Non violencia nos movementos sociais

O pasado 29 de marzo participamos nunha mesa redonda sobre nonviolencia nos movementos sociais, dentro dun curso sobre Nonviolencia da Universidade de Santiago e o Colectivo Noviolencia.

O certo é que, como lle comentaramos ás organizadoras, en Enxeñería Sen Fronteiras nunha tivemos unha aproximación ao noso activismo dende esta perspectiva, así que nolo plantexamos como unha posibilidade de aprendizaxe, e de compartir con outros colectivos e as persoas asistentes ideas sobre como a Nonviolencia pode mellorar o activismo e a transformación social cara un mundo máis xusto e solidario (que é o que organizacións como ESF buscamos). Tamén puidemos comparar valores e xeitos de traballo dos que xa temos interiorizados que, sen sabelo, compartimos coa cultura da nonviolencia.

Por se non estades familiarizadas co tema de nonviolencia, e das cousas que fomos captando ese día, comentar que se falou da existencia de tres tipos de violencia:

– Directa

– Indirecta

– De “estar fora” (indiferencia ante a inxustiza, que se considera tamén un tipo de violencia).

Nonviolencia (recomendan poñelo todo xunto, a modo de nome propio deste movemento ou cultura), vén dunha palabra en sánscrito, ahimsa, que en realidade non se traduciu moi ben, xa que en realidade significaba algo así como respecto para todo o sentinte, ou “non danar” (nun senso amplo). Ten até un día internacional recoñecido polas NNUU (2 de outubro).

Puidemos ademais coñecer, grazas ao faladoiro previo á mesa redonda, un resumo dos principios da nonviolencia.

1) Trátase dunha cultura e un modo de vida, que trata de superar e mellorar outro tipo de xeitos de actuar.

2) Non se poden separar medios de fins

3) A verdade é un valor clave na nonviolencia, no sentido de buscar elementos “non relativistas” na visibilización das situacións de opresión e dominación que se queren combatir. Aquí se pode ver algo do que pensaba Gandhi, unha das figuras máis coñecidas da nonviolencia, sobre a verdade.

4) Coa nonviolencia tamén se busca liberar a quen oprime.

5) A nonviolencia ten unha parte filosófica fonda, pero tamén de acción.

Destes principios hai varios elementos que compartimos en ESF, ademais de compartir o obxecto de xustiza global e eliminación da opresión (o que nós chamamos “ben común” e “emancipación”), a saber:

Do 2, dicir que un dos valores de ESF é a coherencia (entre o mundo que queremos e como o queremos acadar).

Sobre o 3, cando en ESF falamos de promover o pensamento crítico, o facemos porque pensamos que é o xeito de visibilizar un mundo no que pague a pena vivir, e sen deixar a ninguén atrás. Pensamos que ese pensamento crítico pode axudarnos a vislumbrar a verdade nas situacións de opresión ou falta de dereitos humanos. Para iso tratamos de enfocar a tecnoloxía e a ciencia. Sería unha sorte de “tecnoloxía ao servizo da verdade”.

No que ten que ver coa liberación de quen oprime, o traballo estase a enfocar máis en masculinidades alternativas. Noutros aspectos é máis complexo ese enfoque. Sóese ter en conta a “persoas perxudicadas” polas accións que impulsamos, pero non tanto para liberalas como para evitalas ou paliar os seus impactos. Por outra banda, en ocasións a acción se enfoca máis contra organizacións ou estructuras deshumanizadas (formadas por persoas, pero que se comportan como un “ente”, tal como explica o libro e o documental “The Corporation”).

Con respecto a parte filosofía-práctica, en ESF hai unha carga importante de reflexión e discusión crítica, cos dereitos humanos como clave do benestar común e a xustiza que se busca. Sen embargo, a necesidade de ir amosando “pilulas” dese mundo mellor ao que aspiramos tamén nos fai tratar de construir alternativas, a modo de sementes dese mundo, que teñan vocación transformadora.

Algunhas reflexións coas que nos quedamos no debate foron:

– Moitas persoas preguntábanse até onde aguantar, até que extremo levar a nonviolencia en situacións de opresión de longa duración e sen visos de arranxo (violencia machista, ataque a defensoras de dereitos ambientais, conflictos enquistados como Palestina ou o Sahara Occidental). Tratar de aplicar “de cero” o que en realidade é un modo de vida nun destes contextos probablemente sexa como tratar de mesturar auga con aceite. Fai falta unha valentía heróica para transitar ese proceso (non moitos o teñen feito), e algo moi importante e non xulgar as accións destas persoas oprimidas cando a fartura e o agobio non lles permiten (ou non se sinten con forzas de) ser mártires.

– Para transitar ese camiño é básico quitarse privilexios, liberarse de relacións de dominación (tanto oprimidxs como opresorxs). Pode a tecnoloxía e a ciencia contribuir a isto?

– Parte desa sociedade sen dominación e opresións débese construir dende a infancia, e en todas as esferas da vida. Que dúbida cabe que formacións enfocadas a nais e pais, e tamén a profesorado (presente e futuro), son claves. Pero traballar por que as persoas rexeiten mensaxes e accións no noso día a día que prolongan relacións de opresión tamén é imprescindible (exemplos concretos que tiveron lugar nestes días v an dende sexismo en espazos deportivos infantís, ao racismo nos campos de fútbol, rentas básicas condicionadas para “pobres”…).

ACTUALIZACIÓN:

Apórtanos xente que controla do tema que paga a pena mencionar tamén o concepto do triángulo da violencia, así como o tema da importancia de non caer na espiral da violencia, que é crucial (se a resposta é máis violencia, ou se mantén a ameaza da violencia, ou o vencido busca a maneira de devolver o golpe).

Boletín Oficial Esfeiro: abril 2019


CONTIDOS

  • Vida Asociativa
  • Honduras
  • Enlaces de interese
  • Publicacións en físico
  • E no próximo mes …
  • A ESFrase do mes

VIDA ASOCIATIVA

Parece que a primavera vainos animando e traendo máis actividade na vida Esfeira. Como non podía ser de outra maneira, comezamos marzo con moita enerxía apoiando a #FolgaFeminista #8M2019 e  ao movemento feminista, imprescindible na nosa sociedade para poder acadar a igualdade e xustiza social.

Sseguimos coas clases da XIX edición da materia de Cooperación ao Desenvolvemento na Caminos A Coruña da Universidade da Coruña. Queres coñecer a súa historia?

