Posts

Enxeñería Sen Fronteiras. 25 anos pensando a tecnoloxía para o ben común dende Galicia

Remata este 2018, no que Enxeñería Sen Fronteiras Galicia celebrou os seus 25 anos. Foi unha das moitas ONG nadas na década dos 90, ao abeiro dos movementos a favor de destinar o 0,7% do PIB á cooperación internacional para o desenvolvemento, dentro dun movemento de solidariedade global cos pobos de países empobrecidos. En España e Galicia empezaran a xurdir con forza organizacións deste tipo xa nos 80, con toda a vaga de apoio ao movemento sandinista en Nicaragua.

Tamén foi unha das moitas organizacións que asociaban o nome dunha profesión ao apelido Sen Fronteiras e, como moitas delas, foi en Francia onde tivo o seu inicio. O programa Erasmus, ao que hai que agradecer moito a conectividade de movementos e cultura entre países europeos, tamén tivo a culpa de que se importara a España a idea (e o nome), creando asociacións en paralelo en diversas escolas de enxeñería (falamos de 1992), ás que se sumou Galicia (xa en 1993, na Escola de Enxeñería de Telecomunicación de Vigo). En 1995 as diversas asociacións de Ingeniería Sin Fronteras espalladas polo país se constituíron en Federación. Hoxe, con moitas novas entradas e tamén algunha que outra saída, á Federación Española de Ingeniería Sin Fronteras fórmana 13 asociacións, en diversas comunidades autónomas.

Dende o principio, a organización, que se chamaba Enxeñeiros Sen Fronteiras (ESF), tivo clara a súa especialización. Sería no eido da enxeñería, coa misión de poñela ao servizo do desenvolvemento das persoas e os pobos, entendido como ampliación de capacidades e empoderamento das mesmas para ser protagonistas do seu desenvolvemento. Pero non se tardou en empezar a falar da Tecnoloxía para o Desenvolvemento Humano. Ampliábase polo tanto o ámbito ao tecnolóxico.

Ao cabo dun tempo, mudouse o nome a Enxeñería Sen Fronteiras que, ademais de usar un xenérico moito máis inclusivo, trataba de sacar o foco das profesionais para poñelo no concepto. Enxeñería vén de enxeño, enxeño para solucionar problemas, en todo o mundo, facilitando que sexan as persoas quen en última instancia loiten polos seus dereitos; para isto fai falta persoas de perfís moito máis diversos que simplemente enxeñeiras. Este matiz é sutil, e seguen a chamarnos “Enxeñeiros Sen Fronteiras”en moitas ocasións, aínda que nós non nos cansamos de explicar por que non somos “enxeñeiros”, por moito que saibamos que o nome atrae moito máis a enxeñeiras que a outros  perfís. Polo menos, ese aspecto que ten que ver coa promoción do pensamento crítico, con valores de solidariedade e a procura do ben común (chamémoslle “aspecto humanista”, se se quere), que era raro atopar nos contidos da educación formal nas escolas de enxeñería, podíase adquirir se se participaba na asociación, que tivo nestes anos sedes nas sete grandes cidades galegas. Agora mesmo hai en A Coruña, Vigo, Lugo, Santiago de Compostela e Salceda de Caselas, aínda que hai xente actuando por toda Galicia (e tamén fora dela) e as sedes cada vez están deixando de ter tanto peso na organización. Cousas desta sociedade líquida, que diría Bauman…

Anos 90

Qué é desenvolvemento?

Os noventa foron anos no que tanto o concepto de Desenvolvemento como o de Tecnoloxía estaban a sufrir moitos cambios. Desenvolvemento era crecemento do PIB? Era ter comida, auga, sanidade e educación básica? Era cidadanía mobilizada que loitara polos seus dereitos e contra os abusos (xa fora de estados máis ou menos totalitarios, de multinacionais expoliadoras ou de caciques locais)? Falabamos de desenvolvemento como cidadanía global, aseguramento de DDHH, emancipación? E tecnoloxía era só tuberías, pozos, infraestruturas, ou tamén metodoloxías participativas e gobernanza? Podía buscarse un mundo xusto empregando a tecnoloxía sen ter en conta elementos como participación e transparencia na gobernanza dos recursos?

