Neste novo programa de ESFRadio temos connosco a Alberto Molares, que é químico de formación, pero que leva o activismo no sangue. Moeda social con experiencias como A Sabia Moeda Social, soberanía alimentaria e recuperación da sabedoría rural dende a Fundación Galicia Verde (xusto esta finde foi a súa duodécima Feira de Sementes e Plantóns Tradicionais) e dende hai un tempo tamén en Enxeñería Sen Fronteiras, onde forma parte da nosa Xunta Directiva dende hai unhas semanas. Unha cousa que lle quita o sono é toda a tan traída e levada transición enerxética. Con el, falamos sobre a importancia de abordala de xeito participativo, consensuado, urxente e democrático.
Tamén falamos sobre a conexión indisoluble entre o sistema enerxético e o socioeconómico polo que seguramente toque, dende xa, buscar un novo pacto social que nos permita reducir o consumo desmedido de enerxía (e doutros recursos) se queremos manter a vida no noso planeta.
AQUÍ vos deixamos o programa, e aquí tamén queda unha presentación ben completiña sobre o tema, con datos moi clarificadores.
Entrevista: Sergio Fernández Produce: Jorge Lama
https://galicia.isf.es/wp-content/uploads/2025/05/ESFRAdio_2025-05-26_16-57-26-e1748292675405.jpg1280995Enxeñeria Sen Fronteirashttps://galicia.isf.es/wp-content/uploads/2017/07/Una_linea_Naranja_Blanco-300x92.pngEnxeñeria Sen Fronteiras2025-05-26 21:00:442025-05-27 07:29:02ESFRadio. Por que (e como) facer a transición enerxética?
No mes de maio tivo lugar unha visita técnica a Mozambique na que se traballou coa Administración Rexional de Augas do Sur (ARA Sul) de Mozambique nas súas oficinas de Maputo.
O traballo estivo relacionado coas inundacións pero, nesta ocasión, focalizouse principalmente na planificación e na xestión.
Foron desenvolvidas diferentes sesións e talleres técnicos nas que se analizou a situación da ARA Sul nese ámbito das inundacións e se debateu con exemplos sobre as bondades e oportunidades de desenvolver o marco legal relacionado con ese tipo de evento hídrico extremo, que vén gañando relevancia nos últimos anos no país. O traballo foi realizado fundamentalmente coa xefa e o coordinador do departamento de recursos hídricos e tamén houbo sesións de traballo nas que se involucrou a toda o persoal do departamento.
Durante a visita, e o longo do mes, tamén se atenderon cuestións relacionadas co estudo das inundacións e o traballo continuado de monitoreo da seca e dos embalses.
A mediados de xuño terá lugar unha visita a Galicia de representantes da ARA Centro,co obxectivo de que poidan coñecer in situ o traballo que se realiza en Galicia en relacións as inundacións, aproveitando esta viaxe tamén para coordinalo.
https://galicia.isf.es/wp-content/uploads/2025/05/250526_FOTO_VISITA.jpg12001600Enxeñeria Sen Fronteirashttps://galicia.isf.es/wp-content/uploads/2017/07/Una_linea_Naranja_Blanco-300x92.pngEnxeñeria Sen Fronteiras2025-05-23 11:46:062025-05-26 20:33:43Crónica da nova visita do programa AquaMoz a Mozambique
O pasado xoves 15 de maio, Casa RIA acolleu en Santiago de Compostela a presentación de UpMeUp 2.0, o portal de emprego da economía social e solidaria, nun evento co-organizado con EspazoCoop e que reuniu a persoas e entidades referentes do cooperativismo, o mundo tecnolóxico e os movementos sociais galegos.
A mesa redonda puxo o foco nos desafíos e oportunidades que afronta a mocidade para acceder a empregos dignos e con valores, así como na capacidade da ESS para atraer e acompañar ás novas xeracións. Compartimos unhas notas de cada intervención:
EspazoCoop destacou a importancia de fortalecer o vínculo entre mocidade e economía social, apostando por programas de emprendemento xuvenil e acompañamento para facilitar a incorporación de persoas novas ao sector cooperativo.
Moira S. Coop. Galega achegou a visión dunha cooperativa xuvenil, relatando os retos e aprendizaxes da xestión colectiva, a creatividade e a innovación, e o valor da horizontalidade e o apoio mutuo.
Numax S. Coop. Galega explicou como, tras dez anos de traxectoria, afrontan o proceso de atraer e incorporar novos perfís, e as necesidades detectadas para garantir o relevo xeracional e a continuidade do proxecto.
