Posts

Continúa o fortalecemento da xestión pública da auga en 7 concellos de Honduras

Segue o traballo no proxecto Fortalecemento de capacidades técnicas para a xestión pública de calidade en proxectos de abastecemento de auga a comunidades rurais, nos 7 municipios da mancomunidade Nasmar, Honduras. Este proxecto, dentro do programa de ESF de Promoción do Dereito á Auga en Honduras, é financiado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade con 36.740 euros.

Unha das actividades importantes foi o diplomado en hidráulica para persoal técnico dos municipios da Mancomunidad de Municipios del Sur de Honduras (NASMAR). Durante 2019 rematouse coa realización das prácticas en 4 comunidades. Como actividades prácticas posteriores á formación teórica, os grupos de técnicos municipais traballaron en equipo no levantamento de información da ficha social e técnica en dúas comunidades. Dividíronse os equipos municipais en dous grupos, para levantamento destas comunidades (El Platero en Goascorán e Las Pelonas en Amapala).

Na primeira semana de xullo se completou a recollida de datos da comunidade El Jiote, de Marcovia, adaptando os datos á nova versión GvSIG-Fonsagua, xa que dita comunidade fóra levantada na fase inicial do programa de Agua de ESF e Nasmar, hai máis de 4 anos, cunha versión anterior da aplicación. Todas estas actividades se realizan en equipo entre os técnicos municipais, para poder apoiarse mutuamente, reforzar coñecementos e promover o traballo en equipo. Van en equipo varios concellos a cadad comunidade, por proximidade. As participantes no curso teñen que facer o informe de traballo de campo para que obteñan o diploma da universidade Unitech. Despois farán máis comunidades, para que haxa unha comunidade por cada concello da NASMAR (son 7), para que logo sirva para construir pequenos proxectos a partir dos datos levantados e buscar financiadores. Isto pretende servir para que logo cada alcaldía teña persoal capaz de continuar este traballo nas distintas comunidades (aldeas) dos municipios, a partir de manuais de apoio e seguemento técnico de persoal da mancomunidade.

Tamén avanzouse nos últimos meses no traballo de integrar a xestión integral da auga nos Plans de Desenvolvemento Municipal (ferramentas que teñen os concellos para establecer estratexias de traballo nas áreas que son a súa competencia, e poñer cronogramas e recursos priorizando actividades nas diferentes liñas de traballo establecidas).

Remata a Escola de Formación Política en Honduras

35 mozas e mozos finalizaron diplomado sobre Formación Política y Derechos Humanos.Pertencen á organización MASVIDA e Frente Triunfeño en Defensa de la Vida, no sur de Honduras. Está dentro do programa de Dereito á Alimentación e Soberanía Alimentaria que se desenvolvemos con CODDEFFAGOLF e, neste caso, co apoio da Agencia Española de Cooperación Internacional para el Desarrollo.

A formación durou 5 meses, nos cais abordáronse os seguintes módulos:

– Historia de los Derechos Humanos y Lucha Territoriales,

– Sistema Internacional de Protección de Derechos,

– Construcción de Paz y Transformación de Conflictos,

– Documentación de Casos y Violaciones a Derechos Humanos

– Herramientas para la Defensa de los Derechos Humanos.

Modesto Ochoa, presidente de CODDEFFAGOLF, dixo que este tipo de capacitacions contribúen á defensa dos territorios, a fin de que todos os actores vivan nunha cultura de respecto, igualdade e cooperación mutua nas comunidades. Agregou que a organización que el preside ten como visión conservar os recursos naturais do Golfo de Fonseca e promover un modelo de desenvolvemento innovador para mellorar a calidade de vida das persoas que alí habitan.

Noraboa ás participantes! Nós tamén esperamos que sexa unha ferramenta que fortaleza o seu activismo por unha Honduras mellor.

Exemplo de proxecto de mellora da xestión pública municipal da auga, El Triunfo (Honduras)

En 2017 foinos concedido, na primeira convocatoria de axudas para ONGD do Concello de Compostela, o “Proxecto de mellora das capacidades do municipio de El Triunfo (Honduras), para a xestión pública da auga con transparencia e rendición de contas”.

El Triunfo é un municipio no departamento de Choluteca que limita ao sur e ao leste con Nicaragua. Ten unha poboación de 43.670 habitantes,sendo 21.759 homes e 21.910 mulleres distribuídos en 301 Km2, en 11 aldeas (entidades de maior tamaño), 182 caseríos e a área urbana, que conta con 19 barrios. Así mesmo, en conxunto 23.899 son maiores de 18 anos. É dicir, case o 49% é menor de idade.