O finde do 23 de marzo tivemos aXuntanza da base social e a Asemblea Xeral de persoas socias, poucas desta volta, pero moi ben avenidas. Tivemos unha intensa xornada de reflexión sobre a ESF que queremos (que terá o seu broche final nun obradoiro do que se informará próximamente e no que esperamos moitíiiiiiisima participación!). Moitas grazas ao Concello de Padrón por cedernos as súas instalacións do centro social. 

A última semana do mes veu movida. O día 28 tivemos unha xente xenial na clase da materia Enerxía, Cooperación e Sustentabilidade do mestrado de Eficiencia Enerxética da Universidade da Coruña na Escuela Universitaria Politécnica Ferrol.
O 29, participamos nunha mesa redonda no curso de Nonviolencia, en Santiago. Aprendemos e compartimos moito sobre esta temática con outros movementos sociais. Pronto compartiremos unhas reflexións na web.


HONDURAS

En Honduras estívose a traballar arreo para preparar a documentación que debe servir para xustificar o proxecto financiado pola Xunta de Galicia que rematou en decembro 2018 (no programa de soberanía alimentaria que, entre outras actividades, contemplaba a elaboración da ferramenta SIROS), así como a primeira anualidade das dúas que forman dous proxectos (tamén financiados pola Xunta de Galicia):

-o proxecto de xénero que se está a realizar con CODDEFFAGOLF (apoio de grupos de mulleres productoras) e a Mancomunidade NASMAR (fortalecemento das Oficinas Municipales de la Mujer)

– o proxecto do programa de Dereito á Auga, que inclúe fortalecemento en temas de hidroxeoloxía e enerxías renovables co apoio do grupo AQUATERRA da Universidade da Coruña, colaborando coa Mancomunidade NASMAR e a Asociación Hondureña de Juntas Administradoras de Agua y Saneamiento.

Ademais, pódese ver como de desenvolveu o proxecto financiado en 2018 polo Concello de Santiago de Compostela, dentro do programa de Dereito Humano á Auga (tamén o presentamos no Consello Municipal de Cooperación de Santiago de Compostela, conformado por fin en 2019).


ENLACES DE INTERESE

Auga

Comunicación para o (como) desenvolvemento

Consumo responsable

Cooperación e ONGD

Educación para o desenvolvemento

Iniciativas

Investigación para o desenvolvemento 

Mundo

Políticas e modelos de desenvolvemento

Sensibilización

Soberanía alimentaria e desenvolvemento rural

Tecnoloxías da Información e Comunicacións (TIC)

Tecnoloxía para o desenvolvemento humano

Activismo e Persoas


PUBLICACIÓNS EN FÍSICO

(se che interesan, están no local de A Coruña ou fácilmente accesibles, e as persoas da base social de ESF poden solicitalas para préstamo).

Aquí podes ver moitas das publicacións que temos disponibles para préstamo á base social xa catalogadas e, se che interesan estes temas, tamén podes consultar o catálogo da biblioteca da Coordinadora Galega de ONGD, con moitos fondos que ceden para préstamo.

Este mes:

  • Palestina. Sangre y olvido (revista de Eldiario.es)

E NO PRÓXIMO MES …


A ESF-RASE DO MES

“Permitimos que as grandes compañías, cunha enorme sede de datos, implanten un modelo de negocio que domina a Internete e que está impulsando os sistemas de intelixencia artificial, co que acercámonos á creación dunha nova orde económica onde o importante é captar información pero sen darlle ningún valor ás persoas”.
Jaron Lanier

Exemplo de proxecto de mellora da xestión pública municipal da auga, El Triunfo (Honduras)

En 2017 foinos concedido, na primeira convocatoria de axudas para ONGD do Concello de Compostela, o “Proxecto de mellora das capacidades do municipio de El Triunfo (Honduras), para a xestión pública da auga con transparencia e rendición de contas”.

El Triunfo é un municipio no departamento de Choluteca que limita ao sur e ao leste con Nicaragua. Ten unha poboación de 43.670 habitantes,sendo 21.759 homes e 21.910 mulleres distribuídos en 301 Km2, en 11 aldeas (entidades de maior tamaño), 182 caseríos e a área urbana, que conta con 19 barrios. Así mesmo, en conxunto 23.899 son maiores de 18 anos. É dicir, case o 49% é menor de idade.

A actividade económica principal é a pesca artesanal, agricultura, gandería e silviculura, cun 68% da poboación dependente destas actividades. Posteirormente, destacan algunhas industrias manufactureras (moblerías, salineras, empacadoras, minería, etc), co 8%, e servizos.

Un dos problemas máis graves afrontados polo municipio é a xestión dos recursos hídricos, xa que o 78,5% da súa poboación non ten acceso a auga potable, sendo o maior índice de todos os municipios do departamento Choluteca.

Ademais, como algo xeneralizado no país, está o problema da xestión pública, coa inexistencia do funcionariado na administración (hai pouco tempo está a iniciarse o proceso de implementación do “funcionariado de carreira”, co cal na maioría de municipaios aínda non existe esta figura, e cambia todo o persoal en cada unha das eleccións municipais). Iso por non falar da corrupción e falta de control público (nin procedementos) para gran parte das políticas públicas, e a xestión da auga (cuxo aseguramento á poboación corresponde por lei aos concellos) non se libra.

Con este contexto, e a traxectoria de 5 anos traballo de Enxeñería Sen Fronteiras na zona coa Mancomunidade de Municipios NASMAR (á que pertence El Triunfo), quíxose plantexar neste concello, coa colaboración total da súa corporación municipal, un proxecto para mellorar os procesos de transparencia e rendición de contas no relativo á xestión da auga. O proxecto tiña dúas liñas de acción moi vinculadas:

  1. O traballo en procesos e metodoloxías de transparencia e participación cidadá na planificación e xestión da auga
  2. Asociado ao anterior, realización dun proxectiño piloto de mellora de infraestructuras de abastecemento de auga para 5 dos 19 barrios do núcleo urbano de El Triunfo

O proxecto iniciouse o 1 de novembro de 2017, e rematouse o 31 de agosto de 2018. O seu orzamento foi de 18.487,34, dos que 15.016,41 os aportou o Concello de Santiago. O 2 de abril de 2019 presentouse o proxecto no Consello Municipal de Cooperación do Concello de Santiago, para que se coñecera o realizado, ademais de realizar unha presentación inicial do programa de promoción do Dereito á Auga no que se ía enmarcar, a finais de 2017 en Compostela, e de que a propia alcaldesa de El Triunfo e o resto dos alcaldes dos concellos da Mancomunidad NASMAR puideran tamén presentar o realizado e agradecer o apoio ao propio Concello de Santiago na visita que a delegación fixo a finais de 2018.