CDR Portas Abertas puxo en valor o traballo comunitario no rural, subliñando o papel da ESS para crear emprego inclusivo e fortalecer a cohesión social en territorios con risco de despoboamento.
Na intervención de Enxeñería Sen Fronteiras Galicia, puxemos sobre a mesa unha reflexión clave que cada vez soa con máis forza entre a mocidade: queremos “máis tempo para vivir”. Apostamos por traballar para vivir, e non vivir para traballar, algo que pode chocar co pensamento de xeracións anteriores, criadas nun contexto social moi distinto ao actual. Hoxe, partimos doutras necesidades e prioridades, e é importante que todas as xeracións nos escoitemos e comprendamos.
Detectamos necesidades moi variadas, pero cun fío común: poñer os coidados no centro. Isto implica ir máis aló dunhas condicións laborais dignas (salario, estabilidade, conciliación, respecto dos dereitos laborais), que xa de por si é un reto enorme, como pode ser:
Coidar a quen nos coida: visibilizar e acoller ao persoal de limpeza, xeralmente mulleres, e ter en conta as súas condicións e necesidades dentro dos espazos de traballo.
Revisar o propio espazo laboral: está libre de tóxicos? Usamos produtos ecolóxicos? Hai luz natural e acceso a auga de calidade?
Contar cun protocolo de prevención de violencias ou acoso laboral, revisado periodicamente, e garantir que a rede de relacións sexa segura.
Fomentar a participación real na toma de decisións, con rotación de roles e canles diversas de comunicación, así como integrar o coidado físico e permitirnos estar de pé, sentadas, camiñando.
Garantir espazos de descanso e actividades de cohesión accesibles para todas, preguntándonos quen queda fóra e por que.
A xornada foi tamén unha oportunidade para presentar UpMeUp 2.0, unha ferramenta de software libre e sen ánimo de lucro que conecta a mocidade con ofertas laborais aliñadas cos valores da economía social, a sustentabilidade e a xustiza social.
Dende aquí agradecemos o convite a este espazo tan coidado, e animamos á mocidade a explorar as oportunidades que ofrece a economía social e solidaria para construír un futuro laboral máis xusto, feminista e sostible.
https://galicia.isf.es/wp-content/uploads/2025/05/foto1.jpg14402560Enxeñeria Sen Fronteirashttps://galicia.isf.es/wp-content/uploads/2017/07/Una_linea_Naranja_Blanco-300x92.pngEnxeñeria Sen Fronteiras2025-05-19 16:24:042025-05-19 16:24:09Xuventude, emprego e relevo xeracional na economía social e solidaria
Este martes 6 de maio achegámonos á Facultade de Enxeñería Informática de Ourense, e como nos renxeu o día!
Arrancamos a mañá cun faladoiro sobre electrónica ética para o alumnado de FP do ciclo medio de sistemas microinformáticos e redes do IES Cosme López Rodríguez (A Rúa). Tamén asistiron persoas da universidade e sentaba a base da seguinte actividade que comezaba a continuación: un Repair Café.
Pola mesa do Repair pasaron ratos, NintendoDS, portátiles e ordenadores de mesa. Aprendimos a cambiar pasta térmica e compartimos tips básicos sobre mantemento dos equipos.
Aproveitamos tamén a visita para colocar a exposición Coñeces o teu móbil? e a campaña Todo pasa… e todo queda?. E, para completar o día, o director da Escola fixo un tour por ela ao alumnado de FP e ás profesoras do centro.
https://galicia.isf.es/wp-content/uploads/2025/05/photo_5823329282729035544_y.jpg9611280Enxeñeria Sen Fronteirashttps://galicia.isf.es/wp-content/uploads/2017/07/Una_linea_Naranja_Blanco-300x92.pngEnxeñeria Sen Fronteiras2025-05-08 15:48:392025-05-08 15:48:45Actividades na Escola de Informática, Ourense
No programa ESF na Universidade, moitas escolas e facultades universitarias de Galicia se atoparon nos espazos comúns con tarxetas da nosa campaña “Todo pasa… e todo queda?”, para sensibilizar sobre a invisibilización e desprezo cara as mulleres por parte de pensadores prominentes da historia. Ademais, na ETSE de Compostela tivemos un par de clases, sobre que é a cooperación ao desenvolvemento e sobre xestión de eventos hídricos extremos en Mozambique. Xente de ESF impartiu sendas sesións no Mestrado en liña de IA e xornalismo de RTVE: A IA cun enfoque crítico e Fediverso e redes sociais descentralizadas.
Foron seleccionadas as persoas que participarán no Programa de Voluntariado Internacional de Coñecemento doutras Realidades. Xa empezou a súa formación, e se puideron coñecer no primeiro encontro presencial da formación.
