Posts

Concurso de iniciativas didácticas de tecnoloxía para os dereitos humanos no ensino secundario galego

Enxeñería Sen Fronteiras Galicia organiza un concurso para o financiamento dun proxecto didáctico en tecnoloxías para o ben común no ensino secundario público de Galicia.

A convocatoria enmárcase dentro do proxecto Hackers Sen Fronteiras. Tecnoloxías para o ben común e os Dereitos Humanos no ensino secundario de Galicia, fase 1, financiado pola Convocatoria de Accións de Educación para o Desenvolvemento 2022 da Xunta de Galicia.

Obxectivo

Promocionar a introdución de elementos e enfoques de tecnoloxía para o ben común e os dereitos humanos en centros públicos de ensino secundario.

A convocatoria ten como obxectivo que se desenvolvan propostas didácticas nas que se dea visibilidade o papel que a tecnoloxía pode ter para transformar o mundo promovendo valores como a igualdade de oportunidades, a re-apropiación tecnolóxica ou a tecnoloxía e os dereitos humanos. A tecnoloxía para o ben común se entende dun xeito amplo, onde tan importante como o elemento tecnolóxico “duro” é o xeito de manexalo e a reflexión de quen decide sobre a tecnoloxía (o que se chama a gobernanza da tecnoloxía).

Quen se pode presentar?

Un ou máis centros públicos de ensino secundario de Galicia, liderados por unha persoa docente (co equipo de colaboradoras que desexen).

Cal é o importe do premio?

O premio deste concurso é dun total de 900€.

O premio transferirase nun único pago á conta bancaria do centro ao que pertenza a persoa docente responsable antes de finais de decembro de 2023, para que dispoña dos fondos de xeito anticipado á realización do proxecto.

Cómo participar na convocatoria?

Enviando un correo electrónico a info@galicia.isf.es.

No asunto indicarase CONCURSO HACKERS SEN FRONTEIRAS.

No corpo do correo-e se indicará o nome do proxecto, o centro ou centros promotores, o nome da docente que encabeza o proxecto e o seu contacto (correo-e).

No correo-e se presentará como arquivo anexo ou descargable a descrición da proposta, que pode presentarse en formato pdf (sexa texto ou texto acompañado de imaxes ou infografías, cun máximo de 10 páxinas), ou en calquera tipo de formato audiovisual (non superior a 3 minutos de duración). En calquera caso, nesta descrición da proposta debe constar como mínimo:

  • Título do proxecto ou actividade
  • Centro ou centros involucrados.
  • Profesorado involucrado e departamento/s e/ou materias
  • Número de alumnas e alumnos participantes (desagregados por sexo) e cursos involucrados.
  • Antecedentes e xustificación do proxecto ou actividade.
  • Obxectivos .
  • Como se lle vai dar difusión e a que grupos? (só alumnado participante, todo o centro, participación da ANPA, encontros con outros centros?).
  • Descrición das actividades e produtos esperados e pertinencia con respecto ao obxectivo previsto.
  • Orzamento da proposta e adecuación coas actividades previstas. O centro ou centros poden, se o desexan, co-financiar a actividade para chegar a un máximo de 1200 euros (900 do premio e outros 300 doutros aportes que poidan acadar).

Prazo

Pódense presentar propostas até o 10 de decembro de 2023.

Os resultados do proceso de selección comunicaranse o 18 de decembro de 2023.

O proxecto seleccionado deberá desenvolverse entre xaneiro e xuño de 2024. Ao rematar o proxecto, deberá presentarse un dossier de execución con material gráfico sobre as actividades realizadas e/ou os produtos obtidos.

Avaliación

O comité de avaliación estará composto por tres membros do grupo de Educación para a Cidadanía Global de Enxeñería Sen Fronteiras Galicia, polo menos un dos cales será docente en activo de educación secundaria.

Os únicos requisitos indispensables son que o centro ou centros participantes sexan todos públicos e que a actividade ou proxecto involucren alumnado da Educación Secundaria Obrigatoria (podendo tamén incluír a maiores alumnado de Bacharelato ou FP).

Valorarase:

  • O axuste do proxecto ou actividade docente ao concepto tecnoloxía para o ben común e para os dereitos humanos
  • A viabilidade técnica e económica do proxecto
  • A implicación de diversos axentes da comunidade educativa e da sociedade do entorno do centro ou centros
  • A visibilidade da actividade incluíndo as actividades de difusión previstas
  • O grao de participación e apropiación da actividade ou proxecto por parte do alumnado
  • Que se desenvolva en centros de ensino de concellos rurais

Para calquera dúbida sobre as condicións da convocatoria, é posible contactar no enderezo: info@galicia.isf.es co asunto “Dúbida convocatoria premio Hackers Sen Fronteiras”.

NOVO PROXECTO: Tecnoloxía ao servizo do ben común, da cidadanía global e da inclusión nas escolas técnicas da universidade galega. Fase 2

Durante os seus xa 30 anos de historia, Enxeñería Sen Fronteiras veu traballando no cumprimento dunha das súas liñas de traballo fundamentais: a creación dunha cidadanía crítica, facendo especial énfase no uso da tecnoloxía para o desenvolvemento humano e o ben común. O concepto de “Tecnoloxía para o Desenvolvemento Humano” (ou para o ben común e a emancipación, como vimos denominándoo ultimamente), parte de cuestionar o uso histórico da tecnoloxía e apostar por unha tecnoloxía participativa e non excluínte que permita lograr a equidade e a xustiza social cun enfoque de ben común.