En Honduras, iniciouse o proxecto unha vez o clima social e político permitía a realización de reunións e traballo social sen riscos, despois das controvertidas eleccións nacionais e municipais de finais de 2017. Iniciouse con cautela, debido a esta situación, incidindo no traballo técnico de análise dos mecanismos de participación e normativa e recomendacións para a xestión pública de calidade nos proxectos de auga. Así mesmo, actualizouse a táboa de información de rendición de contas sobre o estado de proxectos de auga.

Posteriormente realizouse un análise técnico das posibles solucións de obra e acceso á auga, detectándose dificultades para a obtención do permiso do dono da finca na que se ubica o pozo considerado no inicio para o proxecto. Esta persoa pedía unha contraprestación a modo de contratación laboral de dúas persoas da súa familia a cambio da cesión do uso do pozo. Considerouse e así se explicou ás comunidades, que no marco da mellora da transparencia e calidade na xestión pública non debía caber aceptar esa proposta, porque se estaría prexudicando a calidade na xestión pública de contratacións.

Asemblea de barrio

Socializouse coas comunidades beneficiarias en asembleas abertas esta cuestión e toda a componente técnica de execución, explicando as pautas de participación e transparencia. As comunidades participaron activamente na búsqueda de solucións. Propúxose substituir o pozo inicial polo pozo da colonia “27 de Mayo”. Este pozo rinde algo máis de auga, pero non contaba con tanque de almacenamento próximo.

Depósito restaurado
Depósito vello

Realizouse outra análise participativo de posibles solucións, e se propuxo utilizar o tanque do sistema de auga alimentado pola fonte de auga superficial de Matapalo. Este tanque detectouse que non reunía as características sanitarias axeitadas. Como as veciñas da colonia do 27 de Mayo desconfiaban da calidade de auga da fonte de Matapalo, houbo un rexeitamento forte inicial ao uso do tanque compartido, xa que a auga do pozo da colonia se estaría misturando no tanque coa auga proveniente da fonte superficial.

Asemblea de barrio

A proposta do equipo técnico da Nasmar, acordouse en reunións coa veciñanza, realizar análises de auga da fonte, así como do tanque. A socialización das análises e das graves incidencias detectadas permitiu que a poboación da colonia 27 de mayo aceptase a proposta. Así que o proxecto de obra se aprobou finalmente por todas como a liña de bombeo dende o pozo da colonia 27 de Mayo ao tanque que recibía augas da fonte de Matapalo.

Instalación liña eléctrica

Executouse o proxecto de obra definido na formulación, modificando por tanto o pozo de auga e o tanque de destino da obra de liña de bombeo. Por elo, se deron modificacións sobre o orzamento inicial. Por exemplo, fixo falla colocar unha bomba de maior potencia para o bombeo, e diversas obras de adecuación do entorno do pozo (caseta, etc).

Levantamento topográfico

Na execución do proxecto, participaron persoas dos barrios beneficiarios en traballos que requerían man de obra non cualificada.

Instalación de tubaxe

Así mesmo, se fixeron reunións nas colonias, para explicar as obras, especialmente a dotación de 157 conexións familiares a novas vivendas, e todas as obrigas que elo implica, como o pago da cota á xunta de auga para mantemento.

Caseta de bombeo

Posteriormente, a municipalidade, debido ás solicitudes da poboación, acordou un segundo proxecto, consistente na ampliación do tanque e mellora da obra-toma da fonte de Matapalo. Elevouse por tanto en altura o tanque e se fixeron diversas obras de protección. Isto xa correu a cargo da propia alcaldía.

Todo este proceso de diálogo e mecanismos de participación se deu coa participación da veciñanza en xeral nas asambleas, así como as persoas representantes das xuntas de auga e patronatos veciñais, o equipo técnico da Mancomunidade Nasmar, equipo técnico da municipalidade, persoal técnico expatriado así como voluntarias en terreo de Enxeñería Sen Fronteiras, representantes da corporación municipal (rexedoras, que equivalen a concelleiras), e representantes de organizacións e comisións de sociedade civil, tales como a Asociación Hondureña de Juntas Administradoras de Sistemas de Auga (AHJASA), na súa delegación local, o Comité Municipal de Auga e Saneamento (COMAS), entre outras.

No mes de agosto, se celebraron os Cabildos Abertos, que son os mecanismos máximos de participación regulamentados na normativa hondureña. Os cabildos teñen implicación legal e os acordos tomados nos mesmos son vinculantes para a municipalidade.

No primeiro cabildo celebrado, expuxose a forma de execución do proxecto de xeito participado, e se informou da execución dos proxectos de auga da municipalidade nos últimos anos, así como o compromiso de seguir traballando por mellorar o acceso ao Dereito Humano á Auga e Saneamento.

No segundo cabildo aberto celebrado, conseguiuse o compromiso oficial vinculante entre a municipalidade e a sociedade civil, para seguir traballando por solucionar o acceso á agua, así como por mellorar a participación da sociedade no control da función pública da municipalidade.

Pola súa banda, se estableceu un mecanismo de medición da participació das mulleres nestes cabildos abertos sobre proxectos de auga. Para elo se modificaron os modelos de listados de participantes para reflectir a asistencia diferenciada por xénero, e a persoa encargada da Oficina Municipal da Muller, realizará un seguemento do tipo de participación diferenciada home / muller, especialmente deixando reflectida a diferencia no nivel de participación en exposición aberta da asemblea, a participación na mesa principal, o tipo de mensaxes ou participación realizada, se estas foron escoitadas, e cal foi a repercusión das propostas levadas ao cabildo polas mulleres. A mancomunidade Nasmar está tratando de extender esta medida a todos os concellos que a conforman, e a todo tipo de cabildos abertos. Para elo se baseará no persoal de apoio en xénero que se dispón no marco dun proxecto financiado pola Xunta de Galicia que se estivo a executar en 2018 e continúa en 2019.

