Traballamos cun enfoque de tecnoloxía para o desenvolvemento humano, que ten que ver co feito de que a tecnoloxía nunca se trata dun feito neutral, senón que se ten que traballar nun marco cultural, socioeconómico e ambiental determinado en cada circunstancia, e cunha intencionalidade de xustiza social e cidadanía global transformadora (para alcanzar ese desenvolvemento humano). Centrámonos nos servizos básicos que serven para asegurar dereitos humanos, especialmente nos que son máis influidos polo uso da tecnoloxía. Podemos distinguir, xa que logo, 6 grandes temas de traballo en ESF Galicia:
- Reflexión sobre o concepto de Tecnoloxía para o Desenvolvemento Humano, tecnoloxía para a emancipación e o ben común.
- Promoción do Dereito Humano á Auga
- Promoción do Dereito á Alimentación con enfoque de soberanía alimentaria
- Promoción do Dereito á Enerxía con enfoque de soberanía enerxética
- Promoción do Dereito á Información e Comunicacións con enfoque de soberanía dixital
- Visibilización doutras realidades globais e como se interelacionan coa do noso entorno
O xeito de abordar estas temáticas varía, pero soemos empregar unha o varias destas ferramentas, sempre interrelacionadas:
INVESTIGACIÓN PARA O DESENVOLVEMENTO : estudo, análise e desenvolvemento dos coñecementos, actitudes e procedementos, desde unha dimensión da cidadanía global, co obxectivo de definir e promover un desenvolvemento humano sustentable.
EDUCACIÓN PARA O DESENVOLVEMENTO (EpD): proceso educativo constante que favorece a comprensión sobre interrelacións económicas, políticas, sociais e culturais dende o local ao global e viceversa, que promove unha conciencia crítica, así como valores e actitudes relacionados coa solidariedade e a xustiza social e busca vías de acción para alcanzar un desenvolvemento humano e sustentable. Parte dunha análise en profundidade, que cuestiona o modelo de desenvolvemento e promove accións para o cambio a nivel individual, local e global a medio e longo prazo.
SENSIBILIZACIÓN: proceso divulgativo e informativo levado a cabo mediante accións puntuais, mediante o cal se pretende facer ver unha realidade e denunciar situacións de inxustiza, educando a través da profundización sobre un tema concreto, tratando de espertar unha visión crítica no público xeral ou definido, utilizando para iso calquera modo de difusión e esperando unha concienciación permanente.
INCIDENCIA: conxunto de accións encamiñadas a influír naqueles que, desde o ámbito público como privado, toman decisións, elaboran leis, regulacións e distribúen recursos que afectan o benestar das persoas. Perséguese un cambio social, incluíndo unha reforma lexislativa e política. O público obxectivo estará ben definido, así como debe estar claro a quen se está tratando de influír e que política se desa cambiar (centrarse nun contexto en particular).
ACCIÓNS (PROGRAMAS) DE COOPERACIÓN INTERNACIONAL: que adoitan contar con todos ou algúns dos compoñentes anteriores e, ademais, poden desenvolver proxectos de construción de infraestruturas ou apoio a familias (esencialmente en as zonas rurais), sempre en colaboración con socios locais dos países de traballo (organizacións do país que coñecen mellor a realidade da zona e están en contacto directo coa poboación participante). A particularidade é que estes proxectos máis infraestructurais teñen sempre un enfoque de tecnoloxía para o desenvolvemento, que implica un reforzo de capacidades, a participación local en todas as fases do proxecto, así como a aprendizaxe mutua, sendo o máis importante a ponte que se trata de crear entre as sociedades civís dos países de traballo en e da nosa contorna en Galicia, de facer á promoción dese “pensar globalmente”.
Para coñecer o que facemos cada ano, na sección de Publicacións podes consultar as nosas memorias anuais de actividades.
Leave a Reply
Want to join the discussion?Feel free to contribute!