Non violencia nos movementos sociais
O pasado 29 de marzo participamos nunha mesa redonda sobre nonviolencia nos movementos sociais, dentro dun curso sobre Nonviolencia da Universidade de Santiago e o Colectivo Noviolencia.
O certo é que, como lle comentaramos ás organizadoras, en Enxeñería Sen Fronteiras nunha tivemos unha aproximación ao noso activismo dende esta perspectiva, así que nolo plantexamos como unha posibilidade de aprendizaxe, e de compartir con outros colectivos e as persoas asistentes ideas sobre como a Nonviolencia pode mellorar o activismo e a transformación social cara un mundo máis xusto e solidario (que é o que organizacións como ESF buscamos). Tamén puidemos comparar valores e xeitos de traballo dos que xa temos interiorizados que, sen sabelo, compartimos coa cultura da nonviolencia.
Por se non estades familiarizadas co tema de nonviolencia, e das cousas que fomos captando ese día, comentar que se falou da existencia de tres tipos de violencia:
– Directa
– Indirecta
– De “estar fora” (indiferencia ante a inxustiza, que se considera tamén un tipo de violencia).
Nonviolencia (recomendan poñelo todo xunto, a modo de nome propio deste movemento ou cultura), vén dunha palabra en sánscrito, ahimsa, que en realidade non se traduciu moi ben, xa que en realidade significaba algo así como respecto para todo o sentinte, ou “non danar” (nun senso amplo). Ten até un día internacional recoñecido polas NNUU (2 de outubro).
Puidemos ademais coñecer, grazas ao faladoiro previo á mesa redonda, un resumo dos principios da nonviolencia.
1) Trátase dunha cultura e un modo de vida, que trata de superar e mellorar outro tipo de xeitos de actuar.
2) Non se poden separar medios de fins
3) A verdade é un valor clave na nonviolencia, no sentido de buscar elementos “non relativistas” na visibilización das situacións de opresión e dominación que se queren combatir. Aquí se pode ver algo do que pensaba Gandhi, unha das figuras máis coñecidas da nonviolencia, sobre a verdade.
4) Coa nonviolencia tamén se busca liberar a quen oprime.
5) A nonviolencia ten unha parte filosófica fonda, pero tamén de acción.
Destes principios hai varios elementos que compartimos en ESF, ademais de compartir o obxecto de xustiza global e eliminación da opresión (o que nós chamamos “ben común” e “emancipación”), a saber:
Do 2, dicir que un dos valores de ESF é a coherencia (entre o mundo que queremos e como o queremos acadar).
Sobre o 3, cando en ESF falamos de promover o pensamento crítico, o facemos porque pensamos que é o xeito de visibilizar un mundo no que pague a pena vivir, e sen deixar a ninguén atrás. Pensamos que ese pensamento crítico pode axudarnos a vislumbrar a verdade nas situacións de opresión ou falta de dereitos humanos. Para iso tratamos de enfocar a tecnoloxía e a ciencia. Sería unha sorte de “tecnoloxía ao servizo da verdade”.
No que ten que ver coa liberación de quen oprime, o traballo estase a enfocar máis en masculinidades alternativas. Noutros aspectos é máis complexo ese enfoque. Sóese ter en conta a “persoas perxudicadas” polas accións que impulsamos, pero non tanto para liberalas como para evitalas ou paliar os seus impactos. Por outra banda, en ocasións a acción se enfoca máis contra organizacións ou estructuras deshumanizadas (formadas por persoas, pero que se comportan como un “ente”, tal como explica o libro e o documental “The Corporation”).
Con respecto a parte filosofía-práctica, en ESF hai unha carga importante de reflexión e discusión crítica, cos dereitos humanos como clave do benestar común e a xustiza que se busca. Sen embargo, a necesidade de ir amosando “pilulas” dese mundo mellor ao que aspiramos tamén nos fai tratar de construir alternativas, a modo de sementes dese mundo, que teñan vocación transformadora.
Algunhas reflexións coas que nos quedamos no debate foron:
– Moitas persoas preguntábanse até onde aguantar, até que extremo levar a nonviolencia en situacións de opresión de longa duración e sen visos de arranxo (violencia machista, ataque a defensoras de dereitos ambientais, conflictos enquistados como Palestina ou o Sahara Occidental). Tratar de aplicar “de cero” o que en realidade é un modo de vida nun destes contextos probablemente sexa como tratar de mesturar auga con aceite. Fai falta unha valentía heróica para transitar ese proceso (non moitos o teñen feito), e algo moi importante e non xulgar as accións destas persoas oprimidas cando a fartura e o agobio non lles permiten (ou non se sinten con forzas de) ser mártires.
– Para transitar ese camiño é básico quitarse privilexios, liberarse de relacións de dominación (tanto oprimidxs como opresorxs). Pode a tecnoloxía e a ciencia contribuir a isto?
– Parte desa sociedade sen dominación e opresións débese construir dende a infancia, e en todas as esferas da vida. Que dúbida cabe que formacións enfocadas a nais e pais, e tamén a profesorado (presente e futuro), son claves. Pero traballar por que as persoas rexeiten mensaxes e accións no noso día a día que prolongan relacións de opresión tamén é imprescindible (exemplos concretos que tiveron lugar nestes días v an dende sexismo en espazos deportivos infantís, ao racismo nos campos de fútbol, rentas básicas condicionadas para “pobres”…).
ACTUALIZACIÓN:
Apórtanos xente que controla do tema que paga a pena mencionar tamén o concepto do triángulo da violencia, así como o tema da importancia de non caer na espiral da violencia, que é crucial (se a resposta é máis violencia, ou se mantén a ameaza da violencia, ou o vencido busca a maneira de devolver o golpe).