Posts

Coñecendo a realidade en Honduras. Zona Caribe, luces e sombras…

Parece que foi onte cando Xoel e Eva chegaron a Honduras como parte do seu Programa de Coñecemento da Realidade. Xa na súa recta final, aproveitaron uns días de vacacións para coñecer outras zonas do país (é difícil resistirse a visitar a zona Caribe!). Aquí nos contan como foi!


Estamos na recta final da nosa estadía e non nos chegan as palabras de agradecemento por ter tido a oportunidade de estar vivindo esta experiencia e poder encher a mochila de novos aprendizaxes, aventuras, lugares e persoas.

Aproveitamos a semana Morazánica para viaxar e coñecer o norte do país, lindeira ao Mar Caribe. Era obrigado bañarse nese mar e contemplar a vida que alberga nel. Comezamos a viaxe en La Ceiba, punto de conexión con todos os destinos aos que queríamos chegar.

A primeira saída foi a Cayos Cochinos, formado por 13 illotes e 2 illas máis grandes (unha delas é onde se grava o reality show Supervivientes). Estas illas da Bahía son un auténtico paraíso, onde vimos boas rosadas salvaxes, o único lugar do mundo onde se pode ir paseando e atoparse con elas, fixemos snorkel nunha das mellores barreiras de coral e puidemos observar as instalación da illa onde se fai o programa de TV que tivemos sorte de que non estiveran gravando, xa que nos meses onde se está emitindo teñen prohibido a entrada na illa e o percorrido polas súas proximidades.

Finalizamos o día por estes cayos nun onde habita unha comunidade indíxena garífuna, que resisten e loitan polo seu dereito de estar nesa terra tan apreciada polas empresas turísticas. Entre area e casas de madeira, viven 30 familias que te reciben cun sorriso, música e baile punta. Alí probamos o pan e os doces de coco, ademais do Gifiti, bebida propia da comunidade garífuna, para espantar os malos espíritos, feita con auga ardente e raíces varias.

Continuamos a nosa viaxe por Utila, pequena illa chea de turistas, hippies e persoas aficionadas ao mergullo que aproveitan a oportunidade de practicalo e sacarse algún título. E como nós non podíamos ser menos, tamén quixemos saber como era iso de mergullarse entre coral, augas turquesas e peixes de cores incribles. E foi inesquecible!

Visitamos as poucas praias públicas da illa que foron unha auténtica marabilla, xa que a maior parte dela son zonas privatizadas por resortes e casas privadas.

Rematamos a viaxe en Roatán, a illa máis grande de toda a Bahía. Nela puidemos camiñar ata as zonas máis turísticas e alucinar coa actividade que esas praias albergaba! Había persoas en kayak vendendo cocos, cócteles e demais delicias para todas as persoas que estaban desfrutando do mar. Grazas a que arrendamos unha moto puidemos ver as zonas máis aloxadas e masificadas e poder sentir a esencial real do Caribe.

En Punta Gorda existe a primeira comunidade garífuna que a día de hoxe se conserva e segue moi viva, onde hai un centro cultural que mantén viva a historia, imparte clases de punta e de cociña e demais eventos. Foi moi emocionante poder estar nesta comunidade onde teñen tan presentes as súas raíces.

Rematados estes días de ocio, diversión e moita aprendizaxe, volvemos a San Lorenzo para retomar a actividade coas copartes (as organizacións hondureñas coas que colabora ESF) e as cousiñas que nos quedan pendentes antes de volver á Galiza.

Crónica do Programa de Coñecemento da Realidade Honduras 2021, III. Tartarugas golfinas

Desta volta é Xoel quen nos informa sobre a estancia del e de Eva en Honduras, dentro do Programa de Coñecemento da Realidade 2020-2021, que cofinancia Cooperación Galega da Xunta de Galicia.

————————————————
Xa levamos 1 mes en Honduras terra catracha! Tras as dúas primeiras semanas de adaptación xa comezamos a entender o funcionamento das xentes desta fermosa terra, a gozar da súa cultura, das súas comidas, das súas froitas, e incluso do seu clima tan diferente ao noso.


Aproveitamos as fins de semana ao máximo visitando toda paraxe natural que podemos: Illa do Tigre, Illa dos Páxaros, Praia do Amor, Praia do Venado … E tamén comunidades moi acolledoras como Ojojona , San Marcos, El Zamorano entre outras tantas… O tempo pasa voando nestes novos lares.


