Posts

Fóra da clase. Tecnoloxías para o ben común dende a universidade: WHAME app

Este ano, xusto antes do verán, tivo lugar unha nova edición dos LPRODays. Trátase dunha feira onde grupos de estudantes da materia Laboratorio de proxectos de 4º curso do grao en Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo presentan os traballos que fixeron durante o curso. Trátase de solucionar problemas concretos reais que presentan entidades externas á aula (sobre todo empresas ou organizacións sen ánimo de lucro como ESF). Xa hai dous anos un dos grupos presentara un traballo proposto e guiado por ESF, un caudalímetro de baixo custo.

Este ano, dentro do programa de promoción da tecnoloxía para o ben común en escolas técnicas das universidades galegas (que financia Cooperación Galega da Xunta de Galicia), en colaboración co grupo Talionis da UDC (algún dos seus membros colabora no grupo de Tecnoloxía Inclusiva de ESF), se propuxo a un dos grupos a elaboración dun sistema que permita que persoas con diferentes discapacidades que restrinxen o seu movemento, poidan controlar o rato do ordenador en distintos dispositivos. É un xeito de facer esta tecnoloxía máis inclusiva. Así naceu WHAME app.

Neste repositorio se pode descargar o software e instrucións de montaxe, por se se quere seguir mellorando.

A continuación se pode ver un exemplo do seu funcionamento