Con este proxecto preténdese continuar o traballo no Programa Tecnoloxía Sen Fronteiras de promoción e visibilización da tecnoloxía para o ben común nas universidades públicas galegas (chamámolo agarimosamente ESF na Uni) que ESF Galicia comenzou a traballar da rede de profesorado Artigo9Tech en 2020. Nesta segunda fase se incorpora como membro do consorcio Arquitectura Sen Fronteiras (ASF), a outra ONGD especializada no eido tecnolóxico e vinculada á universidade (que, xunto con ESF, foi tamén impulsora da rede Artigo9Tech cando empezou a crearse en 2019). Terá tamén financiación da Cooperación Galega da Xunta de Galicia, que se resolveu hai poucos días, se ben xa se leva desde xaneiro realizando actividades neste programa.


O eixo de traballo será, pois a promoción da tecnoloxía para o ben común na docencia, investigación e activismo da comunidade educativa universitaria galega de base tecnolóxica. Este traballo segue a ser moi pertinente e queda moita marxe de mellora, como amosa a liña de base levantada na fase 1.

Continuaremos polo tanto coas dúas grandes liñas de traballo segundo o grupo de persoas da comunidade universitaria destinatarias ou protagonistas:

  • Liña alumnado, para promover un alumnado crítico e mobilizado, que poida participar máis aló das accións académicas formais e se involucre dende a súa época universitaria na transformación social, xa sexa a través de ESF, ASF ou doutras organizacións, pero sempre cun enfoque de voluntariado transformador. Se se consegue alumnado implicado e sensibilizado coa cidadanía global e o ben común, no seu día a día futuro (tanto persoal como profesional) tamén poderán ser axentes de transformación. Nesta liña se realizarán faladoiros en todas as escolas técnicas galegas, o programa “Abrindo as fiestras” (na fase 1 chamado “Fora da aula!”) para impulsar accións que unan actividades docentes con servizo social (apoiando elaboración de material), a participación no Programa de voluntariado internacional de Coñecemento doutras Realidades de ESF (a edición 2023 xa rematou coa estancia, dentro deste proxecto, de Juan) e apoio ao Premio Enxeñería Solidaria a TFM/TFG.
  • Liña PDI/PAS. É moi importante tanto pola súa acción institucional para incluír no día a día da universidade ese enfoque de cidadanía global, como pola compoñente investigadora que desenvolve o PDI (e que poidan enfocala cara a tecnoloxía para o ben común). Tamén por ser o PDI multiplicador cara o alumnado de coñecementos, habilidades e actitudes que poden fortalecer e poñer o foco nos dereitos humanos e o ben común. Nesta liña impulsaranse encontros de PDI/PAS que fortalecerán a rede Artigo9Tech, o programa de mulleres tecnólogas, o programa de investigacións enfocadas á tecnoloxía para o ben común (que funcionou moi ben na fase 1), así como impulsar exemplos de visibilización e comunicación de enfoques didácticos e investigadores participativos co programa “Fóra do despacho!” ou, xa algo máis ambicioso (que ademais pode darlle solidez e sustentabilidade ao grupo Artigo9Tech). Tamén se pretende, tralo estudo de viabilidade realizado na fase 1, pasar xa ao deseño dun Mestrado Interuniversitario de Tecnoloxía para a Innovación Social e a Sustentabilidade (quen sabe se algún día se poderá poñer en marcha algo así no SUG). Quérese incluir tamén como compromiso de mellora na coherencia institucional da universidade, a elaboración dun estudo sobre as cátedras empresariais existentes na universidade e outras colaboracións con empresas, para que a universidade tamén poida influir na mellora das prácticas das empresas coas que colabora e non se quede só en colaboración para facer Academic Washing a empresas que queren lavado de cara pero as súas prácticas no eido da tecnoloxía para o ben común deixan moito que desexar.

Cabe mencionar o enfoque de xénero que se pretende incluír neste proxecto, o cal nun eido como o tecnocientífico ten unha importancia (e dificultade) especial, tanto na participación, como na co-responsabilidade do proxecto, como no comité de seguimento e as accións concretas. ESF e ASF pretenden coas súas actividades a xeración dunha cidadanía global crítica e comprometida coa loita contra a pobreza a través da Tecnoloxía para o Desenvolvemento Humano, para o cal terá en todas elas un protagonismo destacado o voluntariado, como co-responsable do seu deseño, execución, seguimento e avaliación, tendo persoas colaboradoras dentro do alumnado e tamén dentro de PDI/PAS na propia rede Artigo9Tech que facilitarán o traballo de transformación da universidade “dende dentro”.

Para a difusión empregaranse sobre todo canles 2.0 e a través da comunidade de ASF, ESF e do grupo Artigo9Tech (e das organizacións coas que se vaia colaborando en cada actividade), así como tratando de potenciar as áreas de sistematización de experiencias e tamén a de comunicación en medios convencionais, e por suposto nos máis académicos apoiados no concepto de Open Access ou Acceso Aberto ou Libre (para visibilizar neles tamén a acción de Artigo9Tech con ese enfoque de tecnoloxía para o ben común).

