Posts

Peche do ano en Mozambique

Durante 4 semanas, do 20 de novembro ao 18 de decembro, Manuel Álvarez, o técnico en hidroloxía do programa AquaMoz, estivo de visita técnica en Mozambique traballando, fundamentalmente, en Maputo e en Tete cos técnicos das Administrações Regionais da Áuga (ARA) Sul e Centro respectivamente. A viaxe centrouse, principalmente, no fortalecemento das capacidades dos técnicos das ARA en relación á análise das épocas seca e húmida e na identificación de potenciais novas liñas de colaboración que dean continuidade aos avances xa consolidados.

As 2 primeiras semanas o traballo centrouse na sede da ARA Sul en Maputo, realizando o acompañamento ao habitual seguimento e análise dos períodos seco e húmido do ano hidrolóxico 2022/23 e do inicio do 2023/24, o cal, entre outras cousas, serve como base para a elaboración do boletín de seca da ARA Sul, punto focal para o proxecto.

O día 1 de decembro, o técnico da ARA Sul presentou, nun evento da rede Aquashare (asociación mozambicana para compartir coñecementos no ámbito da auga), os resultados e a metodoloxía (baseada no software IBER e en bases de datos globais) do estudo das inundacións de febreiro de 2023 na bacía do río Umbeluzi.

De modo paralelo, e de acordo coas necesidades da ARA Sul, traballouse na identificación de futuros estudos de inundacións e na selección inicial de posibles bacías piloto. Durante estes días tamén se realizaron tarefas de titoría e acompañamento no desenvolvemento do traballo de fin de máster de hidroloxía de Ernesto, técnico da ARA Sul vinculado ao proxecto.

A terceira semana o traballo realizouse en Tete coa ARA Centro. Con eles traballouse na formación práctica inicial para a análise das épocas seca e húmida do ano hidrolóxico 2022/23 e inicio do 2023/24; e no avance de ideas de futuros estudos de inundacións en bacías piloto. Despois do traballo realizado a distancia desde mediados de ano, esta foi a primeira visita a Tete e os resultados foron moi satisfactorios, principalmente polo alto interese e motivación da institución e tamén polo bo nivel técnico do persoal.

Na última semana en Maputo continuouse coas liñas antes mencionadas coa ARA Sul e traballouse tamén co director da facultade de enxeñería civil (da Universidade Eduardo Mondlane) na coordinación e dirección do traballo de fin de máster e no asesoramento técnico para a avaliación de recursos hídricos en bacías sen datos.

FOTO DA PORTADA: Manuel (dereita) cos responsables técnicos da ARA Centro en Tete.