Posts

Ciberfaladoiro. O futuro da cooperación (I).

Onte no ciberfaladoiro falamos sobre o futuro da cooperación ao desenvolvemento. Tivemos como referencia o mini-documental ¿Puede una mujer PERUANA ser más RENTABLE que la BOLSA?: El caso de Microwd, onde saen varios puntos que nos pareceron interesantes para xenerar debate.

Algúns dos temas e ideas forza que saíron foron:

  • Falamos de distintos enfoques da cooperación existente: cooperación entre sociedade civil (algunhas máis “colonizadoras” e outras máis de traballo conxunto e de pontes entre sociedades civiles, non só entre países da OCDE e países receptores de axudas), cooperación con gobernos (reforzo orzamentario, axudas condicionadas, préstamos…), etc. As reflexións foron variadas, sobre sistemas de microcréditos (e o papel das mulleres, como na iniciativa do video, e como nalgunha das que impulsamos dende a propia ESF en Honduras con grupos de mulleres), sobre se era mellor entregar fondos a cada persoa/familia de xeito incondicional, ou os programas condicionados, ou combinar, ou se o mellor era deixar a cada país co seu modelo, sen intervir, pero tamén sen “ponerle la pierna encima” (o cal no contexto de neocolonialismo e loitas polo control dos recursos é algo imposible, aínda que posiblemente si sería unha boa utopía na que os pobos foran protagonistas do seu desenvolvemento, sen inxerencias nin necesidade logo de “parches” a través dunha cooperación ao desenvolvemento interesada) .
  • Falouse de que a corrupción e a violencia son posiblemente as dúas lacras maiores para o traballo da cooperación. Neste sentido comentouse que o fortalecemento das comunidades e organizacións da sociedade civil pode ser un punto clave, que poden impulsar sobre todo os movementos sociais e ONGD en todos os países. Pensamos que ese fortalecemento e apoio mútuo pode servir de dique contra corrupción, violencia, violación de DDHH, insolidariedade entre países e ecofascismo. Falouse de exemplos concretos como o tema da corrupción e maras en Honduras, con respecto a Nicaragua, onde as maras tiveron moita menos implantación (en gran parte pola maior cohesión dos barrios e comunidades, herdada posiblemente dunha maior cultura da participación e educación popular).
  • A importancia da comunicación no desempeño de iniciativas de transformación social, tamén nas que teñen que ver coa cooperación e na creación dun mundo cun enfoque de solidariedade global e respecto aos dereitos humanos en todo o mundo. Falamos de que se bota de menos máis narrativas simples e impactantes para potenciar a necesidade deste enfoque solidario, fronte ás mensaxes simplistas do outro lado (clasismo, racismo, os de aquí e os de aló, etc.). Tamén se comentaba que é importante a diversidade de métodos de comunicación e de xeneración de mensaxe, e que as organizacións delimiten ben cal tería que ser a súa “lonxitude de onda” (público e xeitos de comunicar), e que non todos se deberían adicar a todo.

Ciberfaladoiro: Renda Básica Universal nun mundo automatizado en cuarentena

Onte no ciberfaladoiro estivemos falando sobre Renda Básica Universal. Aquí un breve vídeo para enterarnos de que vai isto.

Xurdiu a cuestión de que o debate da Renda Básica Universal xa case non é de si debe implementarse ou non, xa que co tempo tarde ou temprano vai facer falta algo semellante. Tanto a esquerda coma a dereita económica van coincidindo nisto, xa que cada vez somos máis eficientes economicamente como especie (e a automatización ten e aínda terá máis moita culpa disto) e a este ritmo moita xente (individuos) queda sen traballo asalariado, fora do sistema e finalmente na pobreza. Ao mellor hoxe en día, no noso entorno, isto non era todavía o máis común, pero eventualmente si o será e de feito coa crise da COVID19 estase vendo a cousa complicada (de feito se visibilizou máis que nunca a RBU e se chegou a falar de Renda Básica de Cuarentena como preludio dunha RBU). E claro, moralmente se temos producción de sobra e non todo o mundo pode traballar de xeito asalariado, non podemos deixar simplemente que haxa persoas que o pasen mal sen que teñan outra opción. Por outra banda, as persoas teñen a manía de seguir nacendo, e parece que a defensa do “traballo universal asalariado” cada vez ten menos sustento, porque mesmo traballando con salario hai persoas pobres.

Faláronse dalgunhas vantaxes claras da RBU:

  • Tranquilidade mental que da un colchón de liquidez, aínda que sexa mínima, para afrontar problemas, plantexarse proxectos persoais ou simplemente poder rexeitar traballos indignos.
  • Valorización de traballos non retribuidos (empezando polos coidados).
  • Simplificación brutal da “burocracia da pobreza”, xa que se eliminarían todas as axudas a persoas en situación de vulnerabilidade (e os trámites engorrosos e violentos para “demostrar a pobreza”), pensións non contributivas, etc.

