Enxeñería Sen Fronteiras Galicia é unha asociación. Como tal, o seu órgano máximo de toma de decisións é a Asemblea Xeral de Persoas Socias. Convócase unha asemblea ordinaria cada ano para a aprobación das contas, e outras dúas extraordinarias para outras decisións, encontro da base social e autoformación, unha en primavera e outra en outono (ás que chamamos «Xuntanzas»). Cada 2 anos se elixe unha Xunta Directiva, que toma as decisións do día a día en base á planificación estratéxica que estea vixente.
Ademais, existen distintos grupos de traballo que son o verdadeiro motor da asociación, e que se poden ver no organigrama da asociación. Están formados por persoas voluntarias que poden estar apoiadas polo persoal liberado (con contrato laboral). Actualmente (abril 2024) a asociación conta con 6 persoas con contrato laboral: unha administradora xeral en Galicia a xornada completa (8h/día), Paola, un técnico de proxectos en Galicia a tempo parcial (6h/día), Sergio, unha técnica representante país-Honduras a tempo completo (Raquel), unha técnica expatriada de proxectos en Honduras a tempo completo (Sandra), unha administradora en Honduras (Rina) e un técnico responsable-país Mozambique a tempo completo (Víctor).
A continuación podes coñecer á Xunta Directiva e ao noso equipo técnico
A Xunta Directiva de Enxeñería Sen Fronteiras
PRESIDENCIA
José Antonio González Novoa
Son voluntario de ESF dende o 2020. O que máis me interesa é todo o relacionado coa electrónica ética e a soberanía dixital. Agora mesmo atópome facendo a miña tese doutoral no campo da enxeñería biomédica. Encántame o cicloturismo de longa distancia.
VICEPRESIDENCIA
María Jesús (Chus) Sousa Martínez
Voluntaria de ESF Galicia dende 2020.
Estudei agrónomos en Lugo e a miña primeira experiencia profesional foi como xoven cooperante no Salvador, nun proxecto de rega. Despois tiven diversas experiencias na investigación e na docencia e agora traballo na Xunta en temas relacionados coas denominacións de orixe.
Encántame senderear a pé ou en bici.
SECRETARÍA
Víctor Echavarría Bastos (Chevi)
Son un apaixonado da medio natural. Emporiso, alén de focar a miña vida profesional ao coidado e xestión do
medio natural, tamén me acheguei á participación social. Sobre todo, a nivel parroquial, sendo un dos socios fundadores do
Movemento Veciñal Bembrive en Pé, asociación criada logo de recollermos sinaturas en contra do proxecto de construción da A-52 (PXOM Vigo). Uninme Enxeñaría Sen Fronteiras no 2023.
TESOURARÍA
Ana Rodríguez Rodríguez
Recolectora por vocación. Nos meus hobbies abunda a reparación e reutilización de case calquera cousa, polo que non podo estar máis feliz de colaborar nun espazo para compartir inquedanzas, consellos e información.
VOGALÍA
Alba Lestón Casais
Voluntaria de ESF dende 2012. Xa formou parte da Xunta Directiva hai anos como vogal de voluntariado. Tamén formou parte da Xunta Directiva da Federación Española de Ingeniería Sin Fronteras.
VOGALÍA
Thais Pousada García
Voluntaria de ESF desde 2020, cunha vocación de traballo no eido das tecnoloxías para o ben común.
Son doutora en Ciencias da Saúde, Terapeuta Ocupacional e Enfermeira e o meu traballo sempre estivo ligado ás persoas con diversidade funcional.
O deseño de baixo custo aplicado aos produtos e tecnoloxías de apoio é a miña paixón profesional e persoal.
Encántame viaxar, descubrir e coñecer pobos e culturas, e tamén facer un pouquiño de manualidades nos ratos libres.
VOGALÍA
Celia Lorenzo Muñiz
Licenciada en ciencias do mar, son voluntaria en ESF dende 2023, cando participei no Programa de Voluntariado Internacional de Coñecemento doutras Realidades en Honduras. Encántanme os cans.
O Equipo Técnico de Enxeñería Sen Fronteiras
ADMINISTRADORA XERAL
Paola Mondaca González
Bióloga de formación, foi a primeira persoa contratada en Enxeñería Sen Fronteiras, en 2007.
