU da USC
10/03/2022
17:30 – 18:30
ETSE (Aula3)
Cidadanía global e a ameaza do extractivismo. Xeneralidades do sistema de hiperconsumo e extractivismo globalizado
Enxeñería Sen Fronteiras e Amigos da Terra
10/03/2022
18:30 – 20:30
ETSE (Aula3)
Encontro con mulleres defensoras de Honduras e plataformas galegas en defensa do territorio (Plataforma Mina Touro Non, Plataforma pola Defensa da Ría da Arousa e plataforma Casalonga Limpa de Residuos)31/03/2022
17:00 – 20:00
ETSE (Aula3)
Convivencia-formación de fin de semana.
Enxeñería Sen Fronteiras, Amigos da Terra, mulleres activistas hondureñas e plataformas galegas de defensa da terra
7-8/05/2022Centro Etnográfico do Mandeo (Teixeiro)
Obradoiro “comunicar as loitas”
Persoas expertas en comunicación social de AGARESO
28/04/2022
17:00 – 19:00
ETSE (Aula3)
Encontro mulleres produtoras de Honduras e iniciativas galegas de produción e consumo sustentable12/05/2022
17:00 – 20:00
ETSE (Aula3)
Obradoiro en liña de peche e avaliación
Enxeñería Sen Fronteiras, Amigos da Terra e SEPIU da USC
15/06/2022
19:00 – 20:00
En liña

Ciberfaladoiro: Comercio local e as compras vía Internet

Durante a pasada edición do “Ciberfaladoiro Esfeiro” tivemos a oportunidade de partillar impresións sobre un tema de actualidade coa achega do Nadal: o comercio local e as compras online.

Compañeiras e compañeiros de Reino Unido, Catalunya ou Galicia compartimos as problemáticas entre estes dous termos “comercio local” e merca “online” que, tal como fomos desenvolvendo, non teñen por que ser contrapostos. Así de primeiras xa detectamos a distinción entre comercio local vs grandes superficies e comercio online vs presencial.

Primeiramente xurdiron diferentes opinións ao respecto das compras online. En concreto, falouse do seu impacto medioambiental respecto á compra presencial.

Comentouse un estudo (podedes atopalo, xunto con outras referencia do falado, nos enlaces de abaixo) de Greenpeace que asegura que, postos a facer compras vía online, pode mellorarse ese impacto pedindo que o envío se faga a un punto de recollida, en lugar de ao domicilio. Deste xeito, evítase ese “último quilómetro”. Nesta liña, comentouse o impacto do embalaxe no caso de mercar por esta vía.

Tamén se resaltou, en base a un exemplo dunha pequena tenda local, a dificultade para adaptarse ao comercio online. O tempo de recepción de pedido, preparación, seguimento e confirmación de recepción supón un tempo e esforzo que moitas veces o pequeno comercio non pode asumir. Ademais, coméntanse as problemáticas debidas ás comisión asociadas ao pago vía tarxeta e vía Internet.

Aínda así xurdiron tamén achegas sobre o feito de que moitas pequenas empresas teñen que mellorar a nivel tecnolóxico/venda online. Do mesmo xeito, a carencia de servizos como as devolucións supoñen unha barreira fronte ás grandes superficies.

Un punto importante da conversa foi a identificación coa compra online e en grandes superficies co “quero isto sen máis historias”, ademais de evitar cola. Apréciase una forte relación entre unha cultura do “aceleracionismo”, ir rápido, ser produtivos, etc., que bate coa filosofía do comercio de proximidade. A loita por ou contra a inmediatez.

No medio de toda esta problemática, coméntase como están a desaparecer as pequenas tendas de barrio, o que tamén leva a unha falta de acceso a determinados produtos no rural, relacionando isto cunha concentración non sostible de agrupacións urbanas. Se este proceso está a producirse amodo nos pobos e cidades, cada vez máis invadidos pola grandes superficies; no comercio online, o feito de ter máis medios, fixo que sexan estas grandes superficies as primeiras en “chegar” e cubrir este baleiro, sendo agora moi difícil a entrada do comercio local nesta vía.

Por último, gustaríanos achegarvos algunhas ideas que se comentaron para loitar contra estas desigualdades comerciais existentes

– Empregar páxinas coma Amazon coma buscador de opinións de produtos e unha vez tes unha idea clara do que queres mercar buscalo en tenda física.

– Prestar atención ás tendas que venden os artigos que estás a mercar en páxinas coma Amazon, buscar a súa páxina web e mercala a través desta (ou, se está preto, en persoa).

Tamén vos achegamos as seguintes iniciativas e páxinas de interese sobre o tema deste ciberfaladoiro:

Alternativas:

https://dbarrio.com/

http://www.mercadodeabastosdesantiago.com/

https://amtega.xunta.gal/es/aplicaciones/mercados-y-plazas-de-galicia

exemplo de pequeno negocio rural tradicional con venta en liña: https://carabunhas.com/

https://benmercado.gal/market/gl/

https://www.todostuslibros.com/

https://www.mercadosocial.net/galicia

En Barcelona:

https://www.mensakas.com/es/

Contra a filosofía da inmediatez:

O artigo de Greenpeace comentado:

https://es.greenpeace.org/es/noticias/ecommerce-comercioelectronico/

Black Friday:

https://www.elsaltodiario.com/consumismo/greenpeace-graves-impactos-ambientales-comercio-electronico-online-black-friday

Prácticas chunguillas de Amazon:

https://www.businessinsider.es/amazon-vigila-empleados-impedir-creen-sindicatos-732069

https://www.eldiario.es/economia/amazon-infiltra-espias-almacenes-europeos-vigilar-trabajadores-grupos-sindicales_1_6458286.html