Durante a execución do proxecto, conseguiuse así mesmo que outros dous proxectos municipais se executasen con criterios de transparencia e bó goberno. O primeiro proxecto foi de instalación do sistema de enerxía renovable para o abastecemento enerxético para o bombeo de auga na comunidade de El Fortín, no que tamén participou ESF e foi financiado pola Deputación da Coruña. O segundo consistiu nao mencionado de ampliación do tanque e mellora da obra-toma da fonte de Matapalo, cuxa identificación se produciu na execución deste proxecto, e xurdiu das demandas da poboación.

Esperamos nos vindeiros meses aproveitar a inercia deste proceso co proxecto que temos en marcha financiado pola Xunta de Galicia, e seguir avanzando en mellorar procedementos para rendir contas e promover a participación da cidadanía na xestión da auga (moito temos que aprender disto tamén en Galicia…).

Boletín Oficial ESFeiro: marzo 2019


CONTIDOS

  • Vida Asociativa
  • Honduras
  • Enlaces de interese
  • Publicacións en físico
  • E no próximo mes …
  • A ESFrase do mes

VIDA ASOCIATIVA

    Comezamos o mes esixindo unha lexislación que permita verificar a trazabilidade das materias primas da electrónica que consumimos para que cumpran estándares de protección ás persoas e ao ambiente. Que partidos políticos levan isto no seu programa para as eleccións europeas?

    Seguindo co fío da nosa incidencia política no vindeiro ciclo electoral…Coñeces as propostas que temos para Concellos e Deputacións de cara ás Eleccións 2019? “Poñendo a tecnoloxía ao servizo das persoas e do desenvolvemento sustentable dende o local”. Veremos como as teñen os partidos en conta nos seus programas… 

    O 14 de febreiro estivemos conversando en Oza (Carballo) sobre activismo, lembrando a Berta Cáceres e as loitas en Honduras e ata visitando o Monte Neme (impresionante). Senda Nova organizou un videoforum sobre Honduras no Espazo da Natureza de Oza (Carballo), proxectando, entre outros, o documental VOLVERÉ Y SERÉ MILLONES. Grazas a Senda Nova pola invitación e por tratarnos tan ben!

    Tamén fixemos visita ao Museo do Pobo Galego cun guía excepcional, un dos membros fundadores, o noso “antropólogo de cabeceira”(grazas Coco!) Moito que aprender das tecnoloxías tradicionais. Repetiremos!!

    Non quixemos esquecer no Día da Radio ás radios comunitarias que, no noso territorio, seguen facendo radio de e para as persoas.

    Se che gusta o futbolín tes que visitarnos no noso local de A Coruña. Démoslle unha volta ó local, onde sempre e benvido todo o mundo!!



HONDURAS

    En Honduras continúa o traballo nas dúas liñas de traballo en marcha. Na de Dereito Humano á Auga, con dúas persoas de Honduras, Francisco e Rocío, cursando o Máster en Eficiencia e Aproveitamento Enerxético na Universidade da Coruña, do que se espera obteñan coñecementos aplicables á súa volta en temas de enerxías renovables. Na de Dereito á Alimentación e Soberanía Alimentaria, empezando un programa que, entre 2019-2022, financiará a AECID, chamado “Mejora de la gobernanza para el acceso a una alimentación y nutrición adecuada de los colectivos vulnerables de diez municipios del Corredor Seco de Honduras”, e que levaremos a cabo con VSF Justicia Alimentaria Global e con Amigos de la Tierra, ademais de varias organizacións hondureñas (nós colaboraremos directamente con CODDEFFAGOLF, como é habitual neste programa).

Quixemos este mes remarcar a mobilización de defensa do territorio ante a minaría destructiva que tivo lugar en El Triunfo (un dos concellos onde máis traballamos nos últimos anos).


ENLACES DE INTERESE

Auga

Iniciativas

Investigación para o desenvolvemento 


PUBLICACIÓNS EN FÍSICO

(se che interesan, están no local de A Coruña ou fácilmente accesibles, e as persoas da base social de ESF poden solicitalas para préstamo).

Aquí podes ver moitas das publicacións que temos disponibles para préstamo á base social xa catalogadas e, se che interesan estes temas, tamén podes consultar o catálogo da biblioteca da Coordinadora Galega de ONGD, con moitos fondos que ceden para préstamo.

Este mes:

  • Derechos Humanos: preguntas y respuestas
  • O Salto Galiza (decembro 2018, xaneiro 2019, febreiro 2019)


E NO PRÓXIMO MES …

Para máis info sobre cursos e eventos en Galicia consulta a Axenda Solidaria e as formacións da Coordinadora Galega de ONGD, ou segue as nosas redes sociais FacebookTwitter.



A ESF-RASE DO MES

O que urxe agora non é seguir amosando mediante a sátira o que todos sabemos, porque convírtese en redundante, senón que o verdadeiro esforzo creativo que deberíamos facer é o de imaxinarnos outro mundo posible. Frente ao aluvión de consignas de que este é o mellor mundo dos posibles, hai que facer xustamente ese esforzo de imaxinación”.
Miguel Brieva

Boletín Oficial ESFeiro: febreiro 2019

CONTIDOS

  • Vida Asociativa
  • Honduras
  • Enlaces de interese
  • E no próximo mes …
  • A ESFrase do mes

VIDA ASOCIATIVA

    En xaneiro comezaba unha nova edición da materia optativa da Escola de Enxeñería de Camiños, Canais e Portos da Universidade da Coruña, sobre cooperación para o desenvolvemento. Nela, fixemos unha breve presentación de que é ESF e como se traballa. Nalgunha que outra das clases teremos presenza tamén, antes de que remate en maio. Ademais, deixámosvos na web unhasrecomendacións audiovisuais por temas. Se sabedes doutras, non deixedes de recomendárnolas. Seguimos a facernos eco do que está a ocorrer en Nicaragua, a través de comunicados que nos chegan de persoas da sociedade civil coas que colaboramos cando traballamos nese país. Por outra banda, con motivo do remate do ano do 25 aniversario, o periódico O Salto Galiza publicou un artigo sobre ESF na súa versión dixital que seguro vos gustará.