Tamén se comentaron elementos que soen ser criticados nos debates sobre RBU, sobre todo tres:

  • Como se pagaría? Aquí referímonos aos estudos ben sistemáticos xa feitos, que implica non demasiado a nivel reforma fiscal.
  • Que pasaría con quen non quixera facer absolutamente nada e vivir cos 500-700 euros que podería ter ao mes para toda a súa vida? Chegamos a estar dacordo en que as persoas queren facer cousas, transformar e crear, é algo intrínseco ao ser humano. E se alguén se conforma con vivir coa RBU sen facer absolutamente nada, renunciando a moitas cousas porque tampouco é que sexa un pastizal, pois ok!
  • O feito de implementar a RBU vai provocar inflación porque subirán os prezos artificialmente. Trátase dunha crítica falaz porque non é que se fabriquen novos cartos. A renda basica sería redistribuir, non darlle a maquiniña de facer cartos, o do aumento da inflación non se sostén. Por outra banda, parece inasumible moralmente que para que os prezos sigan baixos haxa que permitir a pobreza de moitas persoas habendo outras extremadamente ricas.

Tamén hai outros cuestionamentos como que non sería “a ferramenta definitiva” contra a desigualdade e na busca dunha sociedade máis xusta, como cuestiona algunha xente.

Tocouse ademais algunha cuestión en discusión entre quen defende a RBU:

  • Unha clave. A RBU, dende unha perspectiva máis de ben común, non é nin máis nin menos que un dereito máis, que debe ser cuberto polo estado a través do sistema de impostos, o mesmo que sanidade e educación. Non é que a RBU veña a substituir estes outros servizos básicos, como defende quen, dende o liberalismo, apoia á RBU (moita xente das empresas de Silicon Valley, por exemplo; por iso fixemos referencia ao principio a que tamén hai na dereita quen defende a RBU como “mal menor”).
  • Como se calcula a RBU nun país ou zona? Hai quen defende que ten que ser máis exigua, sobre 50-60% do salario mínimo, ou facer un cálculo segundo a canasta básica de servizos e bens mínimos para unha vida digna, ou irse directamente a valores máis cercanos ao salario mínimo. Nese cálculo, as persoas menores de edade deberían cobrar o mesmo que as maiores de idade ou, como propoñen moitos modelos de RBU, unha % (moitas veces se fala do 50%)? Tamén hai quen fala de Renda Básica das Iguais, que inclúe unha parte do ingreso non individual, senón incorporado a accións colectivas.
  • A renda básica universal, como pode chamarse universal se non é para as persoas de todo o mundo? E aquí enlazamos xa con modelos de axuda entre países, o sistema de cooperación internacional e como se está a repensar (cousa que en ESF xa sabedes que nos interesa moito), se é mellor plantexar grandes programas moi centrados en resultados concretos ou é mellor “darlles os fondos ás persoas que elas xa verán como gastalos” (hai algúns programas que fan iso, a fondo perdido, e outros moitos con microcréditos, que son reembolsables).

Este foi un primeiro encontro en Enxeñería Sen Fronteiras sobre esta temática. Esperamos ir tendo algo máis para poder ter elementos de discusión nun tema que pensamos que vai ter moito recorrido, e vai estar moi vinculado aos efectos da tecnoloxización e automatización da sociedade para poder poñer a tecnoloxía ao servizo do ben común.

Recomendamos as películas “Yo, Joe Black” e “Los lunes al sol”, para entender un pouco o pozo e o laberinto de violencia administrativa que representan as axudas actuais (incluido o Ingreso Mínimo Vital).

Máis info:

  • Red Renta Básica: http://www.redrentabasica.org/rb/
  • Baladre, Renta Básica de las Iguales: https://rentabasicadelasiguales.coordinacionbaladre.org/

Para actuar en Galicia:

  • Colectivos Cidadás pola Renda Básica Universal: https://colectivoscidadansrbu.wordpress.com/blog-2/ (en facebook e instagram)
  • Oficina de Dereitos Sociais Coia: http://odscoia.arkipelagos.net/aggregator/sources/7 (en twitter)

ESF Radio. ESFeiras polo Mundo. A situación en Centroamérica-Caribe en tempos de COVID 19

Queremos neste novo programa de ESFRadio acercarnos á situación que se está a vivir en varios países de Centroamérica-Caribe provocada pola pandemia do COVID 19 a través das experiencias diversas en primeira persoa de persoas da base social de Enxeñería Sen Fronteiras. Tamén nos contarán a súa visión de como evolucionará a situación e o papel que debe xogar a cooperación para o desenvolvemento.

Participan:    

  •     Raquel Zolle: é a representante en Honduras de Enxeñería Sen Fronteiras. Leva no país 4 anos, facendo seguemento dos programas que ESF desenvolve no sur do país (zona do Golfo de Fonseca).
  •     Cristina Vidal: atópase na República Dominicana dende outubro de 2019 nunha estadía cunha bolsa de aprendizaxe no eido da cooperación ao desenvolvemento da Xunta de Galicia.
  •     Mireia Carreras: leva en Centroamérica máis de 13 anos, case todo o tempo en El Salvador, excepto un paréntese de 3 anos en Honduras entre 2008 e 2011 cando foi a primeira representante de ESF nese país.

Agradecemos moito que nos achegaran a súa visión do que está a ocorrer nos países onde levan a cabo a súa actividade nesta época tan complicada, para termos un pouquiño máis de consciencia de que, máis que nunca, o que pasa en calquera lugar nos afecta a todas. Precisamente, neste mundo global, non queremos que a cadea teña elos débiles, por iso dende a Cooperación en Galicia estamos usando o eslogan “Ninguén quedará atrás”. É un imperativo ético e moral, de pura xustiza social.

  • Duración: 33min 47seg
  • Idioma: castelán e galego

A continuación o podes escoitar:

Tamén en Spotify