Posts

Día da Loita Labrega

Hoxe, 17 de abril, celébrase o Día da Loita Labrega, conmemorando aquel 17 de abril de 1996, no que foron asesinadas en El Dorado dos Carajás, Estado de Pará, 19 labregas do Movemento Sen Terra de Brasil.

Un dos eidos de traballo tradicionáis en Enxeñería Sen Fronteiras é o Dereito Á Alimentación. Xa hai anos que traballamos neste dereito cun enfoque concreto, o da Soberanía Alimentaria (que inclúe a defensa do territorio e un modelo de desenvolvemento endóxeno). Aquí se pode ver o que facemos en Honduras e Galicia (e con quen, xa que non o facemos soas), pero ten moito que ver co concepto de participación e goberno das persoas en elementos claves para a vida, do “reapropiamento da tecnoloxía” e de poñela ao servizo do ben común, enfoque que ESF defende nos distintos sectores nos que traballa (soberanía dixital, enerxética ou hídrica e, en xeral, unha tecnoloxía para o desenvolvemento humano, o ben común e a emancipación).

Enxeñería Sen Fronteiras quere reivindicar máis que nunca a importancia de todas esas persoas que producen o que comemos, dende o local e o pequeno, que é o xeito de poñer a vida no centro, e NON a especulación dada polo extractivismo e a acumulación na que naceu e que promove a agroindustria. É a pequena agricultura e o desenvolvemento endóxeno os xeitos de facer máis resiliente o sistema no que vivimos, para que ninguén quede atrás (nin nós nin os que virán), e queremos chamar a atención sobre este cambio de modelo aproveitando esta época onde, pola parálise causada pola enfermidade COVID-19, lle podemos ver mellor que nunca as costuras á nosa sociedade. O pequeno é fermoso. O pequeno é grande.

Por iso, nestas últimas semanas, dende Enxeñería Sen Fronteiras quixemos amosar o noso apoio a varios manifestos:

  • Na defensa da autoxestión, promovido pola Rede de Apoio Mútuo de Lugo, asinado por 30 organizacións galegas, que se fixo chegar á Consellería de Medio Rural, e pretende a regulación do traballo en hortas de autoconsumo a máis de 500 metros, e sen necesidade de contar con carnet de manipulación de fitosanitarios. Esta produción autónoma vai ser máis importante que nunca, e tal como estaba regulado non se adaptaba á realidade rururbana galega.
  • Defensa dos mercados de proximidade en Galicia para a súa reapertura, promovido polo Sindicato Labrego Galego
  • 600 organizacións todo o Estado Español presentaron unha carta aos ministerios de Sanidade e Consumo o 8 de abril, onde se solicita formalmente que se “diten as instrucións pertinentes ás comunidades autónomas e concellos para que se busquen solucións para os mercados non sedentarios de proximidade”. Neste caso participamos a través da Federación Española de Ingeniería Sin Fronteras.

Ademais, no eido do Dereito Humano á Auga, tamén houbo movemento. A auga é parte clave da soberanía alimentaria, pero ten especificidades importantes máis aló do que é a produción alimentaria labrega que hai que ter en conta, e queremos aproveitar para chamar a atención sobre elas:

Grazas a todos os labregos e labregas e todas as organizacións que as apoiades en todo o mundo, estamos convosco na loita. A terra para quen a traballa e a coida.