Posts

Crónica do IV Ciberfaladoiro no confinamento. Cineforum, “O neno que domou o vento”

Desta volta, viaxamos a Malaui, nunha liña moi de “tecnoloxía para as persoas” que nos interesaba especialmente.

As participantes na tertulia estivemos dacordo en que se trata dunha película moi ben contextualizada. Para coñecer como están no país está moi ben. O guión non nos pareceu nada do outro mundo, pero si xenera empatía coas personaxes e, aínda que artisticamente non é sobresainte, sí é un producto moi digno. Trata de transmitir esa valentía de crear algo con tecnoloxía que pode axudar nun contexto puntual de emerxencia a mellorar a calidade de vida do seu lugar, con coñecementos modernos que aprendeu e que os seus maiores non sabían (ou olvidaran, porque en moitos casos as culturas están cambiando tan rapidamente que se atopan nunha sorte de “territorio de ningures”, onde xa case se perdeu a sabedoría antiga, pero non se acaba de asimilar de todo os avances e se xenera moita dependencia tecnolóxica externa, como ocorreu en Galicia e moitos outros lugares coa “Revolución Verde”; hai grupos de investigación que traballan neste eido en Galicia como HISTAGRA).

Tamén xurdiu o tema de canto talento desaproveitado pode haber no mundo por non poder acceder a educación ou a medios medianamente decentes, e non so en países empobrecidos. O adaptar a educación á persoa, potencial e talento é unha materia pendente en case todos os sistemas educativos (na película vese como o rapaz só quería estudar as ciencias).

É unha historia de superación ante adversidades é convencional, pero ben contextualizada, que visibiliza a mezcla de cultos e relixións, idiomas, etc. Isto proporciona moita veracidade, e tamén o contexto post-atentados das torres xemelgas onde se prevén efectos a nivel mundial para o que o país (mal asesorado polo Banco Mundial e o Fondo Monetario Internacional) non estaba preparado (venderan excedentes alimentarios a outros países). Tamén nos pareceu veraz como reaccionan ante esas crises as personaxes. A reacción de rexeitamento á idea do neno protanista por parte do pai igual foi pouco madurada, pero podía ser natural nun momento de moita carga e crise, pensando en solucións a curto prazo antes que en “experimentos” e solucións a medio prazo.

Tamén é unha historia sobre perseverancia, crer nas ideas e perseguilas (mesmo co amago de enfrontamento co seu pai). O neno é unha figura inspiradora, non tanto por ser un supercrack, pero si por ter unha historia para romper barreiras. Falamos de que pode ter un cheiro a ese discurso que tanto gusta en EEUU (de feito, o protagonista da historia real falou nunha TED Talk) de que calquera pode facer calquera cousa e, aínda que non se diga, é como dicir que se non o consegues é que non te esforzaches o suficiente.

A historia era atractiva para moitas de nós porque falaba de tecnoloxías apropiadas. Aquí tivemos un debate sobre se a película quedábase co tecnooptimismo e o perigo que pode ter centrarse en “tecnoloxías salvadoras” en vez de enfocar a agricultura e as súas políticas en solucionar o dereito á alimentación e a soberanía alimentaria. O tabaco non se come, nin o eucalipto… Iso posiblemente vai ter máis importancia no contexto post-COVID19. A tecnoloxía, ademais, pode crea tamén división entre as comunidades ou aldeas (ou países, ou bloques de países) se unhas contan coa tecnoloxía e outras non. Iso se pode solucionar escalando o concepto de tecnoloxías apropiadas ao de “tecnoloxías para o ben común” ou tecnoloxías para non deixar a ninguén atrás.

Non nos esquecimos de salientar como as mulleres, coma sempre, levaban o peso dos coidados, mentres o marido ten unha imaxe máis pública e interese na política, deixando á familia na casa (e o certo sacrificio que a irmá fixo, que rematou por non poder ir á universidade a pesar do seu desexo e o da súa nai).

Viches a película? Queres deixarnos a túa opinión nos comentarios?

