ESF
+ que facemos
Liñas de traballo
Traballamos cun enfoque de tecnoloxía para o desenvolvemento humano, que ten que ver co feito de que a tecnoloxía nunca se trata dun feito neutral, senon que tense que traballar nun marco cultural, socioeconómico e ambiental determinado en cada circunstancia, e cunha intencionalidade de xustiza social e cidadanía global transformadora (para acadar ese desenvolvemento humano). Neste sentido, tocamos 5 grandes liñas de traballo, sempre interrelacionadas:
INVESTIGACIÓN PARA O DESENVOLVEMENTO: estudo, análise e desenvolvemento dos coñecementos, actitudes e procedementos, desde unha dimensión de cidadanía global, co obxectivo de definir e promover un desenvolvemento humano sustentable.
EDUCACIÓN PARA O DESENVOLVEMENTO (EpD): proceso educativo constante que favorece a comprensión sobre as interrelacións económicas, políticas, sociais e culturais entre Norte e Sur, que promove unha conciencia crítica, así como valores e actitudes relacionados coa solidariedade e a xustiza social e busca vías de acción para alcanzar un desenvolvemento humano e sostible. Parte dunha análise en profundidade, que cuestiona o modelo de desenvolvemento e promove accións para o cambio a nivel individual, local e global a medio e longo prazo.
SENSIBILIZACIÓN: proceso divulgativo e informativo levado a cabo mediante accións puntuais, polo cal se pretende facer ver unha realidade e denunciar situacións de inxustiza, educando a través da profundización sobre un tema concreto, tentando despertar unha visión crítica no público xeral ou definido, empregando para iso calquera modo de difusión e esperando unha concienciación permanente.
INCIDENCIA: conxunto de accións encamiñadas a influír naqueles que, tanto dende o ámbito público como privado, toman decisións, elaboran leis, regulacións e distribúen recursos que afectan ao benestar das persoas . Perséguese un cambio social, incluíndo unha reforma lexislativa e política. O público obxectivo estará ben definido, así como debe estar claro a quen se está tratando de influenciar e que política se desexa cambiar (centrarse nun contexto en particular).
ACCIÓNS (PROGRAMAS) DE COOPERACIÓN INTERNACIONAL: que sóen contar con todas ou algunha das compoñentes anteriores e, a maiores, poden desenvolver proxectos de construcción de infraestructuras ou apoio a familias (esencialmente nas zonas rurais), sempre en colaboración son socios locais dos países de traballo (organizacións do país que coñecen mellor a realidade da zona e están en contacto directo coa poboación participante). A particularidade é que estes proxectos máis infraestruturais teñen sempre o enfoque de tecnoloxía para o desenvolvemento, que implica o reforzo de capacidades, a participación local en todas as fases do proxecto, así como a aprendizaxe mútua, sendo o máis importante a ponte que se trata de tender entre as sociedades civiles dos países de traballo e do noso entorno en Galicia, de cara á promoción dese "pensar globalmente". No Manual de Programas de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento de ESF Galicia e na wiki de ESF hai máis información do xeito que temos de traballar nesta liña.
| + Menú: que facemos |
|---|
| > Liñas de traballo |
| Memorias anuais |
| Transparencia |