Antecedentes

O obxectivo de Enxeñería Sen Fronteiras como asociación é contribuír á construción colectiva dunha sociedade mundial xusta, crítica e solidaria mediante a cooperación para o desenvolvemento e o uso da tecnoloxía e a enxeñería ao servizo do desenvolvemento humano e o ben común.


Dende o ano 2019 empezamos de xeito sistemático co programa Mulleres Bravas, de visitas de persoas activistas hondureñas (sobre todo mulleres), a Galicia, poñéndoas en contacto con activistas galegas. Era a posibilidade de crear redes entre activistas que se entenden, porque as súas loitas son similares aínda que os efectos nun e outro país sexan diferentes (e iso tamén queríamos que quedase claro).


Deste xeito, o activismo galego tamén era un dos nosos públicos obxectivos, para que ampliaran a súa visión cara ao global e as loitas semellantes que se dan noutros países con condicións institucionais e de vulnerabilidade social peores.


Nese contacto con iniciativas galegas e, dado que tamén varias persoas da base social de ESF se implicaran nestas iniciativas nas súas zonas de traballo ou de orixe, empezaron a xurdir peticións a ESF sobre apoios para elaboración de informes, estudos ou asesoramentos nas partes máis técnicas que puideran reforzar á hora de facer alegacións, ou simplemente para apoiar con datos técnicos e científicos as campañas de denuncia contra a nova onda de hiper-extractivismo que nos está a azoutar tamén en Galicia.

Xustificación

Moitos proxectos extractivistas en realidade dan as costas aos territorios (que se converten en territorios de sacrificio, importando só a extracción dos seus recursos, materiais ou enerxéticos) e a moitas das persoas que habitan nel. Non se conta con elas, porque son un obstáculo para que as grandes empresas que soen estar detrás (coa connivencia de políticos) gañen cartos, cunha falsa mensaxe de que esa riqueza tamén o será para quen habita eses territorios.

As plataformas veciñais que se organizan nos distintos puntos de Galicia soen ter en común que son impulsadas por unhas poucas persoas que son o motor, e van arrastrando ao resto da veciñanza, facendo faladoiros e campañas de sensibilización. Con esas campañas tratan de amosar o impacto que pode ter no entorno as infraestruturas que se están a planear sen ter en conta ás persoas que se verán afectadas.


Estas persoas activistas impulsoras das plataformas teñen moito desgaste, polo esforzo de mobilizar unha poboación que hai tempo que foi perdendo o sentido de comunidade, e tamén pola propia oposición que moitas veces xurde nas comunidades (en ocasións axitada polas empresas con falsos datos e ofertas irreais, ou moi reais, para comprar vontades). Se algo aprendemos nos encontros de activistas Galicia-Honduras foi que a estratexia que empregan estas empresas é moi similar en todos os sitios (salvando as distancias no que toca aos procesos de información pública, adecuación á lexislación ambiental e impunidade de accións delitivas como amenazas e mesmo atentados contra a vida das defensoras).

Deste xeito, a posibilidade de levantar información técnica que precise de máis elaboración ou coñecementos aplicados se reduce, porque o tempo para o activismo hai que adicalo á mobilización e a o máis urxente (alegacións e loitas burocráticas que afogan no tempo ao activismo, nun sistema onde prima a violencia administrativa contra a parte máis débil, ao revés do que se supón que tería que ser a administración pública, “ao servizo da cidadanía”).

No ecosistema do activismo galego, hai organizacións con traxectoria e implantación que ofrecen apoio ás plataformas. Soen ser apoios de tipo xurídico para alegacións (é o caso de ADEGA, Ecoloxistas en Acción ou o Sindicato Labrego Galego), ou crowfunding para buscar cartos e poder financiar outros estudos (como o que fixo ADEGA ou plataformas xa máis organizadas ou grandes como Ulloa Viva), ou mesmo algúns asesoramentos de persoas que estiveron en plataformas ou noutras loitas similares (ás veces a través de plataformas como Contraminacción e outras organizacións con moita traxectoria como Petón do Lobo).


Incluso dende o eido académico máis técnico hai casos (poucos, porque máis ben soen estar pagados polas empresas, que contratan “expertos” para facer academic washing), como o Observatorio Eólico de Galicia, onde asesoran dende un punto de vista máis técnico, acercándose ao terreo.

Pero en xeral, a capacidade de asesoramento no eido técnico é baixa, por falta de medios monetarios
e/ou de contactos de persoal con coñecementos técnicos que se presten a colaborar.

Os contactos cos que conta Enxeñería Sen Fronteiras tanto no eido académico como noutros sectores profesionais, a nosa filosofía de poñer a ciencia e a tecnoloxía ao servizo do ben común e a emancipación cun senso ecosocial, o traballo de apoio e fortalecemento a organizacións de base veciñal noutros países (neste caso, sempre a través de asociacións locais dese país), ademais da demanda que recibimos xa nalgúns casos destas plataformas en Galicia fixo que, a finais de 2023, a Asemblea Xeral de Enxeñería Sen Fronteiras Galicia votase a prol de impulsar un programa de traballo de asesoramento técnico para movementos de defensa da terra e o territorio en Galicia.

Que ofrecemos?

Contando cos limitantes de que os recursos son escasos, moitas das persoas son voluntarias (aínda que estamos tamén traballando nun directorio de profesionais e empresas dispostas a traballar con movementos e plataformas de defensa da terra, que ás veces non é doado atopalas…), e non sempre contamos con contactos en todas as ramas técnicas dispoñibles nun momento determinado, estamos ofrecendo:

  • Formacións in situ nas parroquias ou territorio onde desenvolva a actividade a plataforma ou movemento. Estas formacións poden ser dende temas de afectacións de auga, biodiversidade, cartografía participativa de afectacións e mesmo outros temas afíns como facilitación de grupos e resolución de conflictos, ou comunicación de guerrilla (para elaborar campañas máis impactantes). Tamén podemos ver outras necesidades formativas que se propoñan (normalmente asociadas a temas de enxeñería ou estudos territoriais, pero se pode analizar cada caso).
  • Apoio na elaboración de informes, mapas, visores cartográficos e outros materiais de diversa natureza. O apoio pode ser voluntario ou pode facerse canalizando a proposta a persoas profesionais que cobrarían polo seu traballo honorarios a negociar coa plataforma ou movemento interesada.

Que fixemos xa?

  • Obradoiros de Comunicación de Guerrilla organizados xunto con Amigas da Terra Galicia e AGARESO, con plataformas como Amil Sen Eólicos ou Ulloa Viva
  • Apoio en creación de cartografía para faixas de drenaxe no monte de Froxán
  • Visor cartográfico de parcelas afectadas pola Mina Touro-O Pino para a plataforma que se opón á reapertura da mina
  • Visor de mapas de afectación da ampliación da autovía A52 para plataformas como Bembrive en pé.
  • Contactos con persoal técnico de diversas especialidades para distintas organizacións ou movementos (auga, contaminación acústica…)

Que nos gustaría?

  • Contar con fondos para apoiar estudos ás plataformas que non poidan pagalos
  • Contar cun amplo directorio de colaboradoras especialistas en distintos eidos técnicos para logo, dependendo do alcance da demanda que veña das plataformas/movementos e as súas posibilidades económicas, estudar o xeito de cubrilas
  • Que se es experta nun tema técnico que penses que podes apoiar, nos avises e te integraremos ao directorio
  • Que se formas parte dunha plataforma/movemento de defensa da terra e o territorio e tendes algunha demanda de apoio técnico, nolo digas. Faremos o posible para atendela. CONTACTO