Levantarase unha liña de base específica nun centro concreto (a Escola de Arquitectura da UDC), polo desexo de ASF de afondar no traballo no que é o seu centro de referencia, de xeito que permitirá deseñar unha metodoloxía específica de estudo adaptada a cada centro. Servirá para coñecer a situación do centro con respecto á tecnoloxía para o ben común e o dereito ao hábitat no seu desempeño organizativo, docente e de investigación. Así, se poderá aplicar en fases posteriores ir vendo as necesidades, apertura e posibilidades concretas de introdución deste enfoque alternativo da tecnoloxía para o ben común e os dereitos humanos escola por escola.

FICHA DO PROXECTO

Título: NOVO PROXECTO: Tecnoloxía ao servizo do ben común, da cidadanía global e da inclusión nas escolas técnicas da universidade galega. Fase 2

Data execución: xaneiro 2023 a novembro 2024

Financiador: Xunta de Galicia, Cooperación Galega

Orzamento: 55.150 €


Estudo sobre Tecnoloxía para o Ben Común no ensino secundario galego

Como parte da primeira fase do programa Hackers Sen Fronteiras: Tecnoloxías para o ben común e os Dereitos Humanos no ensino secundario de Galicia, elaborouse un estudo sobre o coñecemento e a aceptación na comunidade galega do ensino secundario do enfoque de Tecnoloxía para o Ben Común.

Por un lado, se obtivo información de profesorado e por outro de alumnado (no caso do alumnado, só dos 3 centros que participan como centros piloto de Hackers Sen Fronteiras). Queremos agradecer á Asociación do Profesorado de Tecnoloxía de Galicia (APETEGA) a súa implicación para mover a enquisa entre as súas asociadas.

DESCARGAR ESTUDO

Algúns datos de interese

Para recoller a información aportada polo alumnado deseñouse un cuestionario online 2 cunha batería de preguntas pechadas realizado polas rapazas e rapaces participantes no proxecto dos tres centros educativos. A finalidade desta enquisa é medir os seus coñecementos e actitudes en relación á tecnoloxía (e, de xeito máis concreto, á tecnoloxía para o desenvolvemento humano e o ben común).
Finalmente, a enquisa baséase en 125 cuestionarios válidos (54% mulleres). A distribución por centro é dun 58% do IES de Celanova, 22% do IES San Rosendo de Mondoñedo e 19% do IES de Curtis3.

A pesar que case a metade do alumnado cree posuír un pouco de coñecemento sobre a TpBC (e o 20% afirma ter bastante ou moito) na pregunta inicial sobre autopercepción, as respostas ás seguintes preguntas apuntan a que, en realidade, o enfoque da TpBC está moi afastado da súa realidade.

Fenda de xénero: as rapazas continúan sen percibir o eido tecnolóxico como propio, sen optar por el como futuro profesional. Neste caso, nunha escala do 0 ao 10, os rapaces sitúan a probabilidade dun posible futuro laboral vinculado á tecnoloxía no 6,5, fronte ao 3,8 de media das
rapazas.

✓ No momento de sinalar o que pensan que é tecnoloxía, existe unha fenda enorme entre os exemplos de tecnoloxía duras (mencionados por unha porcentaxe de alumnado moi elevadas, de entre o 76% e o 98%) e as brandas (sinaladas como exemplos de tecnoloxía tan só por entre o 6% e o 46%). Por exemplo, a mocidade participante ten claro que os teléfonos móbiles ou os robots con intelixencia artificial son tecnoloxía, mentres que non entrarían neste concepto cousas como a organización veciñal para a xestión da monte ou unha campaña de reciclaxe.
✓ Tamén se observa esta forte tendencia ao escoller os conceptos ou ideas que, segundo o alumnado, gardan relación co eido tecnolóxico. Por exemplo, máis do 90% cre que termos como robótica, internet e informática están vinculados á tecnoloxía, fronte a menos do 10% a vincula á solidariedade, fame ou igualdade.
✓ Ademais, evidénciase que non perciben o impacto potencial que poida ter a tecnoloxía no avance no desenvolvemento humano e a consecución dos dereitos humanos. É dicir, desde a súa visión, a contribución da tecnoloxía a promover a democracia ou a erradicar a fame no mundo, por exemplo, é pouca.

A información aportada polo profesorado foi recollida a través dun cuestionario realizado de xeito online por un total de 21 persoas. 7 destas persoas pertencen aos tres centros educativos implicados no proxecto (3 do IES de Celanova, 3 do IES de Curtis e 1 do IES San Rosendo de Mondoñedo) e o resto traballan en diferentes centros de secundaria de toda Galicia. En total, cóntase coa representación de 16 centros.

O profesorado que coñecen o concepto de TpBC é moi pouco, e manifestan unha autopercepción media do seu coñecemento sobre ese tema de 4,6 nunha escala do 0 ao 10.

Porén, o interese medio manifestado por coñecer a tecnoloxía para o desenvolvemento humano e o ben común é moi alta, situándose no 8,4 na mesma escala.


Case 3 de cada 4 afirman que ten bastante ou moita importancia ese enfoque na súa actividade docente e tan só o 19% sinala que pouca ou ningunha. Ao preguntar de novo polo seu interese por introducir nalgún momento este enfoque nas aulas, saen resultados moi positivos (nunha escala do 1 ao 5, outorgáronlle un 4 de media á afirmación “Teño interese en introducir o enfoque TpDH nas miñas clases en algún momento”).

