Ciberfaladoiro: clases sociais e a desigualdade
Coas novas datas (martes ás 20:30, cada dúas semanas) e un novo formato (tema principal con material audiovisual recomendado complementario), volvimos onte cos Ciberfaladoiros. Esta vez tocou falar sobre clases sociais e desigualdade. O material recomendado era Snowpiercer (serie ou película) e o cómic que iniciou todo, Le Transperceneige. Tocáronse moitos temas, dende cuestionar a existencia de círculos de poder e teitos de cristal (moitas veces dados xa dende a propia educación en colexios privados de élite onde se fan contactos que se manteñen no tempo, outras por favorecer a persoas afíns a determinados rexímentes que están no poder, outras por distintos tipos de xeitos de buscar o lucro que xa se clasificaron neste recomendable libro, etc.), a propoñer impostos progresivos (o famoso “imposto aos ricos”) e discutir sobre que podería ocorrer coas grandes fortunas, limitación de paraisos fiscais, control de herdanzas (poder herdar até un límite máximo de cartos, ou de propiedades), promoción da redución da xornada laboral e condicións laborais dignas (con máis inspeccións, que seica fan falta), e mesmo renda básica universal.
Ninguén somos expertas nestes temas, pero como isto é un ciber-bar, podemos falar do que nos peta e preguntar sen ter medo ao “que dirán”. Xa vedes que a tertulia deu para falar, e aínda quedaron cousas no tinteiro das que a serie e a película Snowpiercer nos da para reflexionar:
- Necesitamos aliadas en todas as clases sociais para poder buscar a igualdade, como insisten na serie? Pódense conseguir esas alianzas? Como? Como manter e fortalecer esas alianzas?
- O discurso dos “sen billete” improductivos que están no vagón de cola… como contrarrestalo? So as persoas ricas teñen dereitos? As leis están máis pensadadas para protexer o seu status quo ou para ser xustas? Na serie, como na realidade, as persoas con máis riqueza foron as que máis se aproveitaron do desequilibrio da biosfera que causou o cataclismo e agora só eles se salvan? Iso é claramente ecofascismo.
- É a clase alta moralmente superior e equilibrada? Na serie e na peli amosan como non…, e si amosan (quizais idealizadamente) o equilibrio e autoorganizacion nos vagóns de cola (iso si, tras amargos episodios de enfrontamento e con roces no día a día).