No programa Hackers Sen Fronteiras, de tecnoloxía para o ben común en secundaria, houbo faladoiros no IES San Rosendo Mondoñedo (sobre redes sociais descentralizadas) e no IES Terra de Xallás (sobre transición enerxética xusta). Tamén tivemos un ciberencontro para coñecer a iniciativa de Xardíns Circulares no IES Valga.
Tivemos un pequeno encontro da base social da Coruña. Ademais, nas redes, participamos no encontro de Mentoring, xa que se participou en 2024 como mentores dunha persoa. Tamén estivemos na asemblea da Rede Acampa, e nun encontro con mulleres activistas de Honduras en Compostela.
No eixo de Soberanía Alimentaria, con CODDEFFAGOLF, continúan os talleres formativos para colectivos de mulleres marisqueiras de Amapala. Houbo un de elaboración de encurtidos e escabeches. Tivemos a excelente nova da concesión dunha axuda de 600.000 euros da nova convocatoria de Programas Internacionais de Cooperación, da Cooperación Galega da Xunta de Galicia. Nos vindeiros tres anos, poderemos continuar o programa de restauración do complexo de lagoas de inverno do sur de Honduras.
MOZAMBIQUE
No mes de abril continuouse traballando coas Administracións Rexionais da Auga (ARA) de Mozambique na monitoria da seca. Tamén continuou a recompilación de información e a elaboración das análises preliminares para a definición da bacía de maior interese, co obxecto de realizar un novo estudo de inundacións, que servirá tamén como base para continuar a formación dos técnicos mozambicanos. Ademais, traballouse na programación da visita a Mozambique que terá lugar a mediados de maio e que estará centrada principalmente na xestión de inundacións coa ARA Sul. No mes de abril tamén houbo unha charla na Escola Técnica Superior de Enxeñería da USC centrada na xestión dos eventos extremos en Mozambique.
Este mes traemos nada menos que… un xogo de mesa!! Chámase Nosotras, Las Brujas, e se asume o papel dunha integrante dun grupo de mulleres, para intentar salvar a unha das túas compañeiras, acusada de bruxería, que está á espera de ser xulgada e executada. Aquí unha completa reseña do xogo.
E NO PRÓXIMO MES …
Temos un novo apartado na nosa páxina web, onde se pode ver a axenda de próximos eventos ESFeiros ou que nos parecen interesantes pola temática. Ademais:
5 de maio: data límite para presentar proposta para servizos técnico de avaliación final do Proyecto de mejora de gestión pública y social para gobernanza hídrica 9 municipios Honduras. Aquí detalles da convocatoria
6 de maio. 11:30 a 16:30. Escola de Enxeñería Informática Ourense (zona do péndulo). Repair Café de computadoras
6 de maio. 20h. Coorganizamos con Amigas da Terra ciberfaladoiro en liña sobre Redes Sociais Libres. Apuntarse en activistas@amigasdaterra.net
24 de maio. 16h. Repair Café no Casino de Carballo
25 de maio. Feira de sementes e plantóns tradicionais. Leboso (Forcarei), na Fundación Galicia Verde. Tamén teremos un espazo para presentar Enxeñería Sen Fronteiras
Para máis info sobre cursos e eventos en Galicia consulta a Axenda Solidaria e as formacións da Coordinadora Galega de ONGD
https://galicia.isf.es/wp-content/uploads/2022/01/BOE_Apaisado_Web.jpg8771240Enxeñeria Sen Fronteirashttps://galicia.isf.es/wp-content/uploads/2017/07/Una_linea_Naranja_Blanco-300x92.pngEnxeñeria Sen Fronteiras2025-05-03 14:30:592025-05-03 14:31:04Boletín Oficial ESFeiro. Maio 2025
This website uses cookies to improve your experience. We'll assume you're ok with this, but you can opt-out if you wish.AcceptRead More
Privacy & Cookies Policy
Privacy Overview
This website uses cookies to improve your experience while you navigate through the website. Out of these, the cookies that are categorized as necessary are stored on your browser as they are essential for the working of basic functionalities of the website. We also use third-party cookies that help us analyze and understand how you use this website. These cookies will be stored in your browser only with your consent. You also have the option to opt-out of these cookies. But opting out of some of these cookies may affect your browsing experience.
Necessary cookies are absolutely essential for the website to function properly. This category only includes cookies that ensures basic functionalities and security features of the website. These cookies do not store any personal information.
Any cookies that may not be particularly necessary for the website to function and is used specifically to collect user personal data via analytics, ads, other embedded contents are termed as non-necessary cookies. It is mandatory to procure user consent prior to running these cookies on your website.