HONDURAS


    No mes de xaneiro as organizacións hondureñas coas que traballamos arrincaron o ano tralas merecidas vacacións de Nadal, cos proxectos en marcha no eido da auga (coa Mancomunidade NASMAR e a Asociación Hondureña de Juntas Administradoras de Agua y Saneamiento) e da soberanía alimentaria e a defensa do territorio (con CODDEFFAGOLF), así como co proxecto de xénero (onde colaboramos coa NASMAR e as Oficinas Municipales de la Mujer e CODDEFFAGOLF). O traballo que desenvolvemos na zona xa hai tempo que trata de introducir o elemento de pechar a fenda de xénero, primeiro con formacións a mulleres e homes, xa hai 5 anos, e posteriormente apostando xa por traballar con grupos de mulleres (como caixas rurais) e cooperativas. Isto fixo que xa en decembro e sobre todo durante xaneiro tomara forma un novo proxecto onde se traballará específicamente con 7 grupos de mulleres marisqueiras nos municipios de San Lorenzo, Amapala e Marcovia, e para o que se buscará financiación durante 2019 (empezando pola convocatoria de subvencións da Xunta de Galicia, que pecha o vindeiro 14 de febreiro). Tamén é reseñable o feito de que xa se pode descargar a aplicación de cartografía colaborativa ambiental SIROS, desenvolvida polo CartoLab da UDC, dentro do programa de soberanía alimentaria e defensa do territorio en Honduras. Tamén quixemos chamar a atención sobre os  8 asasinatos de activistas en Honduras no pasado 2018. 


ENLACES DE INTERESE

Auga

Comunicación para o (como) desenvolvemento

Consumo responsable

Cooperación e ONGD

Educación para o desenvolvemento

Iniciativas

Investigación para o desenvolvemento 

Mundo

Políticas e modelos de desenvolvemento

Sensibilización

Soberanía alimentaria e desenvolvemento rural

Tecnoloxías da Información e Comunicacións (TIC)

Tecnoloxía para o desenvolvemento humano

Voluntariado e Persoas

 


r


E NO PRÓXIMO MES …

    Para máis info sobre cursos e eventos en Galicia consulta a Axenda Solidaria e as formacións da Coordinadora Galega de ONGD, ou segue as nosas redes sociais FacebookTwitter.

Volver


A ESF-RASE DO MES

«Os usuarios deberían saber que onde hai que actuar políticamente é no terceiro entorno (o dixital) […] porque non hai conciencia de que un é cidadán no mundo dixital e que ten que esixir os seus dereitos». Javier Echeverría

 

 

Ya se puede descargar la aplicación de cartografía colaborativa ambiental SIROS

Aspecto en el play store

Dentro del programa de soberanía alimentaria y defensa del territorio que Enxeñería Sen Fronteiras Galicia desarrolla en la zona del Golfo de Fonseca en Honduras, junto con el Comité para la Defensa y Desarrollo de la Flora y Fauna del Golfo de Fonseca (CODDEFFAGOLF), y la cofinanciación de Cooperación Galega de la Xunta de Galicia  para desarrollo principal y Agencia Española de Cooperación Internacional para el Desarrollo para divulgación y formación, se ha creado y se está impulsando la aplicación SIROS (que viene del mismo vocablo lenca que significa “pájaro”). Se trata de una aplicación móvil (disponible de momento solo para Android) desarrollada conjuntamente por Emapic y Sixtema en colaboración con CODDEFFAGOLF y ESF para facilitar la identificación colaborativa de lugares naturales de especial interés y de vulnerabilidades ambientales, en principio solamente para Honduras. Mediante dos mapas independientes los usuarios pueden aportar diversa información sobre dichos lugares naturales y vulnerabilidades, incluyendo fotos y vídeos, con el fin de darles visibilidad y concienciar a la población sobre la importancia de preservar nuestro entorno ambiental. Esto se puede hacer de forma anónima. Si además el usuario tiene una cuenta de Emapic, éste puede comentar o valorar las aportaciones realizadas por otros usuarios, con el fin de que se puedan obtener apoyos acerca de la veracidad de la información indicada.

Se trata de una herramienta basada en software libre, de la que se ha venido dando formación a personas de distintas entidades del Golfo de Fonseca en los últimos meses (entidades ambientalistas, e incluso la policía y la fiscalía que investigan delitos ambientales), y que ya está disponible en play store gratuitamente.

Presentación a fiscalía y policía

Recomendacións audiovisuais para empezar o ano

Aquí van unhas cantas recomendacións de recursos audiovisuais sobre distintos temas nos que ESF traballamos:

AUGA

CONSUMO

XÉNERO

  • Tódalas mulleres que coñezo, de Xiana do Texeiro (estivo a estrenarse durante 2018 en salas pequenas).

 

 

Boletín Oficial ESFeiro: xaneiro 2019

CONTIDOS

  • Vida Asociativa
  • Honduras
  • Enlaces de interese
  • Publicacións en físico
  • E no próximo mes …
  • A ESFrase do mes

VIDA ASOCIATIVA

No mes de decembro houbo movemento, sobre todo de pensarse e reflexionar sobre ESF, e de celebrar. Estamos en pleno proceso de repensamento da asociación, para o que quixemos involucrar a todas as persoas da base social, xa fora a encontros presenciais ou a contestar unha enquisa vía correo-e. Tamén, o día 28 pola mañá, celebrouse unha charla aberta para compartir experiencias dos PCR de Honduras 2018 e de anos anteriores.  Seguimos a facernos eco do que está a ocorrer en Nicaragua, con noticias transmitidas polos nosos contactos aló, que mantemos dende que traballamos no país entre 2006 e 2010. Lembrámonos das persoas voluntarias, verdadeiro motor de organizacións como ESF, nas que ademais se quere que sexan axentes para cambiar a sociedade e acadar un mundo no que cada vez pague máis a pena vivir. Deixamos un par de crónicas moi especiais, a da visita da delegación de Honduras a finais de novembro, e outra con motivo do peche do ano no que celebramos o XXV aniversario de ESF. Ademais, tivemos tempo de desexar un feliz 2019 e por unha tecnoloxía con corazón.


 

HONDURAS

    En El Triunfo, un dos concellos onde traballamos en #Honduras no dereito á auga e fortalecemento institucional da administración local, pronunciáronse contra a minaría mediante un referéndum autoorganizado pola poboación. Tamén quixemos difundir o traballo de CODDEFFAGOLF, organización aliada de ESF, na protección das 10 áreas protexidas do Golfo de Fonseca hondureño. Entretanto, foi mes de moito traballo, pechando proxectos nos dous programas que temos no país.