III Ciberfaladoiro no confinamento. Cineforum “O que arde”

Unha película que sorprendeu a propios e extranos trala súa estrea. Unha das cousas que máis falamos foi como o director conseguía frear o tempo, invitarnos a desfrutar do presente, dos pequenos momentos aparentemente cotiás e pouco importantes. A mesma relación nai e fillo, pareceunos que estimula o xeito de percibir a realidade máis intensamente, polas poucas palabras que precisan. Son esceas do día a día, do presente, onde o director regodéase coa realidade do que está a pasar, intensamente.

Para a xente do rural galego e, en xeral, para case calquera cultura illada, o que xa se sabe non fai falta decilo. De feito, soe haber certo rexeitamento se se vai demasiado abertamente e se abusa de conversas para encher o silencio. En Honduras dise “es que yo soy más indio”, referíndose a un xeito de ser onde non se dan a man de entrada, poñen máis a orella e non se miran tanto á cara, atenden máis a ton de voz, xestos, etc.

Loubouse moito a naturalidade moi lograda, por actores e actrices, quizais precisamente por non ser profesionais e estar no seu entorno. Tamén a imaxe dunha realidade moi galega como é o lume no monte, a súa perigosidade e o incontrolado que pode ser, cos exiguos medios de que se trata. Coindidimos que a loa á vida no rural non é para nada o tema da película. Simplemente é un contexto no que o director se encontraba cómodo para amosar ese presente intenso.

O que sí dalgún xeito pensamos que se manifestou é certa agonía da natureza, dada por exemplo pola primeria escea co bulldozer, ou imaxes do lume (que, por certo, lle foi moi complicadas de conseguir).

A personaxe de Amador, o protagonista, xenerounos discusión. O seu hermetismo houbo quen o comparou coa falta de transmitir emocións en xeral dos modelos masculinos, que no rural están moi asentados. Outra xente decía que era máis cousa do personaxe, polo seu pasado e xeito de ser. Tamén chamounos a atención como se pasou de tratar de incluir de novo ao prota na vida social, que o vai rexeitando ao principio pero logo parecía que ía resocializando, pero como o seu pasado segue aí moi cerca da superficie para logo xurdir e volver ser estigmatizado. Deunos moito que pensar a escea onde o acusan do lume, baten nel, e nin se defende nin proclama a súa inocencia (non nos puxemos dacordo se era ou non culpable, pero posiblemente dera o mesmo no devir da película, aínda que moitos nos quedamos coas gañas de sabelo).

Sobre a nai de Amador, foi esa incondicionalidade dos coidados. O chegar o seu fillo e, sen moitas palabras nin aspavientos, simplemente preguntarlle se tiña fame. Unha das mellores esceas da peli, que da a idea do que imos ver.

Para a xente urbanita, por outra banda, chama a atención porque se ven elementos do que logo chega á cidade en forma de servizos (alimentación, ambiente), o que hai detrás desa vida no rural. Igual transmitir esa slow life é máis difícil nun entorno de cidade…

Aquí se pode ver outra obra do mesmo director:

Se queres déixanos nos comentarios a túa opinión sobre a túa película!!

II Ciberfaladoiro no confinamento: cineforum “El Hoyo”

Desta volta reunímonos para falar dunha película que sorprendeu ao ser unha das máis vistas e comentadas dos últimos meses, “El Hoyo”.

Reflexionamos sobre que a película, se se acepta o feito de que a xente está en El Hoyo sen pararse a pensar moito no contexto de por que, trata de explorar a naturaleza humana. E o fai dun xeito cru, case gore. Había que dicía que esa naturaleza de cada persoa é bastante inmutable, sen importar o grao de presión polos recursos á que esté sometida. Ou sexa, se alguén é “abusón” o é lle vaia ben ou mal. Vamos, que “che caga na cara” porque si, porque pode. Pero tamén saiu o tema de que igual hai un límite que pode ter cada persoa a partir do cal prima a supervivencia. Quizáis incluso hai xente que chega a ese límite dun xeito máis gradual, e outra que chega de pronto, pasando dunha actitude a prol do común nun contexto de certa abundancia, a unha actitude todo o contrario se se dan circunstancias de escaseza de recursos básicos.

