Posts

Coñecendo a realidade en Honduras. Zona Caribe, luces e sombras…

Parece que foi onte cando Xoel e Eva chegaron a Honduras como parte do seu Programa de Coñecemento da Realidade. Xa na súa recta final, aproveitaron uns días de vacacións para coñecer outras zonas do país (é difícil resistirse a visitar a zona Caribe!). Aquí nos contan como foi!


Estamos na recta final da nosa estadía e non nos chegan as palabras de agradecemento por ter tido a oportunidade de estar vivindo esta experiencia e poder encher a mochila de novos aprendizaxes, aventuras, lugares e persoas.

Aproveitamos a semana Morazánica para viaxar e coñecer o norte do país, lindeira ao Mar Caribe. Era obrigado bañarse nese mar e contemplar a vida que alberga nel. Comezamos a viaxe en La Ceiba, punto de conexión con todos os destinos aos que queríamos chegar.

A primeira saída foi a Cayos Cochinos, formado por 13 illotes e 2 illas máis grandes (unha delas é onde se grava o reality show Supervivientes). Estas illas da Bahía son un auténtico paraíso, onde vimos boas rosadas salvaxes, o único lugar do mundo onde se pode ir paseando e atoparse con elas, fixemos snorkel nunha das mellores barreiras de coral e puidemos observar as instalación da illa onde se fai o programa de TV que tivemos sorte de que non estiveran gravando, xa que nos meses onde se está emitindo teñen prohibido a entrada na illa e o percorrido polas súas proximidades.

Finalizamos o día por estes cayos nun onde habita unha comunidade indíxena garífuna, que resisten e loitan polo seu dereito de estar nesa terra tan apreciada polas empresas turísticas. Entre area e casas de madeira, viven 30 familias que te reciben cun sorriso, música e baile punta. Alí probamos o pan e os doces de coco, ademais do Gifiti, bebida propia da comunidade garífuna, para espantar os malos espíritos, feita con auga ardente e raíces varias.

Continuamos a nosa viaxe por Utila, pequena illa chea de turistas, hippies e persoas aficionadas ao mergullo que aproveitan a oportunidade de practicalo e sacarse algún título. E como nós non podíamos ser menos, tamén quixemos saber como era iso de mergullarse entre coral, augas turquesas e peixes de cores incribles. E foi inesquecible!

Visitamos as poucas praias públicas da illa que foron unha auténtica marabilla, xa que a maior parte dela son zonas privatizadas por resortes e casas privadas.

Rematamos a viaxe en Roatán, a illa máis grande de toda a Bahía. Nela puidemos camiñar ata as zonas máis turísticas e alucinar coa actividade que esas praias albergaba! Había persoas en kayak vendendo cocos, cócteles e demais delicias para todas as persoas que estaban desfrutando do mar. Grazas a que arrendamos unha moto puidemos ver as zonas máis aloxadas e masificadas e poder sentir a esencial real do Caribe.

En Punta Gorda existe a primeira comunidade garífuna que a día de hoxe se conserva e segue moi viva, onde hai un centro cultural que mantén viva a historia, imparte clases de punta e de cociña e demais eventos. Foi moi emocionante poder estar nesta comunidade onde teñen tan presentes as súas raíces.

Rematados estes días de ocio, diversión e moita aprendizaxe, volvemos a San Lorenzo para retomar a actividade coas copartes (as organizacións hondureñas coas que colabora ESF) e as cousiñas que nos quedan pendentes antes de volver á Galiza.