  • No programa de soberanía alimentaria, con socio principal CODDEFFAGOLF, remataba o convenio 2015-2018 con AECID que desenvolvimos nunha pequena parte, en colaboración con VSF Justicia Alimentaria Global y Amigos de la Tierra, de Fortalecimiento de las capacidades de los y las campesinas organizadas para establecer un sistema de desarrollo rural justo, equitativo y sostenible que garantice el Derecho a la Alimentación en Honduras. Tamén rematou o financiado pola Xunta de Galicia en 2017-2018, o Proxecto de fortalecemento das capacidades de INCIDENCIA POLÍTICA E XERACIÓN DE ALTERNATIVAS PRODUTIVAS SUSTENTABLES de organizacións da sociedade civil vinculadas ao sector pesqueiro e agrícola de pequena escala en 7 municipios costeiros da Rexión 13 – Golfo de Fonseca, Honduras, con enfoque de soberanía alimentaria e defensa do territorio. Hai outros dous proxectos en execución e outro dous en proceso de formulación (en deseño para presentar a financiadores, que serán AECID e Xunta de Galicia). Aquí se pode saber máis destes diferentes proxectos.
  • No programa de promoción do dereito humano á auga, con socios Mancomunidade NASMAR e Asociación Hondureña de Juntas de Agua y Saneamiento, temos en marcha dous proxectos, que rematarán durante este 2019. Para saber máis sobre eles podes pinchar aquí.

ENLACES DE INTERESE

Auga

Comunicación para o (como) desenvolvemento

Consumo responsable

Cooperación e ONGD

Educación para o desenvolvemento

Iniciativas

Voluntariado e Persoas


PUBLICACIÓNS EN FÍSICO

(se che interesan, están no local de A Coruña ou fácilmente accesibles, e as persoas da base social de ESF poden solicitalas para préstamo).

Aquí podes ver moitas das publicacións que temos disponibles para préstamo á base social xa catalogadas e, se che interesan estes temas, tamén podes consultar o catálogo da biblioteca da Coordinadora Galega de ONGD, con moitos fondos que ceden para préstamo.

Este mes:

  • Conciencia del subdesarrollo. José Luis Sampedro. Xa un clásico do tema, xa que é un libro a piques de cumprir os 50 anos.

E NO PRÓXIMO MES …

Para máis info sobre cursos e eventos en Galicia consulta a Axenda Solidaria e as formacións da Coordinadora Galega de ONGD, ou segue as nosas redes sociais FacebookTwitter.


A ESF-RASE DO MES

Hai que manipular menos e acariciar máis á natureza. O esencial é que a técnica de acariciar non pode basearse senón na mesma teoría que posibilita a técnica do violar e destruír.

Enxeñería Sen Fronteiras. 25 anos pensando a tecnoloxía para o ben común dende Galicia

Remata este 2018, no que Enxeñería Sen Fronteiras Galicia celebrou os seus 25 anos. Foi unha das moitas ONG nadas na década dos 90, ao abeiro dos movementos a favor de destinar o 0,7% do PIB á cooperación internacional para o desenvolvemento, dentro dun movemento de solidariedade global cos pobos de países empobrecidos. En España e Galicia empezaran a xurdir con forza organizacións deste tipo xa nos 80, con toda a vaga de apoio ao movemento sandinista en Nicaragua.

Tamén foi unha das moitas organizacións que asociaban o nome dunha profesión ao apelido Sen Fronteiras e, como moitas delas, foi en Francia onde tivo o seu inicio. O programa Erasmus, ao que hai que agradecer moito a conectividade de movementos e cultura entre países europeos, tamén tivo a culpa de que se importara a España a idea (e o nome), creando asociacións en paralelo en diversas escolas de enxeñería (falamos de 1992), ás que se sumou Galicia (xa en 1993, na Escola de Enxeñería de Telecomunicación de Vigo). En 1995 as diversas asociacións de Ingeniería Sin Fronteras espalladas polo país se constituíron en Federación. Hoxe, con moitas novas entradas e tamén algunha que outra saída, á Federación Española de Ingeniería Sin Fronteras fórmana 13 asociacións, en diversas comunidades autónomas.

Dende o principio, a organización, que se chamaba Enxeñeiros Sen Fronteiras (ESF), tivo clara a súa especialización. Sería no eido da enxeñería, coa misión de poñela ao servizo do desenvolvemento das persoas e os pobos, entendido como ampliación de capacidades e empoderamento das mesmas para ser protagonistas do seu desenvolvemento. Pero non se tardou en empezar a falar da Tecnoloxía para o Desenvolvemento Humano. Ampliábase polo tanto o ámbito ao tecnolóxico.

Ao cabo dun tempo, mudouse o nome a Enxeñería Sen Fronteiras que, ademais de usar un xenérico moito máis inclusivo, trataba de sacar o foco das profesionais para poñelo no concepto. Enxeñería vén de enxeño, enxeño para solucionar problemas, en todo o mundo, facilitando que sexan as persoas quen en última instancia loiten polos seus dereitos; para isto fai falta persoas de perfís moito máis diversos que simplemente enxeñeiras. Este matiz é sutil, e seguen a chamarnos “Enxeñeiros Sen Fronteiras”en moitas ocasións, aínda que nós non nos cansamos de explicar por que non somos “enxeñeiros”, por moito que saibamos que o nome atrae moito máis a enxeñeiras que a outros  perfís. Polo menos, ese aspecto que ten que ver coa promoción do pensamento crítico, con valores de solidariedade e a procura do ben común (chamémoslle “aspecto humanista”, se se quere), que era raro atopar nos contidos da educación formal nas escolas de enxeñería, podíase adquirir se se participaba na asociación, que tivo nestes anos sedes nas sete grandes cidades galegas. Agora mesmo hai en A Coruña, Vigo, Lugo, Santiago de Compostela e Salceda de Caselas, aínda que hai xente actuando por toda Galicia (e tamén fora dela) e as sedes cada vez están deixando de ter tanto peso na organización. Cousas desta sociedade líquida, que diría Bauman…

Anos 90

Qué é desenvolvemento?

Os noventa foron anos no que tanto o concepto de Desenvolvemento como o de Tecnoloxía estaban a sufrir moitos cambios. Desenvolvemento era crecemento do PIB? Era ter comida, auga, sanidade e educación básica? Era cidadanía mobilizada que loitara polos seus dereitos e contra os abusos (xa fora de estados máis ou menos totalitarios, de multinacionais expoliadoras ou de caciques locais)? Falabamos de desenvolvemento como cidadanía global, aseguramento de DDHH, emancipación? E tecnoloxía era só tuberías, pozos, infraestruturas, ou tamén metodoloxías participativas e gobernanza? Podía buscarse un mundo xusto empregando a tecnoloxía sen ter en conta elementos como participación e transparencia na gobernanza dos recursos?

