Posts

Crónica do faladoiro “Pensando no futuro”

O pasado 22 de novembro no noso ciberbar puxémonos en “modo ciencia-ficción”. Empezamos preguntándonos se, esencialmente, eramos pesimistas ou optimistas de cara ao futuro en, digamos, 150-200 anos. Houbo quen se preguntaba se pasaremos do 2050 sequera pero, apocalípticos aparte, hai que recoñecer que non se respiraba optimismo precisamente…

Falamos de ameazas de volta aos feudalismos ou modelos tipo ecofascismo. Polo menos agora temos referentes máis democráticos que no permite ter esperanzas doutro xeito de gobernarse (na Idade Media non había tantos).

Falouse de que as persoas e, por ende, a humanidade, ten como dúas almas, a cooperativa e a competitiva, que pode marcar a tendencia cara mundos moi distintos. O predominio dunha tendencia ou outra marcará o futuro nunha época onde a tecnoloxía cada vez máis impactante nos trae a unha época de posibles disrupcións nunca vistas.

Esa tecnoloxía que nos van metendo e nos imos afacendo a ela, agora mesmo, a vemos como preocupante, porque pertence a esa “alma” máis competitiva, do máis e máis, que deixa a moitas persoas atrás na carreira de acumular, e destrúe ao planeta.

Tal vez influídas pola proximidade do Black Friday, o consumo tivo moita protagonismo nese devir do mundo. Se hai un oco para a outra alma pode estar no aumento do consumo comunitario (compartir transporte, compartir lavadora, comunidades enerxéticas…). Aínda se ve como “algo de pobres”, pero pouco a pouco tal vez vaia cambiando. Por exemplo, algunhas empresas de coches xa dan por suposto que o vehículo privado familiar vai ter os días contados.

Tamén pode empezar a cambiar todo o que ten que ver coa reparación de bens (sobre todo obrigadas por un contexto de escaseza de materiais). Actualmente, demasiadas veces e máis caro reparar ca comprar un novo (se é que se atopa quen o repare, coas trabas que se poñen nos propios aparatos). Precisaríase unha lexislación que impulse tanto aparatos moito máis duradeiros, como máis reparables. Un Wall E que durase 700 anos hoxe parece algo improbable…

De todos os xeitos, hai certo pesimismo á hora de plantexar unha redución de uso de materiais e hiperconsumo. Quen toca comodidades, logo non quere soltalas. Aínda así, non se debe deixar todo nos ombreiros da clase baixa e media (e menos se nos referimos a países empobrecidos, cuxa poboación tamén busca unha vida mellor no material). A veces as opcións non son factibles por trabas lexislativas. Hai cousas que lexislativamente se deberían impulsar. Empezar por cousas máis simbólicas (redución do IVE a reparacións) para logo ir meténdose en máis ambiciosas (especificacións técnicas para obrigar a reparar). Pero cando as propias administracións prefiren a compra de aparellos novos que a reutilización…

Xurdiron, como non, recomendacións de libros, series, pelis, con paralelismos como Mad Max, ou O conto da criada (este perigosamente posible a non moi longo prazo, hai países como Irán ou Afganistán que xa pasaron ou están a pasar algo así). No que ten que ver coas clases sociais e ecofascismos nun contexto de escaseza falouse do cómic-película-serie Snowpiercer (que foi tema central nun dos ciberfaladoiros da pandemia). Tamén se falou de Colapso, polo seu impactante realismo. Aproveitamos, como bonus, deixarvos unhas recomendacións de novelas distópicas galegas: O Cervo na Torre (do recentemente finado Darío Xohán Cabana), Cobiza (de María Reimóndez) e Be Water (de Antía Yañez Rodríguez, compañeira hai anos en ESF). Por se acaso, non vendades as leiras e botade un ollo á Guía do Descenso Enerxético (que por riba está adaptada á realidade galega!).