É importante subliñar que tan só o 11% do profesorado (2 persoas) considera que ten bastantes materiais ou recursos que lle axuden a introducir o enfoque da TpBC na impartición das súas materias.

Esta escaseza de coñecementos, materiais e recursos pode estar detrás de que tan só unha persoa recoñeza que realizou moitas iniciativas para traballar este enfoque na aula (e o 33% afirma que nunca). A esta liña apuntan as súas respostas ao preguntarlles polas necesidades que perciben para poder introducir o enfoque da TpBC con maior frecuencia nas aulas: máis formación-coñecementos e máis recursos didácticos son as opcións máis frecuentes (mencionadas por un 67% e 58% respectivamente).

Estudo sobre tecnoloxía para o ben común nas universidades

Dentro do programa que temos en marcha de Tecnoloxía Sen Fronteiras, de promoción da tecnoloxía para o ben común nas escolas técnicas das universidades públicas galegas, fixemos en 2022 unha liña de base (diagnose) para ver o grao de coñecemento e aceptación na comunidade universitaria deste enfoque da tecnoloxía. Deste xeito, poderemos ir estudando nas seguintes fases do programa en que medida vai cambiando esta percepción.

DESCARGA VERSIÓN COMPLETA

DESCARGA RESUMO

Algunhas conclusións interesantes

✓ Destaca o coñecemento sobre os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible. En relación coa temática concreta desta intervención, posición media (2,8 sobre 5), sen estar de acordo nin en desacordo coa afirmación “teño un bo coñecemento sobre a Tecnoloxía para o Desenvolvemento Humano e o Ben Común”.
✓ En termos xerais e exceptuando o acceso a servizos básicos, o alumnado non percibe que actualmente a tecnoloxía estea a contribuír de xeito notable ao desenvolvemento humano e sostible a nivel global.
✓ Amosa acordo coa idea de que o enfoque da Tecnoloxía para o Ben Común é necesario para a súa formación e para o seu futuro e que sería
interesante que houbese máis materias con este enfoque.

✓ Destaca o alto coñecemento sobre os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible. En relación coa Tecnoloxía para o Ben Común, posición media-baixa no grao de coñecemento (2,5 sobre 5).
✓ En termos xerais e exceptuando o acceso a servizos básicos, o Persoal Docente e Investigador (PDI) tampouco percibe que actualmente a tecnoloxía estea a contribuír de xeito notable ao desenvolvemento humano e sostible a nivel global.
✓ Amosa certo acordo coa idea de que o enfoque da Tecnoloxía para o Ben Común é necesario para o futuro profesional do seu alumnado e que este tería
interese.
✓ Manifesta certo desacordo co afirmación de que contan cos coñecementos necesarios para introducir a Tecnoloxía para o Ben Común na súa docencia.

Boletín Oficial ESFeiro. Abril 2023

Benvidx ao BOE de maio 2023. Se prefires a versión sonora resumida en 6 minutiños en formato podcast, aquí podes escoitala!

CONTIDOS

  • Vida Asociativa
  • Honduras
  • Mozambique
  • Enlaces de interese
  • Recomendación artística
  • E no próximo mes …
  • A ESFrase do mes

VIDA ASOCIATIVA

   Durante o mes de marzo tivemos varios eventos interesantes. Empezamos fortes co encontro en A Coruña compartindo experiencias de loita pola terra con afectadxs pola vertedura en Perú de Repsol, colaborando na organización coa ONG Entrepobos. Tamén na Coruña, celebramos o día internacional da enxeñería polo desenvolvemento sustentable no Museo Nacional de Ciencia y Tecnología, con varios faladoiros e obradoiros. Tivemos representación na Asamblea de la Federación Española de Ingeniería Sin Fronteras que se celebrou en Tarragona e houbo tempo para un ciberfaladoiro sobre os Dereitos Humanos en Colombia, co compa Mateo (aínda non regresou do seu PCR 2022!!) e outros membros da misión que foi este ano a verificar o estado de dereitos humanos nas zonas de conflicto dese país.

   No programa Hackers Sen Fronteiras houbo faladoiros en centros de Mondoñedo, Vigo ou Porriño.

   Os Bancos de REciclaxe Electrónica con Software Libre continuaron a súa actividade, arrancando o novo proxecto que financia a Xunta de Galicia con fondos de IRPF en colaboración con Ecos do Sur. Realizaron unha presentación na Facultade de Informática da UDC e novas “fichaxes” se incorporaron á colaboración. Tiveron tempo tamén para facer o primeiro dos obradoiros de Autodefensa Dixital na Domus da Coruña.


HONDURAS

   En Honduras, dentro do programa de promoción e defensa do dereito humano á auga, iniciou xa o proxecto financiado pola Agencia Española de Cooperación Internacional para el Desarrollo, Mellora da Xestión Pública e Social para a Gobernanza dos Recursos Hídricos en 9 municipios da Rexión 13 Golfo de Fonseca. Fase 1. Aquí se pode ver en que consistirá.