 

ESF buscou a súa propia definición de desenvolvemento, e comezou a aplicala dende si mesma.

Eran moitas preguntas, que ían abordándose sobre a marcha, tratando de traballar en rede con outras organizacións, sempre dende o voluntariado e o activismo. As persoas da base social decidiron ser as protagonistas para decidir o rumbo da asociación e as accións a realizar, e realizalas. A asociación creouse como un ágora, un lugar de debate e de compartir coñecementos e liñas vermellas persoais no eido dos dereitos humanos, unha escola de acción colectiva. A condición era a horizontalidade, de xeito que todo o mundo podía propoñer ideas de accións ou de causas polas que mobilizarse, buscando o apoio doutras persoas da asociación para levalas a cabo, e decidilas en conxunto.

 

O que ESF decidiu ser é o que ESF é hoxe en día.

Este xeito de traballar non cambiou moito nestes 25 anos, porque un dos valores que están no ADN da asociación é a coherencia. E non se pode falar de promover o empoderamento das persoas e organizacións da sociedade civil a nivel global se non empezamos por nós.

 

Anos 2000

A tentación do capital.

A partir de finais dos noventa e primeiros anos do novo milenio, aparecen no sector da cooperación para o desenvolvemento, da man das políticas públicas de cooperación que se ían consolidando en Galicia e España e derivados dos grandes acordos dos países da OCDE, conceptos como eficiencia nas accións, traballo por resultados (medibles e cuantificables) ou rendición de contas. Tratábase de conceptos moi loables, pero demasiado imbuídos da lóxica curtoplacista e monetarista que ía impregnando máis e máis toda política pública.

Moitas organizacións vímonos inmersas no debate entre aproveitar os cada vez maiores fondos (non só de subvencións públicas, tamén de fundacións privadas ou empresas que querían visibilizar a súa acción social), ou manter un perfil máis de “activismo de baixo custo”, sen tantas ataduras burocráticas.

O dilema da profesionalización.

Algunhas creceron moito e abriuse unha fenda entre o protagonismo da base social respecto ás persoas liberadas que eran necesarias para manter o nivel de consecución de fondos, nunha lóxica de burocracia en nome dunha rendición de contas a quen da os fondos (sociedade a través de impostos  no caso de subvencións públicas, ou financiadores privados, accionistas ou socias no caso dos fondos privados).

Gran parte das actividades deste tipo de organizacións tiñan e teñen unha calidade e un impacto  inalcanzable sen eses fondos, a costa de restar protagonismo á base social. Probablemente, para un tema tan complexo como acadar un mundo xusto, sustentable e onde ninguén quede fóra, sexan necesarios moitos  niveis de traballo e tipos de organizacións.

ESF Galicia optou por seguir co perfil de base social protagónica e accións non moi ambiciosas, nin a nivel mediático, nin de eficiencia curtopracista. Aínda cando en 2007 decidiuse contratar á primeira persoa liberada da asociación o debate foi antolóxico. En 2008 eran 3 as persoas liberadas, e dende hai 3 anos son 4 (2 en Galicia e 2 en Honduras). Esta plantilla mantívose mesmo nos anos da crise, cando moitas das ONG que apostaran por atraer fondos e así poder abordar accións de maior calado o pasaron mal, dado que a política de solidariedade con outros pobos foi das que máis sufriu os recortes, e aínda hoxe non se recobrou.

 

ESF hoxe.

Ese construír dende a base social cristaliza nun dos sinais de identidade de ESF Galicia: encántanos debater. Por iso, as ideas cócense lentamente, tratando de que participe toda a xente posible da base social.

 

ESF como espazo de pensar crítico.

O pensamento crítico cun transfondo de valores de altruísmo e xustiza social é o tamiz por onde soen pasar estes debates. Aínda así, non fomos alleas a períodos onde a realización de actividades máis cara ao externo  convertíase nunha carga moi condicionada polos prazos asociados ás subvencións públicas que servían para financiar esas actividades. Unha pescada que morde a cola, e que pode crear frustración nunha base social que, como a nosa, adica o seu tempo libre a sensibilizar sobre problemas globais e tratar de construír alternativas dende o noso entorno. Ese equilibrio dinámico entre as dúas tendencias é agora mesmo o hábitat natural da asociación.

ESF como espazo vencellado á universidade.

Ao estar tan vencellada á universidade e ao estudantado, ESF Galicia sentiu moito a nova vaga de emigración, cunha enorme mobilidade das persoas da base social que, en moitos casos, seguiron colaborando coa asociación na distancia a pesar da dificultade de tecer redes deste xeito (e grazas ás novas tecnoloxías).

 

A crise das formas tradicionais

Síntese, xa coa entrada do novo milenio, un xeito de activismo máis “de acción”que “de logo” ou “de peto”. O desapego cara as institucións tradicionais tamén alcanzou ás ONG. As persoas seguen a querer mudar o mundo, pero en base a accións concretas e non tanto baixo paraugas de tal ou cal organización. Teñen que ver moi claro o que de bo aporta unha estrutura á hora de acadar obxectivos (aínda que non sexan moi ambiciosos), xa non se leva tanto o de asociarse polo mero feito de traballar en grupo ou “compartir unhas cores”. Falouse moito de que o movemento 15M colleu ás ONG co pé cambiado. Pero moitas persoas activistas das mesmas eran as que estaban alí, co seu bagaxe de construción colectiva e traballo grupal nun espazo que, polo demais, non era desexable que se enchera de bandeiras, logos ou protagonismo dunhas organizacións e outras.

Un elemento que se foi introducindo nestes anos na nosa forma de entender a Tecnoloxía para o Desenvolvemento Humano foi, case seguro, dado polo xeito tradicional galego de entender as relacións e a tecnoloxía. O vinculo á terra e ás pequenas aldeas moi espalladas posiblemente tiveran moito que ver con este sesgo, que nós  chamamos de novas soberanías, e non deixa de ser un xeito de reapropiarse da tecnoloxía, porque se hai algo mellor que unha tecnoloxía boa para as persoas é unha tecnoloxía que as propias persoas decidiran críticamente que é boa para elas.

Por iso interésanos visibilizar como exemplos de reapropiación e empoderamento tecnolóxicos dende os movementos maker e de software libre, aos grupos de consumo de proximidade, as cooperativas enerxéticas ou as xuntas veciñais de auga potable. Todo iso sen descoidar a presión ás administracións públicas para que garantan os dereitos humanos de acceso aos servizos básicos e ás institucións educativas para que leven a educación para a paz e o desenvolvemento ás aulas, e tamén a sensibilización á sociedade civil nun chamamento á responsabilidade individual para buscar un mundo mellor dende o día a día.