Para rematar con algo de esperanza, que tamén nos da azos no noso activismo en ESF, un xeito de perseguir ese futuro mellor é facer de altofalante de alternativas que xa están funcionando, aínda que sexan pequenas e non perfectas, que naceran con esa alma cooperativa e de coidados. Por aí hai xente que di que non se poden cambiar cousas sen cambiar primeiro as mentes…, e que mellor xeito que experimentando pequenos anacos dese posible futuro mellor.

Ciberfaladoiro: clases sociais e a desigualdade

Coas novas datas (martes ás 20:30, cada dúas semanas) e un novo formato (tema principal con material audiovisual recomendado complementario), volvimos onte cos Ciberfaladoiros. Esta vez tocou falar sobre clases sociais e desigualdade. O material recomendado era Snowpiercer (serie ou película) e o cómic que iniciou todo, Le Transperceneige. Tocáronse moitos temas, dende cuestionar a existencia de círculos de poder e teitos de cristal (moitas veces dados xa dende a propia educación en colexios privados de élite onde se fan contactos que se manteñen no tempo, outras por favorecer a persoas afíns a determinados rexímentes que están no poder, outras por distintos tipos de xeitos de buscar o lucro que xa se clasificaron neste recomendable libro, etc.), a propoñer impostos progresivos (o famoso “imposto aos ricos”) e discutir sobre que podería ocorrer coas grandes fortunas, limitación de paraisos fiscais, control de herdanzas (poder herdar até un límite máximo de cartos, ou de propiedades), promoción da redución da xornada laboral e condicións laborais dignas (con máis inspeccións, que seica fan falta), e mesmo renda básica universal.

Ninguén somos expertas nestes temas, pero como isto é un ciber-bar, podemos falar do que nos peta e preguntar sen ter medo ao “que dirán”. Xa vedes que a tertulia deu para falar, e aínda quedaron cousas no tinteiro das que a serie e a película Snowpiercer nos da para reflexionar:

  • Necesitamos aliadas en todas as clases sociais para poder buscar a igualdade, como insisten na serie? Pódense conseguir esas alianzas? Como? Como manter e fortalecer esas alianzas?
  • O discurso dos “sen billete” improductivos que están no vagón de cola… como contrarrestalo? So as persoas ricas teñen dereitos? As leis están máis pensadadas para protexer o seu status quo ou para ser xustas? Na serie, como na realidade, as persoas con máis riqueza foron as que máis se aproveitaron do desequilibrio da biosfera que causou o cataclismo e agora só eles se salvan? Iso é claramente ecofascismo.
  • É a clase alta moralmente superior e equilibrada? Na serie e na peli amosan como non…, e si amosan (quizais idealizadamente) o equilibrio e autoorganizacion nos vagóns de cola (iso si, tras amargos episodios de enfrontamento e con roces no día a día).

Ciberfaladoiros de ESF. Cineforum: Nausicaa del Valle del Viento

O pasado xoves a reunión no ciberbar de ESF tratou dunha película cunha estética preciosa. Pareceunos curioso que a protagonista fora unha rapaza estilo super-guerreira que opta polo diálogo. Gimbli xa optaba por personaxes femeninos fortes nos 80. Pero comentouse que xa había outras series daquela con mulleres protagonistas normalizadas (en Dragóns e Mazmorras, Pipi Calzaslargas, Bruja Avería, …). Houbo a reflexión de que posiblemente coa entrada de Tele5 con mamachichos e cousas similares se volveu atrás, volvendo á cosificación das mulleres. De feito, as princesas Disney da época estaba a anos luz do que nos presenta esta película. Quizais ese afán de buscar diálogo tralo arrebato inicial de loita trala morte do pai ten certo cheiro a buenismo. Desa relación co pai falamos tamén, xa que da a sensación de que o afecto e de “princesa de papá” que lle da o pai tamén lle transmite a Nausicaa esa seguridade interior que lle leva a arriscarse polo que cree, quizais menos habitual na educación das nenas. Chamounos a atención o “duelo express” que pasa Nausicaa trala morte do seu pai. Quizais a responsabilidade que recae sobre ela non lle deixa moito máis tempo para o duelo…

Ao final en realidade a película parece un enfrontamento natureza vs humanidade, como se esta última deixara de ser parte do resto de ecosistema, aínda que ao principio se presenta o Bosque de Putrefacción precisamente como algo “fora da natureza” que amenaza aos ecosistemas coñecidos.