Comezamos as colaboracións coas organizacións hondureñas, Eva dende CODDEFFAGOLF realizando numerosas actividades e obradoiros en temas de xénero e autocoidado e Xoel dende a Mancomunidad NASMAR axudando con levantamentos topográficos para logo poder construír sistemas de auga.


Unha das actividades máis molonas deste mes foi ir ao campamento tortuguero e axudar na recuperación da tartaruga golfina. Un sono feito realidade. Apertas dende Honduras, ESFeirxs! Vémonos na próxima entrada!

Programa de Coñecemento da Realidade 2021. Primeiras comunicacións dende Honduras!

Aquí nos mandan Xoel e Eva as primeiras sensacións tras a súa aterraxe en Honduras, a pasada semana, dentro da estancia no país que é parte do Programa de Coñecemento da Realidade na súa edición 2020-2021 (adiada pola COVID19).

—————————

Tras 5 días de estadía en terras hondureñas, xa tivemos tempo de perdernos polas rúas de San Lorenzo na marxe dunha cuadra (para saber que significa “cuadra” ver acepción 9 aquí) dando voltas mentres unha tormenta tropical nos deixaba a roupa pegada a pel, de sorprendernos coas paisaxes e natureza salvaxe que esta terra ten e degustar as delicias dos seus froitos e pratos tradicionais (moitos nomes novos que aprender….pupusa, baleadas, marañones, e mil cincocentos máis) e das súas xentes e as súas ganas de vivir.

Xa coñecemos a algunhas das copartes (organizacións hondureñas coas que colabora ESF) coma CODDEFFAGOLF e NASMAR onde nos presentaron os proxectos que teñen en marcha e aqueles aos que nos poderíamos unir.

Temos moita motivación!

Saúdos Esefeiros!

Xa están en Honduras as participantes no Programa de Coñecemento da Realidade 2020-2021

Eva e Xoel, as primeiras participantes do noso Programa de Coñecemento da Realidade (PCR) da era COVID, chegaron hoxe a San Pedro Sula (Honduras), onde Raquel, a nosa representante-país, xa os estaba esperando.

Eva vén do mundo da arte e a danza, e do activismo feminista. Xoel do mundo da enxeñería (Minas e Enerxía pola Universidade de Vigo).

Despois de seren seleccionades na convocatoria de 2020, finalmente non puideran viaxar nese ano por mor da COVID19. Sen embargo, foron quen de facer o proceso de formación previo (neste caso cun itinerario formativo a distancia, xa que só se puideron atopar presencialmente unha vez, xusto antes de iniciarse o cofinamento en 2020). Durante 2020 e o que levamos de 2021 agardaron con paciencia a oportunidade de viaxar. Por sorte, as súas circunstancias lles permitiron esperar até este 2021 e, se ben con moita incertidume (e pelexar para que lles puideran recoñecer a súa condición de cooperantes para entrar no grupo especial de vacinación e non seguir adiando a viaxe, co apoio da Coordinadora Galega de ONGD), xa están en Honduras.

Estarán no país máis de 2 meses, coñecendo a realidade hondureña, os proxectos que temos en marcha na zona do Golfo de Fonseca e, sobre todo, coñecendo ás persoas e esforzo que hai detrás. Irannos contando as cousas que vaian aprendendo!

Este programa é unha das actividades de ESF máis importantes de promoción de voluntariado transformador cunha perspectiva de cidadanía global, e este ano puidemos levalo a cabo grazas á financiación da Xunta de Galicia en sendos proxectos de Educación para o Desenvolvemento neste 2021. Eva viaxará dentro do proxecto de “Mulleres bravas de Honduras e Galicia. Tendendo pontes entre defensoras da vida”, onde poñemos en contacto activistas dos dous lados do Atlántico. Xoel o fará dentro do proxecto “Tecnoloxía ao servizo do ben común, da cidadanía global e da inclusión nas escolas técnicas da universidade galega”, como parte das actividades para que os estudos técnicos das universidades galegas inclúan esta perspectiva global dentro da súa formación.

Estamos moi contentas de que finalmente poidan estar alí. Esperamos o ano que vén volver sacar unha nova convocatoria deste programa!