Enxeñería Sen Fronteiras Galicia é unha asociación. Como tal, o seu órgano máximo de toma de decisións é a Asemblea Xeral de Persoas Socias. Convócase unha asemblea ordinaria cada ano para a aprobación das contas, e outras dúas extraordinarias para outras decisións, encontro da base social e autoformación, unha en primavera e outra en outono (ás que chamamos «Xuntanzas»). Cada 2 anos se elixe unha Xunta Directiva, que toma as decisións do día a día en base á planificación estratéxica que estea vixente.

Ademais, existen distintos grupos de traballo que son o verdadeiro motor da asociación, e que se poden ver no organigrama da asociación. Están formados por persoas voluntarias que poden estar apoiadas polo persoal liberado (con contrato laboral). Actualmente (outubro 2025) a asociación conta con 8 persoas con contrato laboral: unha administradora xeral en Galicia a xornada completa (8h/día), Paola, un técnico e unha técnica de proxectos en Galicia a tempo parcial (6h/día), Sergio e Martina, unha técnica representante país-Honduras a tempo completo (Raquel), unha técnica expatriada de proxectos en Honduras a tempo completo (Sandra), unha administradora en Honduras (Rina) e unha auxiliar administrativa (Jennifer) a tempo completo, e un técnico responsable-país Mozambique a tempo completo (Víctor).

A continuación podes coñecer á Xunta Directiva e ao noso equipo técnico

A Xunta Directiva de Enxeñería Sen Fronteiras

PRESIDENCIA

Silvia Álvarez Carrera

En constante evolución e aprendizaxe, ESF é un bo sitio para formarme sobre electrónica ética e soberanía (dixital, alimentaria, enerxética…).
Gústame camiñar, falar, escoitar e coñecer outras realidades. Sempre rodeada de paisaxes verdes e xente riquiña.

VICEPRESIDENCIA

Rebeca González Diéguez


Gústanme os animais e teño moita curiosidade por aprender cousas novas. Interésame tanto o lado técnico como o artístico, e gústame explorar o punto onde se atopan.

SECRETARÍA

Víctor Echavarría Bastos (Chevi)

Son un apaixonado da medio natural. Emporiso, alén de focar a miña vida profesional ao coidado e xestión do
medio natural, tamén me acheguei á participación social. Sobre todo, a nivel parroquial, sendo un dos socios fundadores do Movemento Veciñal Bembrive en Pé, asociación criada logo de recollermos sinaturas en contra do proxecto de construción da A-52 (PXOM Vigo). Uninme Enxeñería Sen Fronteiras no 2023.

TESOURARÍA

Jorge Lama Varela

Deseñador sonoro e produtor de podcasting. Creador de contidos multimedia. Cultura libre e GNU/Linux

VOGALÍA

Alba Lestón Casais

Levo máis dunha década colaborando con Enxeñería Sen Fronteiras. Son enxeñeira de camiños e deobras públicas, con experiencia como consultora de transporte e vocación docente. No tempo libre desfruto da ilustración e a lectura, intentando deixar sempre espazo para a creatividade e a reflexión.

VOGALÍA

Alberto Molares Vila

Dr. en CC. Químicas pola UVigo. Bioinformático clínico no Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela.
Membro da Fundación Galicia Verde.
Colaboro co grupo de Ecotoxicoloxía Mariña da UVigo.
Co-impulsor da moeda social A Sabia Galega.
Membro da Asociación Galega para a Divulgación e Empoderamento en Glicoxenoses (AGADEG, inda non temos web, precisaremos axuda pra creala).
Participo na Rede Galega de Educación e Desenvolvemento Rural e en Arredor do Rural: comunidade de saberes.
Activista en transición dende o ecoloxismo cara o biocentrismo.
No canto de adicarme á contemplación, non sei parar.
E agora eiquí estou tamén.

VOGALÍA

Erie Josué Pérez Vásquez

Hondureño, Gallego, informático de profesión e en particular traballando dentro do mundo da analítica e a enxeñería.
Creo firmemente que dende a educación e a xustiza social pódese construír o mundo que cada persoa merece.
Participo como voluntario en institucións sen fins de lucro que buscan contribuír ao anterior,
porque un gran de area moitas veces representa unha montaña case infranqueable.

VOGALÍA

Daniel Lamas Novoa

Activista e militante en movementos sociais orientados a capacitarnos para transformar a sociedade nunha sociedade sen explotacións. Nos ratos libres aventureiro e explorador.


O Equipo Técnico de Enxeñería Sen Fronteiras

ADMINISTRADORA XERAL

Paola Mondaca González

Fun a primeira persoa que contrataron en ESF no ano 2007… xa choveu!!