Tivemos até debate sobre se o feito de ser princesa é relevante ou non na película. Había quen pensaba que non sería nin necesario asignarlle ese posto. Outra xente pensaba que, neste caso, o feito de ser princesa (ou que seu pai fora o rei) obedecía máis a algo baseado no “coidado” da xente e sentirse responsable. Pero tamén había quen botaba de menos máis normalidade en personaxes fortes para mulleres sen ter que ter que ter outros méritos para “subirlle o nivel” (como facela princesa).

Falouse de que en Japón ten moita importancia a racionalidade, explicando todo tamén nas producións audiovisuais (sobre todo nas máis antigas), mesmo o que sinten as personaxes, e deixan pouco á intuición e a captar a sensibilidade. Quizais sexa tamén parte da cultura tan formal que hai aló. Na parte da ecoloxía tamén ocorre iso. É un mundo como moi ben atado, con moitos detallles que reforzan unha lóxica racional moi forte. Seica é unha parte da propia cultura do estudo Ghibli, da que esta película foi precursora.

Amosa como a natureza ten o seu equilibrio, non hai “ecosistemas asquerosos”. A nena ten unha alma pura e detecta iso, por iso ten curiosidade en saber algo máis dese Bosque de Putrefacción, e o defende (tamén porque adivina que formamos parte de todo eso). Pode ser que pola súa racionalidade e formalidade incluso na cultura xaponesa mesmo lles impresione máis todos eses insectos xigantes e ecosistemas “asquerosillos” (que soen tocar bastante). Houbo a quen lle deu certa lembranza a Dune (polos gusanos xigantes que eran claves tamén no ecosistema), e a O Xogo de Ender (sobre todo nos libros segundo e terceiro da saga), pola empatía con seres a priori extranos e odiosos, pero claves en equilibrio do ecosistemas (e posiblemente tocando algo o tema do anti-especismo e o dereito moral dos seres a vivir). Non puidemos deixar de mencionar a situación actual co Covid, pola perda de biodiversidade e desequilibrios ecosistémicos dos cais o noso sistema depredador é responsable (e as mascarillas que teñen que levar). Ademais tamén houbo que chamou a atención sobre a “reanclaxe” da película na Terra, por se nos esqueceramos de onde se desenvolvía, cando fala da estrela Sirio.

Na película tamén se pode adiviñar unha mensaxe pro-científica, que parecía que podería reencarnar o mestre Yupa, pero ao final resultou ser a nena a verdadeira científica, coa súa “parcela piloto” de sementes do bosque da putrefación e a súa curiosidade innata e o non dar nada por certo (por exemplo, o gran dogma de “o bosque de putrefacción é malo”).

Tamén fíxonos reflexionar sobre o problema de ter armas de destrucción masiva (o cal na película se visibilizaba co Deus da Guerra), como ocorre coa Estrela da Morte en Star Wars, posiblemente moi influida pola época da película (1984) polas bombas nucleares e a escalada da Guerra Fría. Respecto disto, tamén pode advertirse unha crítica a ese “quen a ten máis grande” que se respiraba na Guerra Fría coa teoría da Destrución Mutua Asegurada. Nesta época hai moitos símbolos e referencias culturais pop e esta carreira e de que debía tocar ao seu fin (exemplos musicais como 99 Luftballoon), e o antimilitarismo está tamén presente noutras obras do estudo Ghibli. Esa escalada de violencia fai que chegue un momento que nin con toda a boa vontade se pode deter, a non ser que xurda unha figura de mesías, salvadora de TODO o mundo cunha sorte de ascensión e todo que se visibiliza na película). Ese liderado de ter que sacrificarse por salvar a todo chega ao culmen na escea onde os ohm lle pasan por riba a ela e a cría.

