Nun mundo cada vez máis interconectado, as fendas de información motivan unha falta de igualdade de oportunidades, algo totalmente inmoral polo que conleva de diminución das oportunidades de desenvolvemento das persoas e os pobos. A posibilidade de estar comunicadas e ter acceso a información, así como a creación das capacidades para a súa análise crítica, xa están consideradas como un dereito humano, no que a tecnoloxía ten un papel cada vez máis relevante.
Do mesmo xeito que no eido da auga, a alimentación ou a enerxía, non se trata só de contar con ferramentas tecnolóxicas polas que “mane” información (sexan imprenta, tam-tam, radios ordenadores, outros elementos tecnolóxicos como software de calquera tipo, acceso a internete…), senon tamén acercar ás persoas ao seu control. Por iso, a gobernanza das TIC e da información é en ESF, como no resto do sectores nos que traballamos, clave para que realmente estas tecnoloxías estén ao servizo do ben común. Deste xeito, prestamos moita atención a constructos legais como patentes, copyright ou de protección de uso de datos, neutralidade da rede (ou, mellor, rede como patrimonio da humanidade e de interese público, buscando xeitos de xestión da rede pensando como se fora unha sorte de sistema de auga potable onde en vez do líquido elemento circula información, que empeza a ser case tan importante como aquel), medios comunitarios e movementos como o que promove o coñecemento aberto, a soberanía dixital, os datos abertos (fronte a unha minaría de datos no big data que esixa un dominio tecnolóxico reservado a pouca xente) ou o software e hardware libre. Tamén nos interesan os temas de accesibilidade web (por exemplo a persoas con problemas de visión), comunicación inclusiva, etc., se consideramos que a linguaxe é tamén unha TIC.
Aquí se pode ver o documento onde explicamos por que nos parece que, de base, o software libre ten que ser un requisito para traballar en TIC cun enfoque de tecnoloxía para o ben común.
Para traballar o comentado anteriormente, ESF conta cun grupo de persoas, as do Grupo de Sistemas de Información e Comunicación. Elas dan soporte técnico a todas as ferramentas de comunicación, interna e externa, da asociación, e tamén se interesan por promover dentro e fóra da asociación o software libre, o acceso aberto a datos, etc. Dan formación nestes eidos a nivel interno da asociación, e tamén obradoiros abertos a quen queira asistir. Pode ser que te acerques a un destes obradoiros co teu portátil vello que tarda mil anos en arrancar, e saias cunha distribución GNU/Linux lixeiriña que lle dea unha nova vida, ou que aprendas a manexar ferramentas libres de deseño gráfico ou ofimática que nin sabías que existían, e que non implican usar software privativo polo que teñas que pagar, ou piratealo, e que ademais instala no teu ordenadores elementos sobre os que non tes nin podes ter control. Asesoran tamén a nivel presión política no eido de promover os datos públicos abertos nas administracións, os datos editables libres que foran xenerados con fondos públicos, ou o software libre na administración pública. E, tamén en Galicia, e non menos importante, arranxan todos os problemas técnicos nos ordenadores das nosas sedes, e nas canles de comunicación (listas de correo, intranet, etc.).
Durante 2020, con motivo da pandemia de COVID19, foise consciente da fenda dixital en moitas familias con nenos e nenas que tiveron dificultades para seguir as clases dende a casa. Isto foi o motivo de que xurdira unha Rede de Bancos de Reciclaxe Electrónica con Software Libre, algún deles xurdidos neses meses de pandemia (un deles promovido directamente por Enxeñería Sen Fronteiras en A Coruña), pero outros xa anteriores. Aquí se poden coñecer e saber como participar neles, tanto doando equipos como apoiando aos grupos de voluntariado que os xestionan.
A nivel internacional, contamos co asesoramento do voluntariado neste tema tanto no que ten que ver coa loxística da nosa oficina en Honduras, igual que fan en Galicia (problemas técnicos informáticos, conformación das copias de seguridade, hardware idóneo para as necesidades da asociación, etc.), como, no que son Programas de Cooperación (dos que temos en marcha dous, un no ámbito do Dereito á Alimentación e outro de Dereito á Auga e Saneamento), en todo o que ten que ver con ferramentas de xeneración de información. Neste caso, e co apoio do CartoLab da Universidade da Coruña, en ferramentas de Sistemas de Información Xeográfica baseados en software libre, con deseños específicos para a zona que se empregan para a xestión da información levantada nos Plans de Xestión Integral do Recurso Hídrico, e outra para os Plans de Manexo de Finca Familiar. Estas ferramentas son de acceso libre, baseadas no programa libre gvSIG. Tamén poden asesorar as persoas das organizacións hondureñas coas que traballamos, de cara a difusión do uso do software libre.
Non nos esquecemos do traballo en rede, onde contamos con persoas e organizacións asesoras como o Grupo de Programadores e Usuarios de Linux (GPUL), que son referentes para nós nestes temas.