Os rexistros, facturas, xustificacións, sedes electrónicas, control contable, xestión laboral, impostos… pasaron a ser parte da miña vida laboral, ademais do apoio a diferentes grupos que teñen cousas en marcha e facilitar o que poida a vida das miñas compañeiras contratadas. Tamén estiven dinamizando o grupo de Mulleres Tecnólogas (agora niso está Martina!) e actualmente o proxecto Mulleres Bravas.


De min podo contar que teño dous bichiños que aínda que se fan maiores para min son meus peques e tento inculcarlles a importancia de coidar, respectar e querer á nosa contorna (e tamén convidarlles a facer voluntariado, porque confirmo que é transformador).

TÉCNICO DE PROXECTOS EN GALICIA

Sergio Fernández Alonso

Enxeñeiro de Montes de formación, aínda que tamén me formei en facilitación de grupos, cooperación internacional, educación para o desenvolvemento e comunicación para o cambio social. Fun voluntario dende 1998 e empecei como técnico de proxectos contratado en 2008.

Trato de dar apoio aos grupos de voluntariado para desenvolver proxectos de educación/sensibilización/cooperación internacional dende Galicia, e tamén de facilitar a comunicación externa e interna da asociación. Ademais, participo na Comisión de Incidencia Política da CGONGD e na Comisión de Educación para o Desenvolvemento.

Encántanme os xogos de mesa, ler e a música, tanto escoitala como (mal)facela. Ah, e teño un blogue para desfogar.

TÉCNICA DE PROXECTOS EN GALICIA

Martina Páramos Rial

Voluntaria dende finais do 2021, comecei de técnica ao voltar de Honduras do Programa de Coñecemento doutras Realidades (PCR) en 2024. Estou a piques de rematar o grao de Enxeñería de Telecomunicacións, tan só me falta o TFG, que o fago sobre unha aplicación cartográfica de denuncias medioambientais no territorio hondureños, a cal naceu dun proxecto de ESF cunha das copartes do outro lado do charco.

Trato de fomentar actividades nos grupos de voluntariado e de xestionar proxectos de educación e sensibilización en Galicia.

Encántame a música tradicional galega, tocala e bailala, e tamén coñecer distintas culturas a través das súas músicas e bailes.

REPRESENTANTE PAÍS-HONDURAS

Raquel Zolle Fernández

Enxeñeira de Montes, que traballou durante 9 anos en temas de desenvolvemento rural na montaña lucense. Foi voluntaria de ESF, formando parte hai anos da xunta directiva (foi a presi aló polo 2007-2008). Máis adiante, participou no Programa de Coñecemento da Realidade en Honduras, e posteriormente volveu ao país 6 meses nunha visita técnica de apoio a unha das asociacións hondureñas coas que traballamos.

Xa en 2016 empezou como persoa contratada no posto de representante país Honduras. Agora xa case ten a dupla nacionalidade, despois de tantos anos aló.

Podedes atopala por San Lorenzo (Honduras) entrenando un equipo de voleibol.

ADMINISTRACIÓN EN HONDURAS

Rina Guevara

Soy Licencia en Administración de Empresas, graduada en la UNAH. Desde que inicio mi vida laboral, he colaborado en el área administrativa con varias ONGD que trabajan en la zona sur de Honduras, ya que considero valioso el impacto transformador en las personas y las comunidades.

Mis pasatiempos favoritos son leer, conversar con mis amigos y familia y pasear a mis mascotas.

TÉCNICA DE PROXECTOS EN HONDURAS

Sandra Fernández de la Cruz

Enxeñeira industrial pola Universidade de Vigo, aínda que pouco despois de rematar a carreira, xa me decatei de que o sector privado da industria non era cousa miña e que quería aproveitar esos coñecementos para seguir un camiño diferente do “establecido” . Por iso mesmo, decidín facer un Posgrado de Experta en Auga e Saneamento para a Cooperación Internacional. Estou en ESF dende 2023 apoiando en Honduras nos proxectos do país.

Encántame viaxar e a natureza, acostumo combinar estas duas cousas con actividades deportivas. As miñas fieis compañeiras a todas as miñas viaxes son as miñas botas de montaña e a miña mochila de trekking azul. Para despexar a mente o que máis aprecio é falar ca miña xente e de vez en cando, uns bailes ata deshoras tamén caen.

COORDINADOR DE CONVENIO MOZAMBIQUE

Víctor Penas López

Son Enxeñeiro de Montes especializado en cooperación internacional e recursos hídricos.

Con experiencia de traballo en Latinoamérica e África, dende 2013 coordino o programa de cooperación de Augas de Galicia coas administracións rexionais da auga de Mozambique, no que dende 2022 se integrou Enxeñería Sen Fronteiras.