E a tí, que che suscitou esta película? Déixao nos comentarios se queres!

Crónica do IV Ciberfaladoiro no confinamento. Cineforum, “O neno que domou o vento”

Desta volta, viaxamos a Malaui, nunha liña moi de “tecnoloxía para as persoas” que nos interesaba especialmente.

As participantes na tertulia estivemos dacordo en que se trata dunha película moi ben contextualizada. Para coñecer como están no país está moi ben. O guión non nos pareceu nada do outro mundo, pero si xenera empatía coas personaxes e, aínda que artisticamente non é sobresainte, sí é un producto moi digno. Trata de transmitir esa valentía de crear algo con tecnoloxía que pode axudar nun contexto puntual de emerxencia a mellorar a calidade de vida do seu lugar, con coñecementos modernos que aprendeu e que os seus maiores non sabían (ou olvidaran, porque en moitos casos as culturas están cambiando tan rapidamente que se atopan nunha sorte de “territorio de ningures”, onde xa case se perdeu a sabedoría antiga, pero non se acaba de asimilar de todo os avances e se xenera moita dependencia tecnolóxica externa, como ocorreu en Galicia e moitos outros lugares coa “Revolución Verde”; hai grupos de investigación que traballan neste eido en Galicia como HISTAGRA).

Tamén xurdiu o tema de canto talento desaproveitado pode haber no mundo por non poder acceder a educación ou a medios medianamente decentes, e non so en países empobrecidos. O adaptar a educación á persoa, potencial e talento é unha materia pendente en case todos os sistemas educativos (na película vese como o rapaz só quería estudar as ciencias).

É unha historia de superación ante adversidades é convencional, pero ben contextualizada, que visibiliza a mezcla de cultos e relixións, idiomas, etc. Isto proporciona moita veracidade, e tamén o contexto post-atentados das torres xemelgas onde se prevén efectos a nivel mundial para o que o país (mal asesorado polo Banco Mundial e o Fondo Monetario Internacional) non estaba preparado (venderan excedentes alimentarios a outros países). Tamén nos pareceu veraz como reaccionan ante esas crises as personaxes. A reacción de rexeitamento á idea do neno protanista por parte do pai igual foi pouco madurada, pero podía ser natural nun momento de moita carga e crise, pensando en solucións a curto prazo antes que en “experimentos” e solucións a medio prazo.

Tamén é unha historia sobre perseverancia, crer nas ideas e perseguilas (mesmo co amago de enfrontamento co seu pai). O neno é unha figura inspiradora, non tanto por ser un supercrack, pero si por ter unha historia para romper barreiras. Falamos de que pode ter un cheiro a ese discurso que tanto gusta en EEUU (de feito, o protagonista da historia real falou nunha TED Talk) de que calquera pode facer calquera cousa e, aínda que non se diga, é como dicir que se non o consegues é que non te esforzaches o suficiente.

A historia era atractiva para moitas de nós porque falaba de tecnoloxías apropiadas. Aquí tivemos un debate sobre se a película quedábase co tecnooptimismo e o perigo que pode ter centrarse en “tecnoloxías salvadoras” en vez de enfocar a agricultura e as súas políticas en solucionar o dereito á alimentación e a soberanía alimentaria. O tabaco non se come, nin o eucalipto… Iso posiblemente vai ter máis importancia no contexto post-COVID19. A tecnoloxía, ademais, pode crea tamén división entre as comunidades ou aldeas (ou países, ou bloques de países) se unhas contan coa tecnoloxía e outras non. Iso se pode solucionar escalando o concepto de tecnoloxías apropiadas ao de “tecnoloxías para o ben común” ou tecnoloxías para non deixar a ninguén atrás.

Non nos esquecimos de salientar como as mulleres, coma sempre, levaban o peso dos coidados, mentres o marido ten unha imaxe máis pública e interese na política, deixando á familia na casa (e o certo sacrificio que a irmá fixo, que rematou por non poder ir á universidade a pesar do seu desexo e o da súa nai).

Viches a película? Queres deixarnos a túa opinión nos comentarios?