   No outro programa en marcha no país, o de dereito á alimentación con enfoque de soberanía alimentaria, segue en marcha o de apoio a iniciativas de marisqueo financiado pola Xunta de Galicia e Deputación da Coruña


MOZAMBIQUE

Este pasado marzo aprobouse no Consello da Xunta de Galicia o novo convenio entre Augas de Galicia, Cooperación Galega e Enxeñería Sen Fronteiras para traballar un ano máis no convenio Aqua Moz Secara. Unha boa nova que dará continuidade ao proxecto, mantendo o traballo coa Administración Rexional da Auga do Sur (ARA-Sul), reforzándoo coa Administración da Auga do Norte, e mesmo iniciando a ampliación cara a Administración Rexional da Auga do Centro (aquí se pode ver algo máis sobre como se organiza a xestión da auga en Mozambique). En Compostela tivemos un encontro para coñecer o estado do programa e do país, no que Manuel, o experto técnico do programa que fortalece ás ARAs no eido das secas e xestión de encoros, nos contou detalles da súa estancia de hai unhas semanas.

  Tamén estivemos deseñando unha serie de elementos comunicativos que pronto haberá ocasión de coñecer, coa colaboración de AGARESO.


ENLACES DE INTERESE

Auga 

(nótase ben que o 22 de marzo foi o día da auga…)

Consumo responsable

Cooperación e ONGD

Educación para o desenvolvemento

Enerxía e cambio climático

Iniciativas

Investigación para o desenvolvemento 

Mundo

Pobreza e exclusión

Políticas e modelos de desenvolvemento

Soberanía alimentaria e desenvolvemento rural

Tecnoloxías da Información e Comunicacións (TIC)

Tecnoloxía para o desenvolvemento humano

Voluntariado e Persoas


RECOMENDACIÓN ARTÍSTICA

    Este mes toca recomendación de cine. É a película Matria, cine social na ópera prima de Álvaro Gago Díaz, que se estreou en cines a finais de marzo e xa gañou premios relevantes, sobre todo María Vázquez, a actriz que interpreta á protagonista.


E NO PRÓXIMO MES …

   Para máis info sobre cursos e eventos en Galicia  consulta a Axenda Solidaria e as formacións da Coordinadora Galega de ONGD


A ESF-RASE DO MES

“A desinformación é como cocaína. Se a tomas unha ou dúas veces non pasa nada. Pero se a tomas constantemente, cámbiate como persoa”

Yuri Andrópov

Reseña do libro ‘Contra el futuro, resistencia cidadá fronte ao feudalismo climático’

Marta Peirano explora con mirada crítica as costuras a medio descoser da sociedade que nos rodea e que enarbora a bandeira do optimismo tecnolóxico.

Nesta época con tinguiduras apocalípticas, onde os problemas e as súas causas estúdanse e repítense até a saciedade, agradécese un libro que os aborde de fronte e con solucións. Faio ademais sen culpabilizar á cidadanía, pero tratando de propor alternativas ao alcance de calquera. O libro está atravesado por unha idea central de acción cidadá colectiva, que debería impregnar calquera solución de transición social xusta. La outra opción sería unha sociedade cunha tecnoloxía ao servizo de l control da cidadanía en nome da seguridade, oun van intento de manexar un decrecemento obrigado e disruptivo onde o ecofascismo sería probablemente o sistema que se imporía (e que xa hai tempo ten presenza en libros, series, cómics e outros produtos mesmo de consumo de masas, como as distópicas O Conto da Criada ou Snowpiercer).

A autora non fuxe desa parte que nos quita o soño a quen estamos no activismo para unha transformación social para unha sociedade máis solidaria, sustentable e igualitaria: como se pode mobilizar? Ou, máis ben, como sacudirse esa apatía, moitas veces case cínica, que vén da resignación do “nada vai cambiar porque o ser humano é así”, que adoita esconder un desexo de seguir como estamos que outra xente pásao peor?

Desta maneira, o libro ten tres partes ben diferenciadas, todas elas cun ton moi didáctico, salpicadas de casos reais moi ilustrativos.

Na primeira parte toca distintos mitos que condicionan desde hai séculos o noso marco de pensamento e nos coartan á hora de buscar solucións novas a novos e máis complexos problemas.

Fala da Arca de Noé como mito de tecnoloxía que nos saca dun gran problema (a uns poucos). Tamén do mito do home branco que se fai a si mesmo e véndese como filántropo tecnolóxico, personalizándoo en Elon Musk e Jeff Bezos. Son liderados moi personalistas que activan marcos do máis alto, máis lonxe, máis forte (e máis tecnoloxía gobernadas por moi pouca xente que nos xeran a máis persoas aínda máis dependencia).

Desenvolve o mito da neutralidade tecnolóxica a partir da paradigma Von Braun, tanto para a exploración espacial como na tecnociencia en xeral, que “non ten límites nin moral porque é unha ferramenta de conquista da especie humana sobre todo o demais”. Contrapon ese paradigma ao que chama Paradigma de Carl Sagan, para o que “a observación e análises colectivas dos fenómenos do universo a través de instrumentos cada vez máis precisos son máis valiosos para a ciencia que a conquista e transformación de novos espazos a golpe de enxeñaría imperial”. Pero esa acción colectiva é menos vendible á opinión pública (e medios de comunicación de masas) que as historias persoais de liderado e superación, cando en realidade a ciencia e a tecnoloxía é máis a historia de humilde e paciente traballo de formiguiñas. Gusta máis o mito de xenio que inventa unha nova rama das matemáticas, ou crea empresas punteiras no seu garaxe (ou, engadiríamos nós, o que crea un sistema operativo da nada para darlle en a boca ás grandes empresas, cando sabemos que GNU-Linux é ao final o traballo dunha enorme comunidade).