Os rexistros non teñen segredos para ela. Tamén encárgase de apoiar o control contable, xestión laboral, gastos e cartos en xeral, e aínda lle queda tempo para apoiar aos grupos de Mulleres Tecnólogas para o Ben Común e ao proxecto de Mulleres Bravas.
Como todo iso non lle chega, tamén foi concelleira no seu concello e é unha fixa nas ANPAS da zona.
TÉCNICO DE PROXECTOS EN GALICIA
Sergio Fernández Alonso
Enxeñeiro de Montes de formación, aínda que tamén me formei en facilitación de grupos, cooperación internacional, educación para o desenvolvemento e comunicación para o cambio social. Fun voluntario dende 1998 e empecei como técnico de proxectos contratado en 2008.
Trato de dar apoio aos grupos de voluntariado para desenvolver proxectos de educación/sensibilización/cooperación internacional dende Galicia, e tamén de facilitar a comunicación externa e interna da asociación. Ademais, participo na Comisión de Incidencia Política da CGONGD e na Comisión de Educación para o Desenvolvemento.
Encántanme os xogos de mesa, ler e a música, tanto escoitala como (mal)facela. Ah, e teño un blogue para desfogar.
TÉCNICA DE PROXECTOS EN GALICIA
Martina Páramos Rial
Voluntaria dende finais do 2021, comecei de técnica ao voltar de Honduras do Programa de Coñecemento doutras Realidades (PCR) en 2024. Estou a piques de rematar o grao de Enxeñería de Telecomunicacións, tan só me falta o TFG, que o fago sobre unha aplicación cartográfica de denuncias medioambientais no territorio hondureños, a cal naceu dun proxecto de ESF cunha das copartes do outro lado do charco.
Trato de fomentar actividades nos grupos de voluntariado e de xestionar proxectos de educación e sensibilización en Galicia.
Encántame a música tradicional galega, tocala e bailala, e tamén coñecer distintas culturas a través das súas músicas e bailes.
REPRESENTANTE PAÍS-HONDURAS
Raquel Zolle Fernández
Enxeñeira de Montes, que traballou durante 9 anos en temas de desenvolvemento rural na montaña lucense. Foi voluntaria de ESF, formando parte hai anos da xunta directiva (presidenta). Máis adiante, participou no Programa de Coñecemento da Realidade en Honduras, e posteriormente volveu ao país 6 meses nunha visita técnica de apoio a unha das asociacións hondureñas coas que traballamos.
Xa en 2016 entrou como persoa contratada no posto de representante país Honduras. Agora xa case ten a dupla nacionalidade, despois de tantos anos aló.
Podedes atopala por San Lorenzo (Honduras) entrenando un equipo de voleibol.
ADMINISTRACIÓN EN HONDURAS
Rina Guevara
Soy Licencia en Administración de Empresas, graduada en la UNAH. Desde que inicio mi vida laboral, he colaborado en el área administrativa con varias ONGD que trabajan en la zona sur de Honduras, ya que considero valioso el impacto transformador en las personas y las comunidades.
Mis pasatiempos favoritos son leer, conversar con mis amigos y familia y pasear a mis mascotas.
TÉCNICA DE PROXECTOS EN HONDURAS
Sandra Fernández de la Cruz
Enxeñeira industrial pola Universidade de Vigo, aínda que pouco despois de rematar a carreira, xa me decatei de que o sector privado da industria non era cousa miña e que quería aproveitar esos coñecementos para seguir un camiño diferente do “establecido” . Por iso mesmo, decidín facer un Posgrado de Experta en Auga e Saneamento para a Cooperación Internacional. Estou en ESF dende 2023 apoiando en Honduras nos proxectos do país.
Encántame viaxar e a natureza, acostumo combinar estas duas cousas con actividades deportivas. As miñas fieis compañeiras a todas as miñas viaxes son as miñas botas de montaña e a miña mochila de trekking azul. Para despexar a mente o que máis aprecio é falar ca miña xente e de vez en cando, uns bailes ata deshoras tamén caen.
COORDINADOR DE CONVENIO MOZAMBIQUE
Víctor Penas López
Son Enxeñeiro de Montes especializado en cooperación internacional e recursos hídricos.
Con experiencia de traballo en Latinoamérica e África, dende 2013 coordino o programa de cooperación de Augas de Galicia coas administracións rexionais da auga de Mozambique, no que dende 2022 se integrou Enxeñería Sen Fronteiras.