Posts

Foto: Mulleres Bravas de Honduras e Galicia na Universidade de Santiago de Compostela.

Mulleres Bravas da Economía Social na USC

Nicole Rojas, compañeira da ONG AGARESO, déixanos esta crónica da mesa redonda que tivo lugar en Santiago de Compostela o pasado 12 de maio, dentro do proxecto Mulleres Bravas que impulsamos con Amigos da Terra.


“Se a compañeira veciña non ten terra onde cultivar, fanse parcelas colectivas e a colectividade está a dar bos resultados”: Francisca Sipriana Muñoz, labrega e activista hondureña.

O segundo encontro de Mulleres Bravas organizado por Amigos da Terra e Enxeñería Sen Fronteiras co apoio de AGARESO, levouse a cabo o pasado xoves 12 de maio como parte do curso Escola de Sustentabilidade e Cidadanía Global na Universidade de Santiago de Compostela.

Desde Honduras chegaron de novo algunhas representantes da tenacidade no ámbito ambiental e agrícola do país centroamericano, Leni Suyapa Betancourt e Francisca Sipriana Muñoz, que aproveitaron para compartir e reunirse con outras mulleres galegas, tamén tenaces, que lles falaron un pouco acerca dos proxectos que se producen aquí como Mulleres Salgadas e Arousa en Transición.

Durante o encontro, un espazo aberto para coñecer as experiencias de todas as participantes e o seu traballo, a primeira en tomar a vocería foi Francisca, unha muller hondureña sen pelos na lingua, a quen lle gusta compartir as súas experiencias de máis de 20 anos en defensa do territorio e os dereitos das mulleres. Foi fundadora do Comité Municipal de Defensa da Natureza e da Asociación de Comités Ecolóxicos do Sur de Honduras e, desde hai 4 anos é coordinadora da Oficina Municipal da Muller. Actualmente o seu traballo enfócase nunha escola de campo que basea a súa actividade na agricultura ecolóxica.

A seguinte en participar e contarnos un pouco sobre ela foi Leni, quen fai parte da Comisión Ambiental Municipal do seu pobo e tamén participa de forma activa na defensa do seu territorio ante as ameazas da minería e da industria fotovoltaica.
Leni contou como chegou a integrarse na gandería sostible cando na súa casa comezaron a producir e distribuír leite de vaca e queixos. Ela fai parte dun grupo de mulleres organizadas que traballan para xerar ingresos con estas vendas e así fortalecer o traballo colectivo e os grupos de base.

Ao finalizar os relatos de Leni e Francisca de Honduras, deuse paso a Dores Gómez Ordóñez, directora e representante da Asociación de Mulleres Salgadas, a primeira e única asociación de ámbito autonómico galego de mulleres do sector pesqueiro.

 A asociación de Mulleres Salgadas é unha organización feminista, pois recoñece e promove o valor do traballo das mulleres en calquera ámbito relacionado co mar e busca, por suposto, a mellora nas condicións das traballadoras, razón pola que esta organización acolle todas as profesións e labores do mar. Hoxe en día conta con máis de 1.500 asociadas.

Por último, pero non menos importante, deuse paso a Arousa en Transición, unha ONG que traballa defendendo o medioambiente e busca xerar camiños cara á transición enerxética. Exemplo diso, é o traballo que realizan mediante a sensibilización da poboación para a procura de solucións á crise ecolóxica e procesos de investigación. O seu máximo piar podería dicirse que é a creación dunha comunidade enerxética que logre xerar beneficios ambientais, económicos e sociais e por suposto, enerxéticos.

Pero a xornada non acabou alí, pois ao finalizar as intervencións de todas as representantes, falouse acerca de como o papel da muller nos campos da economía social e a sustentabilidade non é só vital, senón que é moitas veces menosprezado e non se ten en conta a carga doutros aspectos sociais vinculados normalmente ao papel da muller. Inclusive mencionouse como é evidente aínda, a falta de representación en cargos de importancia e directivas fronte á porcentaxe normalmente alta de homes.