 

ESF buscou a súa propia definición de desenvolvemento, e comezou a aplicala dende si mesma.

Eran moitas preguntas, que ían abordándose sobre a marcha, tratando de traballar en rede con outras organizacións, sempre dende o voluntariado e o activismo. As persoas da base social decidiron ser as protagonistas para decidir o rumbo da asociación e as accións a realizar, e realizalas. A asociación creouse como un ágora, un lugar de debate e de compartir coñecementos e liñas vermellas persoais no eido dos dereitos humanos, unha escola de acción colectiva. A condición era a horizontalidade, de xeito que todo o mundo podía propoñer ideas de accións ou de causas polas que mobilizarse, buscando o apoio doutras persoas da asociación para levalas a cabo, e decidilas en conxunto.

 

O que ESF decidiu ser é o que ESF é hoxe en día.

Este xeito de traballar non cambiou moito nestes 25 anos, porque un dos valores que están no ADN da asociación é a coherencia. E non se pode falar de promover o empoderamento das persoas e organizacións da sociedade civil a nivel global se non empezamos por nós.

 

Anos 2000

A tentación do capital.

A partir de finais dos noventa e primeiros anos do novo milenio, aparecen no sector da cooperación para o desenvolvemento, da man das políticas públicas de cooperación que se ían consolidando en Galicia e España e derivados dos grandes acordos dos países da OCDE, conceptos como eficiencia nas accións, traballo por resultados (medibles e cuantificables) ou rendición de contas. Tratábase de conceptos moi loables, pero demasiado imbuídos da lóxica curtoplacista e monetarista que ía impregnando máis e máis toda política pública.

Moitas organizacións vímonos inmersas no debate entre aproveitar os cada vez maiores fondos (non só de subvencións públicas, tamén de fundacións privadas ou empresas que querían visibilizar a súa acción social), ou manter un perfil máis de “activismo de baixo custo”, sen tantas ataduras burocráticas.

O dilema da profesionalización.

Algunhas creceron moito e abriuse unha fenda entre o protagonismo da base social respecto ás persoas liberadas que eran necesarias para manter o nivel de consecución de fondos, nunha lóxica de burocracia en nome dunha rendición de contas a quen da os fondos (sociedade a través de impostos  no caso de subvencións públicas, ou financiadores privados, accionistas ou socias no caso dos fondos privados).

Gran parte das actividades deste tipo de organizacións tiñan e teñen unha calidade e un impacto  inalcanzable sen eses fondos, a costa de restar protagonismo á base social. Probablemente, para un tema tan complexo como acadar un mundo xusto, sustentable e onde ninguén quede fóra, sexan necesarios moitos  niveis de traballo e tipos de organizacións.

ESF Galicia optou por seguir co perfil de base social protagónica e accións non moi ambiciosas, nin a nivel mediático, nin de eficiencia curtopracista. Aínda cando en 2007 decidiuse contratar á primeira persoa liberada da asociación o debate foi antolóxico. En 2008 eran 3 as persoas liberadas, e dende hai 3 anos son 4 (2 en Galicia e 2 en Honduras). Esta plantilla mantívose mesmo nos anos da crise, cando moitas das ONG que apostaran por atraer fondos e así poder abordar accións de maior calado o pasaron mal, dado que a política de solidariedade con outros pobos foi das que máis sufriu os recortes, e aínda hoxe non se recobrou.

 

ESF hoxe.

Ese construír dende a base social cristaliza nun dos sinais de identidade de ESF Galicia: encántanos debater. Por iso, as ideas cócense lentamente, tratando de que participe toda a xente posible da base social.

 

ESF como espazo de pensar crítico.

O pensamento crítico cun transfondo de valores de altruísmo e xustiza social é o tamiz por onde soen pasar estes debates. Aínda así, non fomos alleas a períodos onde a realización de actividades máis cara ao externo  convertíase nunha carga moi condicionada polos prazos asociados ás subvencións públicas que servían para financiar esas actividades. Unha pescada que morde a cola, e que pode crear frustración nunha base social que, como a nosa, adica o seu tempo libre a sensibilizar sobre problemas globais e tratar de construír alternativas dende o noso entorno. Ese equilibrio dinámico entre as dúas tendencias é agora mesmo o hábitat natural da asociación.