Aínda na primeira parte, Marta Peirano trae á palestra varias tecnoloxías que xa están a impulsar as elites que creen que elas si se van a poder salvar do que vén. Unha é a conquista doutros planetas (Marte, por exemplo). Outra son o que chama castelos, emprazamentos en lugares óptimos da Terra que permitan aguantar a algúns elixidos o peor do cambio climático. Tamén mete o dedo na chaga do Metaverso e tamén no das cidades construidas da nada (sabiades que a area é unha das materias primas máis demandadas do mundo?). A continuación toca o mito da superpoboación, para acabar este bloque de mitos analizando por que é difícil pensar no cambio climático e maneiras de impulsar esa reflexión para ir contando cunha cidadanía consciente.

A segunda parte fala de máquinas. Se para primeiramente nalgunhas grandes solucións, moi custosas, que alimentan o case-mito da economía circular, herdeira da economía verde ou do crecemento sustentable: xeo-enxeñería, captura de CO2, campañas de macroplantacións de árbores, etc. Pero o bloque ten unha segunda parte, onde se reflexiona sobre tecnoloxías máis sociais, onde todas e cada unha podemos participar. Unha é o cambio cara a unha dieta con menos produtos animais (desde moitas organizacións trabállase xa hai tempo con lemas como menos carne, mellor carne). Outro é a promoción do contacto coa natureza no noso hábitat, xa que estamos programadas desde hai milenios para estar na natureza, non en balde o verde e o azul son as cores que máis nos relaxan… Atrévese a entrar en sistemas e novos modelos de vivir e organizarse, con espazos comunitarios e igualitarios, baseándose na devolución de terras, xestión racional dos recursos e redución da industria agro-alimentaria intensiva.

Ao terceiro bloque chamoulle Intelixencia Non Artificial. Vai debullando nel distintos aspectos básicos para a vida e o papel da tecnoloxía e a súa gobernanza neles. Empeza coa auga, con historias de boas e malas prácticas por todo o mundo. Tamén explora o modelo de incentivos vs multas para promover boas prácticas cidadás en distintos ámbitos, con exemplos de colaboración entre administracións públicas e cidadanía. Hai un capítulo dedicado ás smart cities, onde reflexiona como serían as cidades verdadeiramente intelixentes, as que non están de costas á cidadanía porque solo considéraa un emisor de datos para explotar comercialmente en nome da seguridade.

A continuación explora o concepto de Nubes Temporais Autónomas, como maneiras de empregar o big data con datos públicos para extraer información útil e poder resolver un problema puntual ou estudalo, de forma que a consulta desapareza posteriormente para que non poidan usarse esas segmentacións de datos persoais con obxectivos comerciais.

Un capítulo moi revelador é no que a argumenta que vivimos cada vez máis nun mundo sin friccións, nas nosas burbullas, sen unha comunidade real física onde hai relacións de apoio mutuo, discusións e negociacións. As comunidades virtuais superan en importancia e tempo dedicado ás de proximidade física. Afirma que hai que recuperar a pertenza a comunidades reais, as de xente que queda sen auga cando unha mesma quedas sen auga. Chega mesmo a falar da importancia da mobilización comunitaria para traballos na nosa contorna (un “exército civil contra o cambio climático”), que ten que ver con esa pertenza á comunidade e que, mesmo nas aldeas, foise perdendo, ao perderse os traballos comunitarios ligados ao sector primario.

Acaba, con todo, cun chamamento á esperanza, a usar e crear tecnoloxías pensadas para dar poder á cidadanía, coa xente que temos máis preto. Si hai unha tecnoloxía que nos salve (ou, máis ben, nos axude a salvarnos), será a que favoreza iso.

Detalles do libro

  • Marta Peirano. Contra o futuro. Resistencia cidadá fronte ao feudalismo climático.
  • Penguin Random House Grupo Editorial, 2022. 173 páxinas.

Bolsa de voluntariado internacional para profesorado de secundaria

Ampliamos prazo para solicitar a bolsa que, este 2023 sacamos no noso Programa de Coñecemento da Realidade (PCR) para persoal docente de centros de ensino secundario de Galicia, financiada pola Cooperación Galega da Xunta de Galicia no proxecto Hackers Sen Fronteiras.

A persoa seleccionadas realizará un itinerario formativo específico previo para participantes no PCR, cunha pequena parte presencial e outra parte en liña. A continuación, nalgún momento entre xuño e setembro, terá lugar a estancia en Honduras. Alí poderá coñecer os proxectos nos que participamos, o traballo das organizacións hondureñas coas que colaboramos, e vivir de primeira man esa realidade, acompañando a outras dúas persoas non docentes que participarán tamén no programa e ao resto do equipo en terreo. A estancia poderá durar entre 1,5 e tres meses, según dispoñibilidade da persoa seleccionada.