Houbo máis división no tema do símbolo, de que serviría, se un xeito de visibilizar a dignidade da xente de El Hoyo serviría para cambiar as cousas por parte dos de fora (que pensabamos que posiblemente non), ou máis ben era un obxectivo que servía de motivación máis ao interno.

Tamén saiu na conversa os distintos xeitos de explorar a autoxestión: didáctico, bo-rollista, abusón (cando amenaza o protagonista, cansado do didactismo, con mexar todos os días na bandeixa se non respectan as racións que lles preparan e eles fan o propio) ou directamente “ecofascista” (cando baixan e obligan pola forza a comer a ración ou a ese día pasar fame, para que chegue para todas).

A tí que che pareceu?? Déixanos algún comentario!

Ciberfaladoiros no cofinamento I. Serieforum sobre Chernóbyl

Temos que estar confinadas, pero apetécenos vernos e falar. Por iso en ESF organizamos os xoves ás 19h para a xente da nosa base social os Ciber-faladoiros no Confinamento, empregando a ferramenta de software libre Jitsi. A semana pasada falamos sobre a serie Chernóbyl.

A verdade é que a serie deu para falar. Houbo xente que xa lera bastante do tema e nos compartiu algún enlace moi interesante. Quedámonos coa importancia de compartir os datos dende o principio, non promover o oscurantismo e o “aquí non pasa nada”, que tanto dano ten feito na historia da humanidade (non puidemos por menos que sinalar paralelismos co que ocorreu co COVID-19).

Tamén xurdiu o tema de que máis perigoso que a estructura de mando sexa piramidal é o medo, que impide que haxa espíritu crítico porque se manifestas unha opinión contraria  “córtanche” a cabeza, e as veces non é figurado. Nestes casos, a única opción que tes é obedecer aínda que non esteas dacordo co que se está facendo. E ao final o propio sistema é unha víctima de si mesmo…Comentábamos o caso da morte de Stalin e dunha película sobre o tema, moi recomendable.

Outro tema importante que se comentou é a perigosidade de que haxa puntos críticos que teñan tanto impacto, os “botóns bermellos”, que a veces por moito protocolo que haxa, estes non son infalibles e premer ese botón bermello pode ter graves consecuencias. Lembramos o caso de Stanislav Petrov que grazas ao seu sentido común (e non seguir os protocolos) evitou unha guerra durante precisamente a Guerra Fría. Isto relaciónase tamén co uso de tecnoloxías con gran complexidade e impactos potenciais moi negativos no caso de fallar algo, como é o uso da enerxía nuclerar. Nun modelo enerxético máis baseado na soberanía enerxética este tipo de enerxía non podería ter cabida máis que como transición dende os modelos de xeneración fósil centralizado en grandes infraestructuras de produción (que é o que temos, de momento).

En resumo, que para unha boa “resiliencia” ás crises ou problemas grandes, unha parte fundamental é asegurar o coñecemento aberto, compartible, eliminar o medo a preguntar, impulsar o espíritu crítico das persoas e, cando es un profesional nestes eidos técnicos, saber que sempre hai persoas na túa equipa que teñen boas ideas e poden ser consultadas. A resiliencia non é só ter equipas de emerxencia, infraestruturas e medios (que tamén) senón ademais ter coñecemento e capacidade de xenerar máis coñecemento ante imprevistos, se é necesario. A miniserie Chernobyl amosaba que isto no se cumplía. Se ben pode ser que se aproveitara para “sacudir” ao sistema soviético, o certo é que posiblemente o tiveran ben merecido, como normalmente pasa coas grandes catástrofes (Bhopal, do que tamén hai un recomendable documental, a actual pandemia, da que seguramente queda moito que investigar e divagar, e outras que nos quedan máis perto como o Prestige, que disque foi o terceiro desastre máis costoso da historia, pero polo menos serveu para engordar o PIB…).

Esperamos que vos gustaran as conclusións, deixádenos os vosos comentarios!!