ESF como espazo vencellado á universidade.

Ao estar tan vencellada á universidade e ao estudantado, ESF Galicia sentiu moito a nova vaga de emigración, cunha enorme mobilidade das persoas da base social que, en moitos casos, seguiron colaborando coa asociación na distancia a pesar da dificultade de tecer redes deste xeito (e grazas ás novas tecnoloxías).

 

A crise das formas tradicionais

Síntese, xa coa entrada do novo milenio, un xeito de activismo máis “de acción”que “de logo” ou “de peto”. O desapego cara as institucións tradicionais tamén alcanzou ás ONG. As persoas seguen a querer mudar o mundo, pero en base a accións concretas e non tanto baixo paraugas de tal ou cal organización. Teñen que ver moi claro o que de bo aporta unha estrutura á hora de acadar obxectivos (aínda que non sexan moi ambiciosos), xa non se leva tanto o de asociarse polo mero feito de traballar en grupo ou “compartir unhas cores”. Falouse moito de que o movemento 15M colleu ás ONG co pé cambiado. Pero moitas persoas activistas das mesmas eran as que estaban alí, co seu bagaxe de construción colectiva e traballo grupal nun espazo que, polo demais, non era desexable que se enchera de bandeiras, logos ou protagonismo dunhas organizacións e outras.

Un elemento que se foi introducindo nestes anos na nosa forma de entender a Tecnoloxía para o Desenvolvemento Humano foi, case seguro, dado polo xeito tradicional galego de entender as relacións e a tecnoloxía. O vinculo á terra e ás pequenas aldeas moi espalladas posiblemente tiveran moito que ver con este sesgo, que nós  chamamos de novas soberanías, e non deixa de ser un xeito de reapropiarse da tecnoloxía, porque se hai algo mellor que unha tecnoloxía boa para as persoas é unha tecnoloxía que as propias persoas decidiran críticamente que é boa para elas.

Por iso interésanos visibilizar como exemplos de reapropiación e empoderamento tecnolóxicos dende os movementos maker e de software libre, aos grupos de consumo de proximidade, as cooperativas enerxéticas ou as xuntas veciñais de auga potable. Todo iso sen descoidar a presión ás administracións públicas para que garantan os dereitos humanos de acceso aos servizos básicos e ás institucións educativas para que leven a educación para a paz e o desenvolvemento ás aulas, e tamén a sensibilización á sociedade civil nun chamamento á responsabilidade individual para buscar un mundo mellor dende o día a día.

Conclusións

Para isto, hai que chamar a atención sobre a evolución que se deu nestes 25 anos na axenda global sobre o desenvolvemento, pasando de declaracións institucionais a, no 2000, consensuar unha axenda de Obxectivos do Milenio. Esta axenda estaba moi enfocada aos países empobrecidos, e tiña unha compoñente máis asistencial que política (indo máis a solucionar síntomas que causas  dos problemas no mundo). En 2015 aprobouse a Axenda 2030 de Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable, que obriga a todos os países, e abre un pouco máis (só un pouco, e aínda con moitas ambigüidades) a perspectiva a traballar causas máis profundas a nivel global. Será todo un desafío integrar o enfoque de tecnoloxía para o ben común nesta axenda, e implicar a organizacións, institucións públicas e sociedade civil para acadala. Polo pronto, en Enxeñería Sen Fronteiras rematamos este ano de aniversario repensándonos ante estes novos escenarios, vendo como Enxeñería Sen Fronteiras Galicia pode ser útil á súa base social para canalizar ese desexo de construír un mundo xusto e solidario, pero un sen afán de supervivencia “per se”. Se a asociación é útil seguirá pervivindo, con cambios máis ou menos sustanciais. Se non, reinventarase tratando de facilitar novos espazos de activismo. De tanto traballar polo dereito humano á auga debéusenos pegar o de BE WATER MY FRIEND…