A actividade económica principal é a pesca artesanal, agricultura, gandería e silviculura, cun 68% da poboación dependente destas actividades. Posteirormente, destacan algunhas industrias manufactureras (moblerías, salineras, empacadoras, minería, etc), co 8%, e servizos.

Un dos problemas máis graves afrontados polo municipio é a xestión dos recursos hídricos, xa que o 78,5% da súa poboación non ten acceso a auga potable, sendo o maior índice de todos os municipios do departamento Choluteca.

Ademais, como algo xeneralizado no país, está o problema da xestión pública, coa inexistencia do funcionariado na administración (hai pouco tempo está a iniciarse o proceso de implementación do “funcionariado de carreira”, co cal na maioría de municipaios aínda non existe esta figura, e cambia todo o persoal en cada unha das eleccións municipais). Iso por non falar da corrupción e falta de control público (nin procedementos) para gran parte das políticas públicas, e a xestión da auga (cuxo aseguramento á poboación corresponde por lei aos concellos) non se libra.

Con este contexto, e a traxectoria de 5 anos traballo de Enxeñería Sen Fronteiras na zona coa Mancomunidade de Municipios NASMAR (á que pertence El Triunfo), quíxose plantexar neste concello, coa colaboración total da súa corporación municipal, un proxecto para mellorar os procesos de transparencia e rendición de contas no relativo á xestión da auga. O proxecto tiña dúas liñas de acción moi vinculadas:

  1. O traballo en procesos e metodoloxías de transparencia e participación cidadá na planificación e xestión da auga
  2. Asociado ao anterior, realización dun proxectiño piloto de mellora de infraestructuras de abastecemento de auga para 5 dos 19 barrios do núcleo urbano de El Triunfo

O proxecto iniciouse o 1 de novembro de 2017, e rematouse o 31 de agosto de 2018. O seu orzamento foi de 18.487,34, dos que 15.016,41 os aportou o Concello de Santiago. O 2 de abril de 2019 presentouse o proxecto no Consello Municipal de Cooperación do Concello de Santiago, para que se coñecera o realizado, ademais de realizar unha presentación inicial do programa de promoción do Dereito á Auga no que se ía enmarcar, a finais de 2017 en Compostela, e de que a propia alcaldesa de El Triunfo e o resto dos alcaldes dos concellos da Mancomunidad NASMAR puideran tamén presentar o realizado e agradecer o apoio ao propio Concello de Santiago na visita que a delegación fixo a finais de 2018.

En Honduras, iniciouse o proxecto unha vez o clima social e político permitía a realización de reunións e traballo social sen riscos, despois das controvertidas eleccións nacionais e municipais de finais de 2017. Iniciouse con cautela, debido a esta situación, incidindo no traballo técnico de análise dos mecanismos de participación e normativa e recomendacións para a xestión pública de calidade nos proxectos de auga. Así mesmo, actualizouse a táboa de información de rendición de contas sobre o estado de proxectos de auga.

Posteriormente realizouse un análise técnico das posibles solucións de obra e acceso á auga, detectándose dificultades para a obtención do permiso do dono da finca na que se ubica o pozo considerado no inicio para o proxecto. Esta persoa pedía unha contraprestación a modo de contratación laboral de dúas persoas da súa familia a cambio da cesión do uso do pozo. Considerouse e así se explicou ás comunidades, que no marco da mellora da transparencia e calidade na xestión pública non debía caber aceptar esa proposta, porque se estaría prexudicando a calidade na xestión pública de contratacións.

Asemblea de barrio

Socializouse coas comunidades beneficiarias en asembleas abertas esta cuestión e toda a componente técnica de execución, explicando as pautas de participación e transparencia. As comunidades participaron activamente na búsqueda de solucións. Propúxose substituir o pozo inicial polo pozo da colonia “27 de Mayo”. Este pozo rinde algo máis de auga, pero non contaba con tanque de almacenamento próximo.

Depósito restaurado
Depósito vello

Realizouse outra análise participativo de posibles solucións, e se propuxo utilizar o tanque do sistema de auga alimentado pola fonte de auga superficial de Matapalo. Este tanque detectouse que non reunía as características sanitarias axeitadas. Como as veciñas da colonia do 27 de Mayo desconfiaban da calidade de auga da fonte de Matapalo, houbo un rexeitamento forte inicial ao uso do tanque compartido, xa que a auga do pozo da colonia se estaría misturando no tanque coa auga proveniente da fonte superficial.