Pese ao debate e o desgusto dun sentimento colectivo de desigualdade aínda bastante presente na sociedade e nos gremios alí presentes, a conclusión da xornada foi máis alentador, ao darnos conta de que, aínda que a intres parece que imos a pasos demasiado lentos, son pasos firmes. A colectividade e o traballo en grupo en busca dun ben común, si transforma e é así como, por exemplo, as mulleres hondureñas puideron posicionarse como pezas craves no traballo ambiental no seu país, a pesar da cultura e as dinámicas que historicamente oprimiron e minimizaron o papel da muller

O encontro non podía terminar doutra maneira que non fose agradecendo a todas as Mulleres Bravas presentes. Desde as representantes educando e compartindo as súas historias e proxectos, ata as participantes, escoitando e tratando de empaparnos un pouco de toda esa sabedoría que nos acompañou durante un par de horas nun aula pero que nos quedará como ensino para sempre.

Crónica do ciberfaladoiro “Axuda o eucalipto ao rural galego?”

A pasada semana, dentro dos nosos ciberfaladoiros vinculados á defensa da terra e do territorio, tocamos o tema da eucaliptización de Galicia.

Partimos da base de que as plantacións de eucalipto non son un bosque. Non se poden considerar un ecosistema completo, con todas as súas funcións. E encher o territorio de plantacións destas implica poñer en risco sistemas naturais que non acabamos de comprender, sobre todo cando se fai de xeito descontrolado, sen planificación e/ou sen seguimento e xestión (por exemplo, por non executar sancións a quen non respecta distancias de plantación, planta en territorios de concentración parcelaria, etc.).


Falamos de que posiblemente a principal razón de que continúe a aposta polo modelo de monocultivo forestal é a existencia dunha potente industria papeleira, que condiciona as políticas do goberno da Xunta dende hai lustros. Esta empresa, ENCE, é totalmente privada dende que en 2001 o estado vendera as participacións que lle quedaban na empresa.


Sen unha aposta decidida da administración pública por outro modelo non baseado no curtoprazismo e no extractivismo non imos poder saír deste círculo vicioso. Para as persoas é moi tentador unha plantación forestal que pode dar cartos en 12-15 anos. Ademais, vai seguir sendo necesario o papel, e hai quen di que se non se fai aquí o que se fará é relocalizar en lugares con menos controis ambientais e sociais, pero que aquí seguiremos consumindo papel (coa hipocrisía que iso implica). Isto fai que haxa persoas con terreos en zonas do interior aos que lles gustaría tamén poder plantar variedades de eucalipto que aguantan as condicións máis frías, e que consideran  que é inxusto que se leve moitos anos con vía libre a plantacións en zonas costeiras de Galicia, e agora non permitan isto noutras zonas. 


Toda esta visión cremos que non está tendo en conta os múltiples servizos ambientais, paisaxísticos e culturais do bosque. Non se poñen en valor, nin tampouco hai compensación para as persoas que manteñen leiras con bosques autóctonos, ou que reforesta con estas especies. Só o farán entón persoas que non precisan cartos e que ademais son un pouco “frikis”. Non todo o mundo vai facer como o protagonista do precioso conto  “O home que plantaba árbores” (que podes atopar nesta publicación nosa onde o traducimos).


Todo isto, sen entrar no carácter pirófito desta especie, á que se lle permitiu unha expansión descontrolada (mesmo agora coa moratoria, que non fixo máis que aumentar as plantacións xusto antes de que entrase en vigor). 


Así que pensamos que o xeito de romper o círculo vicioso é empezar pola administración pública competente en política forestal e de ordenación de territorio. Débese definir un modelo territorial e económico para Galicia, que dea peso ao equilibrio poboacional rural-urbano, e non sexa o de ter cidades rodeades de grandes extensións de pastos e eucaliptais sen xente que viva aló. Seguirá habendo sitio para eucaliptos, porque dan rendibilidade e teñen certa demanda (cada vez máis monopolizada, co perigo que iso implica de que de pronto caian os prezos), ademais de que poden crecer en zonas de monte non aptas para outros bosques. Pero en absoluto debería protagonizar nin condicionar as políticas forestais, e por ende de desenvolvemento rural, da administración galega.