Posts

Crónica do IV Ciberfaladoiro no confinamento. Cineforum, “O neno que domou o vento”

Desta volta, viaxamos a Malaui, nunha liña moi de “tecnoloxía para as persoas” que nos interesaba especialmente.

As participantes na tertulia estivemos dacordo en que se trata dunha película moi ben contextualizada. Para coñecer como están no país está moi ben. O guión non nos pareceu nada do outro mundo, pero si xenera empatía coas personaxes e, aínda que artisticamente non é sobresainte, sí é un producto moi digno. Trata de transmitir esa valentía de crear algo con tecnoloxía que pode axudar nun contexto puntual de emerxencia a mellorar a calidade de vida do seu lugar, con coñecementos modernos que aprendeu e que os seus maiores non sabían (ou olvidaran, porque en moitos casos as culturas están cambiando tan rapidamente que se atopan nunha sorte de “territorio de ningures”, onde xa case se perdeu a sabedoría antiga, pero non se acaba de asimilar de todo os avances e se xenera moita dependencia tecnolóxica externa, como ocorreu en Galicia e moitos outros lugares coa “Revolución Verde”; hai grupos de investigación que traballan neste eido en Galicia como HISTAGRA).

Tamén xurdiu o tema de canto talento desaproveitado pode haber no mundo por non poder acceder a educación ou a medios medianamente decentes, e non so en países empobrecidos. O adaptar a educación á persoa, potencial e talento é unha materia pendente en case todos os sistemas educativos (na película vese como o rapaz só quería estudar as ciencias).

É unha historia de superación ante adversidades é convencional, pero ben contextualizada, que visibiliza a mezcla de cultos e relixións, idiomas, etc. Isto proporciona moita veracidade, e tamén o contexto post-atentados das torres xemelgas onde se prevén efectos a nivel mundial para o que o país (mal asesorado polo Banco Mundial e o Fondo Monetario Internacional) non estaba preparado (venderan excedentes alimentarios a outros países). Tamén nos pareceu veraz como reaccionan ante esas crises as personaxes. A reacción de rexeitamento á idea do neno protanista por parte do pai igual foi pouco madurada, pero podía ser natural nun momento de moita carga e crise, pensando en solucións a curto prazo antes que en “experimentos” e solucións a medio prazo.

Tamén é unha historia sobre perseverancia, crer nas ideas e perseguilas (mesmo co amago de enfrontamento co seu pai). O neno é unha figura inspiradora, non tanto por ser un supercrack, pero si por ter unha historia para romper barreiras. Falamos de que pode ter un cheiro a ese discurso que tanto gusta en EEUU (de feito, o protagonista da historia real falou nunha TED Talk) de que calquera pode facer calquera cousa e, aínda que non se diga, é como dicir que se non o consegues é que non te esforzaches o suficiente.

A historia era atractiva para moitas de nós porque falaba de tecnoloxías apropiadas. Aquí tivemos un debate sobre se a película quedábase co tecnooptimismo e o perigo que pode ter centrarse en “tecnoloxías salvadoras” en vez de enfocar a agricultura e as súas políticas en solucionar o dereito á alimentación e a soberanía alimentaria. O tabaco non se come, nin o eucalipto… Iso posiblemente vai ter máis importancia no contexto post-COVID19. A tecnoloxía, ademais, pode crea tamén división entre as comunidades ou aldeas (ou países, ou bloques de países) se unhas contan coa tecnoloxía e outras non. Iso se pode solucionar escalando o concepto de tecnoloxías apropiadas ao de “tecnoloxías para o ben común” ou tecnoloxías para non deixar a ninguén atrás.

Non nos esquecimos de salientar como as mulleres, coma sempre, levaban o peso dos coidados, mentres o marido ten unha imaxe máis pública e interese na política, deixando á familia na casa (e o certo sacrificio que a irmá fixo, que rematou por non poder ir á universidade a pesar do seu desexo e o da súa nai).

Viches a película? Queres deixarnos a túa opinión nos comentarios?