Asemblea de barrio

A proposta do equipo técnico da Nasmar, acordouse en reunións coa veciñanza, realizar análises de auga da fonte, así como do tanque. A socialización das análises e das graves incidencias detectadas permitiu que a poboación da colonia 27 de mayo aceptase a proposta. Así que o proxecto de obra se aprobou finalmente por todas como a liña de bombeo dende o pozo da colonia 27 de Mayo ao tanque que recibía augas da fonte de Matapalo.

Instalación liña eléctrica

Executouse o proxecto de obra definido na formulación, modificando por tanto o pozo de auga e o tanque de destino da obra de liña de bombeo. Por elo, se deron modificacións sobre o orzamento inicial. Por exemplo, fixo falla colocar unha bomba de maior potencia para o bombeo, e diversas obras de adecuación do entorno do pozo (caseta, etc).

Levantamento topográfico

Na execución do proxecto, participaron persoas dos barrios beneficiarios en traballos que requerían man de obra non cualificada.

Instalación de tubaxe

Así mesmo, se fixeron reunións nas colonias, para explicar as obras, especialmente a dotación de 157 conexións familiares a novas vivendas, e todas as obrigas que elo implica, como o pago da cota á xunta de auga para mantemento.

Caseta de bombeo

Posteriormente, a municipalidade, debido ás solicitudes da poboación, acordou un segundo proxecto, consistente na ampliación do tanque e mellora da obra-toma da fonte de Matapalo. Elevouse por tanto en altura o tanque e se fixeron diversas obras de protección. Isto xa correu a cargo da propia alcaldía.

Todo este proceso de diálogo e mecanismos de participación se deu coa participación da veciñanza en xeral nas asambleas, así como as persoas representantes das xuntas de auga e patronatos veciñais, o equipo técnico da Mancomunidade Nasmar, equipo técnico da municipalidade, persoal técnico expatriado así como voluntarias en terreo de Enxeñería Sen Fronteiras, representantes da corporación municipal (rexedoras, que equivalen a concelleiras), e representantes de organizacións e comisións de sociedade civil, tales como a Asociación Hondureña de Juntas Administradoras de Sistemas de Auga (AHJASA), na súa delegación local, o Comité Municipal de Auga e Saneamento (COMAS), entre outras.

No mes de agosto, se celebraron os Cabildos Abertos, que son os mecanismos máximos de participación regulamentados na normativa hondureña. Os cabildos teñen implicación legal e os acordos tomados nos mesmos son vinculantes para a municipalidade.

No primeiro cabildo celebrado, expuxose a forma de execución do proxecto de xeito participado, e se informou da execución dos proxectos de auga da municipalidade nos últimos anos, así como o compromiso de seguir traballando por mellorar o acceso ao Dereito Humano á Auga e Saneamento.

No segundo cabildo aberto celebrado, conseguiuse o compromiso oficial vinculante entre a municipalidade e a sociedade civil, para seguir traballando por solucionar o acceso á agua, así como por mellorar a participación da sociedade no control da función pública da municipalidade.

Pola súa banda, se estableceu un mecanismo de medición da participació das mulleres nestes cabildos abertos sobre proxectos de auga. Para elo se modificaron os modelos de listados de participantes para reflectir a asistencia diferenciada por xénero, e a persoa encargada da Oficina Municipal da Muller, realizará un seguemento do tipo de participación diferenciada home / muller, especialmente deixando reflectida a diferencia no nivel de participación en exposición aberta da asemblea, a participación na mesa principal, o tipo de mensaxes ou participación realizada, se estas foron escoitadas, e cal foi a repercusión das propostas levadas ao cabildo polas mulleres. A mancomunidade Nasmar está tratando de extender esta medida a todos os concellos que a conforman, e a todo tipo de cabildos abertos. Para elo se baseará no persoal de apoio en xénero que se dispón no marco dun proxecto financiado pola Xunta de Galicia que se estivo a executar en 2018 e continúa en 2019.

Durante a execución do proxecto, conseguiuse así mesmo que outros dous proxectos municipais se executasen con criterios de transparencia e bó goberno. O primeiro proxecto foi de instalación do sistema de enerxía renovable para o abastecemento enerxético para o bombeo de auga na comunidade de El Fortín, no que tamén participou ESF e foi financiado pola Deputación da Coruña. O segundo consistiu nao mencionado de ampliación do tanque e mellora da obra-toma da fonte de Matapalo, cuxa identificación se produciu na execución deste proxecto, e xurdiu das demandas da poboación.

Esperamos nos vindeiros meses aproveitar a inercia deste proceso co proxecto que temos en marcha financiado pola Xunta de Galicia, e seguir avanzando en mellorar procedementos para rendir contas e promover a participación da cidadanía na xestión da auga (moito temos que aprender disto tamén en Galicia…).