Enxeñería Sen Fronteiras faise cargo da viaxe, seguro e aluguer da vivenda en terreo, así como posibles desprazementos ás activides se se programen. A cargo da persoa correrá a súa manutención e gastos correntes da vivenda (auga, luz, …), así como o restos dos gastos persoais que poida ter na estancia.

Se tes interese, ou sabes dalguén que o poida ter, aquí están as bases completas, con información sobre o contexto, os criterios de selección, o xeito de presentar candidatura e os prazos.

Data límite de presentación de candidatura, 19 de marzo ás 23:59

Vente con ESF coñecer outras realidades!

Abrimos prazo para solicitar unha das tres prazas que este 2023 sacamos dentro do noso Programa de Coñecemento da Realidade (PCR).

Haberá un proceso de selección de tres persoas. Unha das prazas está enfocada específicamente a persoal docente de centros de ensino secundario de Galicia. as outras dúas, non teñen un perfil concreto.

As tres persoas seleccionadas se integrarán na asociación (se é que non estaban xa integradas), realizando ademais un itinerario formativo específico para participantes no PCR, cunha parte presencial e outra parte en liña. A continuación, nalgún momento entre xuño e setembro, terá lugar a estancia en Honduras, coñecendo os proxectos nos que participamos, o traballo das organizacións hondureñas coas que colaboramos, e vivindo de primeira man esa realidade. A estancia, no caso da praza para docentes de secundaria, poderá durar entre 1,5 e tres meses. No caso das outras dúas prazas, durará entre 2 e 3 meses. Á volta farase unha devolución do aprendido.
Enxeñería Sen Fronteiras faise cargo da viaxe, seguro e aluguer da vivenda en terreo, así como posibles desprazementos ás activides se se programen. A cargo da persoa correrá a súa manutención e gastos correntes da vivenda (auga, luz, …), así como o restos dos gastos persoais que poida ter na estancia.

Se tes interese, ou sabes dalguén que o poida ter, aquí están as bases completas, con información sobre o contexto, os criterios de selección, o xeito de presentar candidatura e os prazos.

Data límite de presentación de candidatura, 22 de febreiro.

Boletín Oficial ESFeiro: xaneiro 2023

Se prefires a versión resumida en podcast, aquí podes escoitala!

CONTIDOS

  • Vida Asociativa
  • Honduras
  • Mozambique
  • Enlaces de interese
  • Recomendación artística
  • E no próximo mes …
  • A ESFrase do mes

VIDA ASOCIATIVA

    En decembro continuamos o proxecto de Hackers Sen Fronterias, con faladoiros en centros de ensino de secundaria sobre distintos aspectos da tecnoloxía para o ben común. A principios de mes estivemos en Curtis facendo o faladoiro introductorio para 1º, 2º, 3º e 4º da ESO. Logo foi o turno do IES de Celanova, onde falamos sobre soberanía alimentaria a FB básica, 1º de bacharelato e 3º da eso, e onde Martina e Lucía contaron a súa experiencia como mulleres tecnólogas polo ben común a 4º da ESO.

    Precisamente o grupo de Mulleres Tecnólogas para o Ben Común de ESF tivo un par de encontros presenciais en decembro, en Santiago (aproveitando o encontro da base social de outono, a nosa Xuntanza) e en A Coruña, para ir facendo grupo.

    Ademais da Xuntanza de principio de mes, que aproveitamos para celebrar a nosa Asemblea Xeral (onde aprobamos novos estatutos!) e outras sesións coa base social que foron moi curativas, tivemos a final de mes a comida de Nadal, que xa empeza a ser tradición. Aproveitamos para falar de moitas cousiñas, coñecerse moita xente que está fora e aproveita as festas para vir a Galicia e, en resumo, vertebrar.

    O proxecto de tecnoloxía para o ben común nas universidades galegas, que financiou a Xunta de Galicia e o Concello de Lugo e comezara en 2021, chegou ao seu fin da súa primeira fase. Tivemos un encontro en A Coruña da rede Artigo9Tech para facer ese peche, que serveu para compartir as iniciativas de investigación en tecnoloxías para o ben común financiadas pola rede e pensar no futuro da propia rede. Na nosa web fomos deixando os resumos das 4 iniciativas apoiadas:

  • VisualTech, plataforma para mapeo de produtos de apoio de baixo custo
  • ATOPA, app para mellorar a convivencia nas aulas
  • Xogando coas letras, ferramenta didáctica para mellorar a lecto-escritura de persoas con dificultades 
  • INVIT, Innovación en vivenda transicional como proceso para a recuperación das persoas desprazadas

    Tamén como peche deste proxecto, lle adicamos o especial de Nadal de ESFRadio á rede Artigo9Tech e a esas iniciativas, con varias das investigadoras involucradas. A principio de mes saíra ao aire o programa de ESFRadio sobre “moedas sociais”, onde tivemos connosco dúas persoas impulsoras dunha moeda social galega, A Sabia.


HONDURAS

    En Honduras durante decembro só nos quedou unha das tres persoas que participaron en 2022 no Programa de Coñecemento da Realidade, Mateo. A súa crónica sobre o barrio foi a última antes de rematar a súa estancia. Tamén foi o cronista do encontro que, dentro do proxecto ‘Mejora de la gestión comunitaria del agua en el sur de Honduras, Fase 1’, financiado pola Cooperación Galega da Xunta de Galicia, tivo lugar para intercambio sobre boas prácticas de xestión da auga e as microcuncas no sur de Honduras.   