Conclusións

Para isto, hai que chamar a atención sobre a evolución que se deu nestes 25 anos na axenda global sobre o desenvolvemento, pasando de declaracións institucionais a, no 2000, consensuar unha axenda de Obxectivos do Milenio. Esta axenda estaba moi enfocada aos países empobrecidos, e tiña unha compoñente máis asistencial que política (indo máis a solucionar síntomas que causas  dos problemas no mundo). En 2015 aprobouse a Axenda 2030 de Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable, que obriga a todos os países, e abre un pouco máis (só un pouco, e aínda con moitas ambigüidades) a perspectiva a traballar causas máis profundas a nivel global. Será todo un desafío integrar o enfoque de tecnoloxía para o ben común nesta axenda, e implicar a organizacións, institucións públicas e sociedade civil para acadala. Polo pronto, en Enxeñería Sen Fronteiras rematamos este ano de aniversario repensándonos ante estes novos escenarios, vendo como Enxeñería Sen Fronteiras Galicia pode ser útil á súa base social para canalizar ese desexo de construír un mundo xusto e solidario, pero un sen afán de supervivencia “per se”. Se a asociación é útil seguirá pervivindo, con cambios máis ou menos sustanciais. Se non, reinventarase tratando de facilitar novos espazos de activismo. De tanto traballar polo dereito humano á auga debéusenos pegar o de BE WATER MY FRIEND…

 

Boletín Oficial ESFeiro: decembro 2018

CONTIDOS


VIDA ASOCIATIVA

En novembro tivemos bastante actividade na vida esfeira, agardamos seguir así moito tempo! Especialmente, a finais do mes, recibimos a agardada visita de seis alcaldes e unha alcaldesa da Mancomunidade NASMAR de Honduras, coa que levamos 5 anos traballando, e que tiveramos que aprazar polas inundacións de outubro. A misión encádrase no proxecto de fortalecemento das capacidades destes municipios para a xestión da auga e complementouse o 28 de novembro cun foro aberto de intercambio de experiencias neste eido. O programa no que se enmarca ñe cofinanciado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e Cooperación Galega da Xunta de Galicia. A axenda da semana foi intensa, e dende aquí queremos agradecer a todas as persoas e organizacións que fixeron posible esta visita.
Pero antes da visita de toda a delegación, a principios de mes xa chegou a avanzadilla. Estiveron por aquí unhas semanas de xira Wendy,directora técnica da Mancomunidad de Municipios del Sur de Honduras (NASMAR), organización socia de ESF en Honduras, e Gina Bonilla, alcaldesa de El Triunfo, onde tivemos a maior parte de actuacións no programa de Dereito Humano á Auga últimamente. Aproveitando a súa visita en Galicia, tivemos un faladoiro con Wendyna  Facultade de Xeografia e Historia da Universidade de Santiago de Compostela sobre “El papel de la administración local en el desarrollo endógeno en Centroamérica”, centrándonos na súa experiencia coa NASMAR. A avanzadilla da delegación da Mancomunidade NASMAR Honduras tamén puido coñecer, entre outras, a planta de Nostián ou a experiencia do saneamento por humidais na Facultade de Ciencias, Universidade da Coruña,grazas á Oficina de Medio Ambiente UDC, e o 15 de novembro na visita guiada ao Módulo Bioclimático A Vieira no CIFP Someso.
Tamén demos a benvida a Rocío e Francisco, que cursarán o Master de Eficiencia Enerxética na UDC grazas ao programa de fortalecemento de capacidades técnicas na Mancomunidade NASMAR Honduras,que desenvolvemos co grupo AQUATERRA da Universidade da Coruña e Cooperación Galega da Xunta de Galicia.A finde do 18 de novembro tivemos a Xuntaza da base social de ESF, foi unha fin de semana especial porque estamos repensándonos e tamén nos serviu para seguir aprendendo a coidarnos. Por iso tamén eliximos un lugar especial, a casa da cultura do Ézaro. O 20 de novembro ESF participou nas Xornadas “A Cooperación Universitaria ao Desenvolvemento ante a Axenda 2030” na UVIGO. En concreto, participamos na mesa redonda “O papel das ONGD na estratexia da CUD”.  Desfrutamos da exposición TecedorasDoCambio no pazo provincial da Deputación Pontevedra, onde ESF colaborou con dúas fotos. Na exposición tamén se puido coñecer de primeira man as voces dalgunhas das Mulleres tecedoras do cambio.

Lembrámonos do día de saneamento e, para rematar o mes, chegou outro ano o BlackFriday, pero dende ESF pensamos que o mellor aforro sempre é pasar do hiperconsumismo, fomentando a compra responsable e tratando de reparar se é posible. Xa imos cara o Nadal, pensa o que necesitas, infórmate de como se produce e o impacto que ten o que compramos…e sempre quedaranos a segunda man!

HONDURAS

   
    Con todas as participantes no Programa de Coñecemento da Realidade xa de volta a España, en Honduras estivémonos en novembro a centrar no peche das actividades do ano dos proxectos en marcha tanto do programa de Dereito á Auga como no de Soberanía Alimentaria


ENLACES DE INTERESE

Auga

Comunicación para o (como) desenvolvemento

Consumo responsable

Cooperación e ONGD

Educación para o desenvolvemento

Iniciativas

Tecnoloxía para o desenvolvemento humano


PUBLICACIÓNS EN FÍSICO

(se che interesan, están no local de A Coruña ou fácilmente accesibles, e as persoas da base social de ESF poden solicitalas para préstamo).

Aquí podes ver moitas das publicacións que temos disponibles para préstamo á base social xa catalogadas e, se che interesan estes temas, tamén podes consultar o catálogo da biblioteca da Coordinadora Galega de ONGD, con moitos fondos que ceden para préstamo.

Este mes:

  • Miguel Brieva. Dinero

E NO PRÓXIMO MES …

Para máis info sobre cursos e eventos en Galicia consulta a Axenda Solidaria e as formacións da Coordinadora Galega de ONGD, ou segue as nosas redes sociais FacebookTwitter.


A ESF-RASE DO MES

    Hoxe, a Internete non é outra cousa que unha caixa de resonancia do eu illado.