    Por outra banda, abrimos unha praza para persoal técnico expatriado en Honduras, que se incorpore ao equipo de 3 persoas que xa están no país. A mediados de xaneiro esperamos ter á persoa.


MOZAMBIQUE

En Mozambique, co proxecto no que ESF colabora con Augas de Galicia, decembro foi un mes de peche de ano, con traballo da Administraçao Regional da Agua do Sul nas súas propias labores administrativas e de xestión. Ademais, tramitouse a bolsa para un dos seus técnicos de xeito que puidera completar o seu mestrado en Hidráulica e Recursos Hídricos na Universidade Eduardo Mondlane, na súa Facultade de Engenharia. En Galicia, estivemos xa empezando o deseño de como queremos que sexa a imaxe e a difusión deste proxecto, ao que queremos visibilizar moito máis. Para iso contaremos coa colaboración de AGARESO, especialistas nestes temas coas que xa temos traballado no proxecto que vén de rematar de Mulleres Bravas.


ENLACES DE INTERESE

Auga

Consumo responsable

Cooperación e ONGD

Educación para o desenvolvemento

Enerxía e cambio climático

Iniciativas

Investigación para o desenvolvemento 

Mundo

Pobreza e exclusión

Políticas e modelos de desenvolvemento

Soberanía alimentaria e desenvolvemento rural

Tecnoloxías da Información e Comunicacións (TIC)

Tecnoloxía para o desenvolvemento humano

Voluntariado e Persoas


RECOMENDACIÓN ARTÍSTICA

    Empezamos o ano bailongas coa lista de reprodución de “Mujeres que cambian el mundo, unha lista con músicas de mulleres de todo o mundo que reivindican os seus dereitos e bailan a revolución.


E NO PRÓXIMO MES …

   Para máis info sobre cursos e eventos en Galicia  consulta a Axenda Solidaria e as formacións da Coordinadora Galega de ONGD


A ESF-RASE DO MES

Leváronnos a todos a imaxinar un modelo que só contempla a competencia. Estamos todos enloquecidos competindo uns cos outros.

Xavier Soler, en entrevista podcast RAdiactivas

Crónicas dende Honduras, 5.

Xa temos a Carmen de volta en Galicia, pero quere despedirse coa crónica dos seus últimos días en Honduras.


As seguintes semanas foron tamén de gran actividade con CODDEFFAGOLF.

O acompañamento ao programa de Investigación para a recollida de cámaras trampa (para facerlle fotos aos animais da Isla Exposición) foi unha aventura estupenda, abrindo paso co machete, puidemos ver fauna coma unha tarántula, unha tartaruga, ou comprobar como pican as formigas.

Tamén nos invitaron a acompañalos na recollida de medusas para a comprobación do seu nivel de toxicidade. Da man do persoal técnico puidemos apreciar distintos tipos de manglares e aprender un pouco sobre a fauna autóctona: camaróns, gaivotas, o curil, crocodilos (estes quedamos cas gañas de velos; de lonxe).

Visitamos outros proxectos moi interesantes e que na miña opinión poden ter un grande impacto, como é o proxecto de ecoturismo na comunidade na praia de Boca de Río Viejo, onde se plantexa a consolidación de campamentos para a observación da solta de tartarugas. O lugar é privilexiado, aínda sen electricidade ou canalización de auga, e todavía relativamente libre de contaminación.

Tamén puidemos visitar o proxecto de gobernanza das mulleres marisqueiras de Amapala, onde atopamos a Dona Lourdes e Dona Alba, ás que puiden escoitar fai anos nun coloquio na súa visita a Galicia da man de ESF.

Igualmente participamos en reunións sobre o proxecto de construción do paseo marítimo de San Lorenzo, ou da man de Raquel para a formulación dun pequeno proxecto de xénero, ambos con NASMAR.

E puidemos aportar un pouquiño impartindo unha charla sobre protección de datos ao equipo de CODDEFFAGOLF, cun pequeno plan de seguridade para a organización, un coloquio sobre a Navegación segura por Internet e Tecnoloxía ética coa Rede de Jóvenes que resultou moi interesante e participativo, ou a dinamización da Xornada de concienciación ambiental e fortalecemento organizativo e de comunicación da Red de Jóvenes, que foi un éxito e no que a principal concienciada, fun eu 🙂

Nas findes seguimos coñecendo a zona, visitando San Marcos de Colón, moi preto da fronteira con Nicaragua, con filas de camións esperando para pasala, ou de visita con Raquel ao pobo de Ojojona, famoso pola súa artesanía e onde puidemos mercar o jícaro, cuenco elaborado a partir do fruto do jícaro. Tamén coñecimos a noite de San Lorenzo, moi divertida aínda que chea de reguetón…

En resumo, foi unha experiencia inolvidable que espero deixe marca, de aprendizaxe continuo, grazas á cantidade de lugares e proxectos distintos e interesantes que visitamos, pero sobre todo grazas ás persoas que compartiron o seu tempo connosco alí, que che amosan e explican a realidade hondureña, afondando na comprensión da situación e ás inxustas diferenzas respecto ao noso entorno, e polo tanto a ESF, que promove e facilita esta sensibilización de primeira man.